Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

EXPOSICIÓN PERMANENTE DE INSTRUMENTOS MUSICAIS EN LUGO

03.09.09

O Centro de Artesanía de Lugo inaugura unha exposición permanente de instrumentos musicais

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a vicepresidenta segunda, Lara Méndez, inauguraron a exposición permanente de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño, dependente do organismo provincial, unha mostra que recolle practicamente a historia da música en Lugo.

En total máis dun cento de persoas asistiron a esta inauguración na que a vicepresidenta segunda amosou a súa satisfacción por abrir ó público unha mostra de incalculable valor, na que tamén se poden atopar distintas réplicas dos instrumentos que figuran no pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela. Precisamente, a exposición contén un boceto do pórtico realizado ó 50% do tamaño real, elemento que supón unha fonte de investigación para os artesáns musicais.

A colección está formada por 402 pezas, das que máis da metade foron feitas por particulares, 95 de produción propia, 60 doazóns, 39 recuperadas da antiga sección de música do Museo provincial e outras dúas que foron adquiridas recentemente pola Deputación: unha gaita de Faustino Santalices e unha zanfona construída polos ex directores deste obradoiro Jesús Pérez e Antón Corral. Ademais, Oliverio Álvarez López doou unha trompa de boca.
   

COMUNICADO DA XUNTA DIRECTIVA DO ATENEO FERROLÁN

01.09.09

FERROL a 1 de setembro de 2009


Rematada a festividade de San Ramón e ante as non respostas e confirmacións oportunas por parte dos organismos oficiais dos apoios económicos que aportarían para esta 19ª edición e poder así celebrala en outubro, a Xunta Directiva do Ateneo Ferrolán, logo de 18 anos ininterrompidos, lamenta COMUNICAR que, a pesar das inmensas xestións realizadas para subsanar esta anomalía, o 19º Concurso Internacional de Gaita Galega “Constantino Bellón” non se celebrará no ano 2009.

Así mesmo e, polo respecto absoluto que se merecen os participantes, resolvemos DEVOLVER os traballos presentados polos concursantes para esta 19ª edición, xa que entendemos que logo dos esforzos e tempo que supón prepararse para poder participar neste Concurso Internacional, manter bloqueadas os meses que sexa as partituras presentadas non seria de xustiza.

Por outra banda, alertar a todos os membros do colectivo cultural galego de que a perda, aínda que só temporal, de plataformas de expresión cultural como o “Concurso Internacional de Gaita Galega Constantino Bellón” son totalmente inxustificables; e que os apoios institucionais son imprescindibles máis que nunca nestes tempos de dificultades económicas.


A Xunta Directiva do ATENEO FERROLÁN
   

XORNADA DE CAMPÁS E CAMPANEIROS

26.08.09

Os Chichisos organizan, o día 19 de Setembro do 2009, unha Xornada de Campás e Campaneiros na Igrexa Parroquial de Pazós de Borbén, en Pontevedra.

As actividades programadas para esta xornada son as seguintes:

17.00 h. REPIQUE DE CAMPÁS, chamamento aos participantes para o inicio das actividades. Presentación do libro “CAMPAS E CAMPANEIROS” por parte do seu autor o Etnógrafo Xerardo Dasairas.

17.30 h. DEMOSTRACIÓN DOS DIFERENTES SINAIS E TOQUES de campás por Lino Míguez e Andrés Ferreira, campaneiros de Pazos de Borbén.

18.00 h. CAMPANARIO ABERTO PARA CAMPANEIROS, repiques de diferentes zonas e lugares.

18.30 h. CAMPANARIO ABERTO PROS ASISTENTES, prácticas coas campás.

19.30 h ACTUACIÓN do grupo de música tradicional Os Chichisos.


