Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas

Novas

"GRUPO DIDÁCTICO" DA UNIVERSIDADE POPULAR

Lume na Palleira / 23.02.07


Da man de Xaime Estévez, o sábado 24 de febreiro, nos "Recunchos da palleta", coñecimos millor unha parte da historia da Universidade Popular de Vigo, concretamente o "Grupo Didáctico de Instrumentos musicais Populares Galegos" que se formou nos anos 80.

Este grupo xurdiu a partir da Banda de Gaitas Xarabal, que procurou integrar no seu seo todo tipo de instrumentos. Os instrumentos que empregan foron construídos na súa maioría nos obradoiros da propia Universidade Popular.

Actualmente o “Grupo Didáctico de Instrumentos musicais Populares Galegos" organiza concertos didácticos para explicar as bases da nosa música tradicional en centros de ensino e asociacións veciñais.

Como invitado especial, contamos coa colaboración de Tiano Labraña, gran mestre da música tradicional e unha autoridade dentro do mundo da gaita.

Regueifas no Liceum - O Porriño

Concertos / 21.02.07

Para quen non o saiba, temos que dicir que unha Regueifa é un desafío oral improvisado en verso, de longa tradición na nosa cultura popular (e tamén noutras) que se mantivo especialmente vivo ata o día de hoxe na Comarca de Bergantiños (Regueifeiros) e no Courel (Brindeiros). Habitualmente este duelo dialéctico soíase levar a cabo nas vodas ou outros actos sociais, Festas, Feiras..., ou como non nos bares. Despois desta longa etapa de transición temos a ocasión de presentar nesta afanada sala unha nova remesa de "Fistores" ou poetas das silveiras que máis que unha Regueifa, van desenvolver unha "performance" na que se combina a satira, a poesia o cuasiteatro, a música, o cabaret...Os protagonistas deste evento son: Luis "O Caruncho" (Vigo), gaiteiro, zanfoñista e artista todo terreo da música tradicional, é regueifeiro dende hai pouco e foi quen de baterse cos máis reputados magos da palabra e sair ben parado. Pinto D´Herbón (Padrón Herbón), foi descuberto para o arte como roqueiro agro-pimenteiro, para posteriormente ser rescatado deste ambiente marxinal para incorporalo o "Star System" regueifeiro do que xa non hai quen o baixe. Por último, Benito Lobariñas (Vigo- Gondomar (Couso)) procede da música tradicional pero tamén ten un importante currículo como mestre, sindicalista e compositor de letras para comparsas de antroido.
Sera o venres 23 de Marzo as 23 horas. Os prezos 5 euros, 4 euros anticipada e 2,5 para socios.

PACO DE ESCORNABOIS

ALALA / 20.02.07

Esta semana, o programa Alalá viaxa á comarca da Limia. Francisco Villarino, máis coñecido como Paco de Escornabois, é probablemente un dos gaiteiros máis recoñecidos de Galicia e o protagonista desta edición. Paco tivo a súa primeira gaita aos dezaseis anos e aprendeu a tocala en só tres días. Agora, con oitenta e dous, é un mestre cun repertorio interminable.

O seu peculiar xeito de mover os dedos sobre o punteiro, os seus picados e repicados, atraen aos músicos máis novos que intentan imitar as súas características ornamentais. Características que el aprendeu dun gaiteiro chamado Leopoldo Quiroga cando, este, acababa de saír do cárcere trala Guerra Civil. Agora é Paco quen ensina, e moitos deses mozos, coma Iván Area, Félix Castro ou Curro Romero falarán da admiración que senten polo gaiteiro de Escornabois.

Moitos dos novos músicos que se achegan onda el para aprender, coñeceron a Paco en Castro de Laza a onde, este home incansable, acode desde hai corenta anos para animar o Entroido. El é unha das figuras desta festa ancestral que non sería o mesmo sen o son da súa gaita. No programa desta semana poderase velo nunha desas actuacións que se prolongan durante catro días e catro noites.

Ademais tocará en directo para Alalá acompañado por seus irmáns, José e Ramón, cos que se compenetra á perfección.

CARNAVAL DO HÍO

Lume na Palleira / 16.02.07




O sábado, 17 de febreiro, tivemos unha nova edición dos recunchos da palleta, dentro do programa de radio "Lume na Palleira", na que Xosé Gil Dopazo falounos do Carnaval do Hío, un dos máis interesantes da zona do Morrazo.

Este coñecido carnaval celébrase durante tres días: domingo, luns e martes e cada aldea e a súa xente participan nunha comparsa, que no caso do Hío son sete, correspondendo ás aldeas de Donón, Igrexario, Liméns, Nerga, Pinténs, Vilanova e Vilariño. Ademáis a comparsa de cada aldea ten unha banda de gaitas formada por catro, cinco ou seis números que tocan instrumentos tradicionais galegos como gaitas, tambor, pandeiretas e bombo. Estas bandas son contratadas por cada comparsa e son as encargadas de animar a toda a xente a disfrutar do entroido.

Dise dos carnavais da parroquia do Hío que se participas neles un ano non faltas nunca máis e sobre todo que poden participar neles todo mundo sen ningún reparo ás condicións persoais, dende os máis cativos ata a xente máis vella, así que animádevos e a disfrutalos.