Esta é unha actividade aberta a todos os públicos.
Máis información chamando ao teléfono 676 842 942
   

COMUNICADO EMITIDO POLO XURADO DO CONCURSO DE GAITA CONSTANTINO BELLÓN

24.08.09

Ante a necesidade de proceder á suspensión temporal da 19ª edición do concurso .... debido á imposibilidade de confirmar en tempo as axudas económicas que a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol prestaron ininterrompidamente ao Ateneo Ferrolán, os membros do xurado que abaixo asinan desexan manifestar:

As bases da convocatoria o contemplan composto conxuntamente polo “Concurso de Gaita Galega Constantino Bellón”, no que poden participar un máximo de 14 finalistas, dos que catro poderán proceder da Galicia do exterior baixo a denominación “Premio Gaiteiro de Soutelo”. Así mesmo convocouse o “Concurso de composición para gaita galega solista” e a “Mención de gaita galega”. Ao non achegarse as axudas habituais para a totalidade dos apartados do concurso, compártese a decisión do Ateneo Ferrolán de aprazar o concurso para evitar o incumprimento das bases.

Confíase en contar no futuro cos apoios sen fisuras demostrados polas administracións autonómicas e local durante os dezaoito anos que permitiron que o “Constantino Bellón” acadara o recoñecemento da comunidade musical galega e sentara novidosas oportunidades de creación cultural no eido musical, que non deberían esmorecer por cuestións administrativas.

Finalmente, lamentar fondamente os prexuízos que para os concursantes, público e a cultura musical galega vai traer o aprazamento desta edición do Constantino Bellón, especialmente a intérpretes e compositores que dedican cada ano intensos meses do seu labor para o seu recoñecemento.

Sabendo que non hai unha reparación suficiente para todos e todas os concursantes que esperaban estar o día de San Ramón en Ferrol, é desexo deste xurado poñer todos os medios para paliar no posible os prexuízos causados por esta situación.


Ferrol, a 24 de agosto de 2009

Asinan:

D. Víctor Fernández Gabeiras
D. Xesús Vaamonde Manteiga
D. Xavier Rodríguez Fariñas
D. Pablo López Torneiro
D. Xoán Rodríguez Silvar
   

O Constantino Bellón suspendese por falta de apoio do novo goberno da Xunta

21.08.09

O Concurso Internacional de Gaita non poderá ter lugar este ano 'debido á necesidade de atender outras prioridades específicas', segundo argumentan dende a Secretaría Xeral de Emigración, que subvencionaba o certame até agora.

A directiva do Ateneo Ferrolán ven de remitir un comunicado no que anuncia a suspensión deste certame, este ano na súa XIX edición, por incumprimento das bases en relación ao punto número 5, relacionado co premio "Gaiteiro de Soutelo", que convocaba a Secretaría Xeral de Emigración "co gallo de promocionar a participación da Galicia do exterior no Concurso "Constantino Bellón".

O certame estaba aberto a gaiteiros e gaiteiras dos centros galegos ou institucións da Galicia do Exterior, que debían enviarlle á Secretaría un CD gravado coa súa interpretación da peza"Patapau, xota do Pirata", de Pedro David Lamas Varela, facendo constar na mesma o pseudónimo adoptado, e tamén unha partitura orixinal dunha peza de composición inédita, creada expresamente para este Premio, así como copia doutra tradicional ou de autor. O prazo de presentación rematara o 5 de maio deste ano, e os premios consistían na asistencia e participación, cos gastos de desprazamento e estadía pagados, ao concurso "Constantino Bellón", que organizaba o Ateneo Ferrolán o 31 de agosto.

"É unha falta de respecto ao traballo de moita xente"

"Recibimos, logo de ter varias conversas e ás portas da celebración, unha resposta breve e que nos desexa moitos éxitos", din dende o Ateneo. A resposta da secretaria xeral, con data do 24 de xullo, foi a seguinte "... debido á necesidade de atender outras prioridades específicas propias deste departamento, non será posible, nesta ocasión, colaborar coa devandita iniciativa cultural".