Xa Ven o Entroido!!!

Varios / 16.02.07

Se Aínda non tedes claro onde pasar o entroido, aquí tedes unha lista ben interesante de Entroidos en Galiza, cos días máis importantes de cada un.


Lista de Entroidos

XVII Concurso de Gaita Galega ‘Constantino Bellón’

Concursos e Certames / 14.02.07


O Ateneo Ferrolán convoca o XVII Concurso de Gaita Galega ‘Constantino Bellón’. Celebrarase en Ferrol o día 31 de agosto de 2007 e, este ano, estará dotado con 3000 Euros e dous accesits de 1000 Euros cada un. O prazo de inscrición finaliza o xoves, 12 de xullo de 2007 e será necesario enviar unha gravación da peza obrigatoria ‘A danza do gato e o rato’ de Iván Costa Blanco. Dentro deste concurso, tal como se pode ver no punto 5 das bases, outorgaranse os premios “Gaiteiro de Soutelo” que consistirán na asistencia e participación, cos gastos de desprazamento e estadía pagados, ó concurso “Constantino Bellón” para catro gaiteiros dos centros ou institucións da Galicia Exterior.

Queda convocado, tamén, o Concurso de Composición para Gaita Galega Solista que contará cunha dotación de 2000 Euros. O prazo de presentación de partituras remata o 2 de xullo de 2007.

Se desexa descargar as bases ou a partitura obrigatoria, por favor, prema nas seguintes referencias.

Bases
Partitura

I CERTAME DE GAITA “AS MARIÑAS” DE BETANZOS.

Concursos e Certames / 13.02.07


A Concellería de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza o I Certame de Gaita "As Mariñas de Betanzos", que terá lugar o 16 de maio de 2007 na Aula de Cultura do edificio Liceo (Betanzos).

Poderán participar todos os gaiteiros e todas as gaiteiras que o desexen, con ou sen acompañamento de percusión tradicional (cun máximo de dous acompañantes). Tanto as gaitas coma a percusión poderán estar afinadas en calquera tonalidade.

Cada intérprete deberá enviar unha gravación con tres pezas:
a tradicional Muiñeira de Piadela, como peza obrigada, e outras dúas de libre elección, cas características que se detallan na base 6.1.

Os premios:

Finalistas: Diplomas e un gravado conmemorativo realizado polo profesor, pintor e gravador Omar Kessel no Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos.

Gañador: 2000 Euros.


Descargue as bases premendo aquí.

FESTA DOS FACHÓNS

ALALA / 13.02.07

Esta semana en Alalá....

Aínda que a maior parte das festas en Galicia se celebran no verán, hai outras que conteñen verdadeiros tratados de vellas melodías populares de lareira e taberna: son as festas de inverno. Para vivir en primeira persoa unha das máis espectaculares de Galicia, o Alalá viaxará ata Castro Caldelas, en plena Ribeira Sacra, á festa do lume, do viño e da música, chamada Festa dos Fachóns, e alí estará na compaña dos Guezos, que guiarán aos telespectadores por cada recuncho desta festa que se sabe cando comeza, pero se descoñece cando e como remata.
Na Festa dos Fachóns xa tocaban hai dous séculos os míticos Trabazos de Castro Caldelas, un grupo que aprendeu a solfa na emigración a miles de quilómetros de Galicia e que despois espallaría o seu coñecemento á volta, non só polos fachóns en Castro Caldelas, senón por moitas outras vilas da bisbarra.

O seu legado quedou recollido de dúas formas distintas; por un lado, os Guezos cunha versión moderna con guitarras, baixo, teclado ou sintetizador e, por outro, Os Airiños de Caldelas; un cuarteto de gaita, bombo e dúas gaitas tradicionais da zona de Ourense. Son dúas versións cunha mesma meta, que a música popular sirva para o que sempre serviu, para que bailen e se divirtan vellos e novos, algo que na Festa dos Fachóns está totalmente asegurado.

Obradoiros para a Galicia Exterior

Anuncios, subvencións, oposicións... / 12.02.07

A Secretaría Xeral de Emigración, na resolución do 29 de Xaneiro de 2007, publicada no DOG do 6 de Febreiro, convoca axudas para a formación dos responsables de determinadas áreas de actuación dentro das entidades galegas no exterior.

Obradoiros de Formación:
-Novas tecnoloxías e internet.
-Básico de xestión e dinamización de entidades.
-Edición e maquetación de revistas para os centros galegos.
-Baile folclórico galego.
-Música tradicional galega.
-Confección de compoñentes da gaita.
-Técnicas de pandeireta e canto.

Os programas desenvolveranse en Santiago de Compostela desde o día 2 ata o día 9 de abril de 2007 en horario de mañá e tarde, segundo a modalidade. Poderán solicitar este programa as entidades galegas que teñan recoñecida a súa galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, coa correspondente proposta de participantes. As persoas propostas deben ser maiores de 18 anos e socios ou colaboradores das devanditas entidades.

Información completa no DOG nº 26 do Martes 6 de Febreiro de 2007:

Descargar PDF

Enquisa para base de datos de artistas de música tradicional

AGG / 11.02.07

Páxina 406 de 438