"É unha falta de respecto a moita xente que traballou ao longo de todo un ano", sinalan dende o Ateneo. "Gustaríanos saber cales son esas outras prioridades. Amais, estamos falando de catro pesos que non chegan a 6.000 euros, de pagarlles a viaxe a catro cativos". Lembran como o ano pasado conseguiran que a familia Seivane colaborase no certame elaborando unha gaita, como premio para o gañador do "Gaiteiro de Soutelo", que fora Santiago Agustín Molina. "A gaita xa custa máis en si do que pon Emigración. Unha familia pon máis da súa parte que as administracións".

"Non entendemos que Emigración, que ten un orzamento á parte, faga isto", sinalan. "Implica non poder executar o certame, todo o que estaba feito rompe por todos os lados. Tampouco é que esteamos pedindo unha cantidade esaxerada". A directiva convoca a celebración prevista para este ano para o vindeiro, e o XIX Constantino Bellón terá lugar o 31 de agosto do 2010.

Fonte
   

XX ANIVERSARIO ABERTAL

12.08.09


A Escola de Música e Baile Tradicional Abertal celebra o venres 14 de Agosto a Gala do seu XX Aniversario. Será no centro cultural Avenida de A Rúa a partires das 20:30 horas onde se presentara o documental "Espírito Abertal" e se levaran a cabo exposicións de instrumentos, traxes e materiais históricos, así como a actuación de varias xeracións de alumnos e alumnas.

O sábado 15, a partires das 23:30 horas presentarase o o noco CD/DVD "No Forum Gigurrorum" na praza da estación Ruesa, onde tamén actuarán todas as seccións da escola Abertal.

   

IV FESTA DA PANDEIRA

11.08.09

O Sábado 22 de Agosto levarase a cabo unha nova edición da Festa da pandeira na localidade de Piornedo (Lugo). Esta actividade está organizada pola A.C. O Teixeiro e o Grupo Polavila, que contan coa colaboración da Área de Cultura da deputación de Lugo, dependente da Vicepresidencia Primeira.

TOCADORAS/ES ASISTENTES:

Cecilia de Coro (Piornedo, Lugo), Pilar de Marelo (Piornedo, Lugo), Inés de Naipes (Donis, Lugo), Aurelia da Fonte (Villaver, Lugo), Virginia de Santin (Noceda, Lugo), Fernando da Casanova (Vilanova do Pedregal, Lugo), Argentina Frey (Prado, León), Dulcinea Villar (Paradiña, León), Carmen Álvarez (El Poblado, Asturias), María e Arcides González (Trabao, Asturias), Cándida González (Trabao, Asturias), Esther e Valentina González (Lumeiras, León), Laura Osorio (San Martin de Moreda, León), Adelaida González (Vilarmeirín, Asturias), Rosa Abella (Espinareda de Ancares, León), Nélida Osorio (Espinareda de Ancares, León)

PROGRAMA:

13.00 h. Acollida
Chegada das tocadoras a Piornedo desde os seus lugares de residencia, presentaciois. etc.
14.00 h. Xantar homenaxe
Asistencia con invitación. Xantar homenaxe ás tocadoras asistentes na escola de Piornedo, coa idea de reforzar lazos de fraternidade.
17.00 h. Actuacións
Asistencia libre. As tocadoras que o desexen realizarán diversas interpretaciois coa pandeira.
20.00 h. Sesión nocturna
lnterpretacións expontáneas para baile a cargo dos músicos e cantadores que sempre hai entre o público asistente.

   

XIV ENCONTRO FOLCLÓRICO DE MALVEIRAS

06.08.09

O sábado 8 de agosto, ás 22:30 na Alameda de Malveiras terá lugar o Encontro Folcórico, que camiñará pola súa XIV edición.



Neste Encontro, os grupos participantes serán:

- Asociación Coros e Danzas Dúos Pontes

- Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos

-Asociación Cultural Malveiras



Mais información aquí.
   

X ROMARÍA GALEGA EN TORDOIA

20.07.09

O sábado 25 de xullo, na Pontraga - Tordoia, celebrarase a X edición da Romaría Galega organizada pola Asociación Cultural Brisas do Quenllo.

Pola mañá haberá actuacións do grupo de baile e banda de gaitas Brisas do Quenllo e do grupo de baile Camiño Real de Poulo. Ademáis celebrarase un xantar popular, teatro de rúa con Roi Sisto 'Peter Punk' e o X Encontro de Grupos de Danza e Música tradicional no que participarán:
- Fulabarda (Tineo-Asturias)
- Rebulir (Ramirás-Ourense)
- A.C. Raigañas (Cerqueda-Malpica)
- A.C. Brisas do Quenllo (Numide-Tordoia)
- Antigo grupo de bailadores da comarca

Pola noite, actuarán:
- O cego do Viso
- Bouba Pandereteiras
- Tombalobos Orquestra

   

FINOU XOSÉ CARDELLE

14.07.09

No día de hoxe temos que lamentar a perda dun dos nosos máis ilustres gaiteiros e mestre de gaiteiros. O pasado día 12 de xullo finou Xosé Cardelle Portos, aos 84 anos de idade.

Vaia dende aquí a nosa homenaxe mediante as verbas que xentilmente nos fixo chegar o seu amigo Raúl Galego.

Pola vila entraba con aquel de señorío... E volvía á casa da tocata dacabalo da súa besta facendo sonar a gaita e tódolos veciños celebran “Aí ven o Cardelle da volta da festa!”
Aí vai o Cardelle ca súa gaita tocar polos aires, agarimar aos ceos. Hoxe enterramos o seu corpo e tocarémoslle na súa honra, pero el estará facendo soar a súa gaita vigorosa e de finura de repenicos.
Dedos de ouro, rexos e poderosos mais, que áxiles e lixeiros no punteiro!. O seu tocar senlleiro ficará na memoria dos privilexiados, xa que pouco andou arroupado no mimo dos medios de divulgación.
Percorreu medio mundo coa súa gaita emporiso foi o grande mestre gran descoñecido non beicido polos medios.

Xosé Cardelle Portos, naceu no 1924 en Boimorto. Facendo o servizo militar na Estrada (Pontevedra) foi destinado como gaiteiro para a banda militar de Pontevedra onde coincidiu e coñeceu a Xosé Seivane.
Un día, camiñando polas rúas da Coruña escoitou tocar gaitas nun edificio da rúa dos Olmos e aló entrou. Eran os primeiros tempos do Ballet “Rey de Viana” e dende esas quedou vinculado á Coruña, onde logo coñecería á pléiade de gaiteiros da cidade. Destes, hai máis de 40 anos, chegou a facer un singular cuarteto con Leonardo Corral Vázquez e os fillos de ambos, nenos de apenas 9 e 11 anos, Lois Corral e Luís Cardelle na percusión.
Con Leonardo Corral, que viña de Portomarín, LUGO, Xan Macías de Viana, OURENSE e Edmundo Vilariño de Muimenta, Lalín, PONTEVEDRA e logo Cardelle, de Boimorto, A CORUÑA formaron o grupo “os Catro de Galicia” que máis tarde derivou con algúns cambios no mítico “Os Cinco de Galicia” sempre dirixidos por Leonardo Corral.
Cardelle pola súa parte conforma un grupo co seu nome “Os Cardelle” polo que pasaron ao longo do tempo diversos gaiteiros de sona da zona da Coruña, entre eles, amais do seu fillo Luís, excelente gaiteiro, Ricardo Santos o seu egrexio alumno.
Na derradeira formación do grupo acompañaron a Cardelle, Xosé Noia co bombo, Xosé Torres co tamboril e Raúl Galego coa gaita. Raúl Galego
   

Páxina 247 de 265