Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios

Varios

Actividades A.C. Rebulir

05.10.09

Tras presentar o pasado día 26 o curso e comezalo esta fin de semana agora, a A.C. Rebulir, da a coñecer o que será o calendario de actividades para os vindeiros meses:

- 7 de Novembro: Magosto
- 19 e 20 de Decembro: IV Festival de Baile e Música Tradicional Rebulir, nesta edición contaremos con grupos Galegos, de Portugal, Castela e León e Asturias.
- 26 de Decembro: Obradoiro de Bailes Tradicionais Agarrados.
- 2 de Xaneiro: Inauguración da segunda fase da Exposición "Os tempos de Antes. Fotografías Antigas de Ramirás".
- 5 de Xaneiro: Cantos de Reis en Ramirás
- 24 de Abril: IV Noite de Fiadeiro. Con actividades durante toda a xornada.
- Maio - Agosto: III Concurso de Fotografía Antiga.
- 26 de Xuño: Festa de Peche do Curso.

Durante o resto do ano organizaranse máis actividades que aínda non están programadas: Charlas, Saídas, Actuacións, cursos... segundo se vaian concretando irense publicando na páxina da asociación http://www.rebulir.blogspot.com/
   

Rubén González recibe a Insignia de Ouro de O Incio

24.09.09


Rubén González López, gaiteiro e fabricante de palletas de O Incio recibiu a Insignia de Ouro do Concello, o pasado día 6 de setembro de 2009, insignia coa que se recoñece a dilatada traxectoria deste profesional.

Rubén González dedicase dende fai 40 anos á fabricación de palletas, moitas das cales foron exportadas a outros países. O seu traballo a favor da música tradicional valeulle varios premios, como o ‘Constatino Bellón, Gaita de Ouro’.

Rubén González foi ferreiro, zoqueiro, traballador en Magnesitas durante 24 anos e mesmo enterrador, e compaxinou todos estes traballos coa defensa permanente da cultura galega. Foi neto dun membro da banda de Noceda (O Incio) de principios do século XIX, e iniciouse moi novo no mundo da música. Foi gaiteiro en Entrimo (Ourense), en Noceda e co grupo ‘Os Agarimos’.

Agora, preto de cumprir os 85, non renuncia a seguir tocando e preparando as mesmas palletas que alcanzaron sona mundial.
   

XXI Xuntanza de Gaiteiros 2009

22.09.09

O vindeiro sábado día 26 de Setembro de 2009 a partir das 20.00 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene), a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XXI Xuntanza de Gaiteiros. Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aprovéitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música.

Nesta XXI Xuntanza os homenaxeados nada teñen que ver coa nosa música tradicional pero si moito con este País e a súa cultura. Este ano réndeselle homenaxe a María Manuela e a Xoán Rubia.

María Manuela e Xoán Rubia son os cantautores de Ferrolterra. Dúas persoas que aínda que non preservaron, potenciaron ou recuperaron a nosa música tradicional si que preservaron, potenciaron e usaron algo que básico para este País: o noso idioma. Xoán Rubia e María Manuela decidiron asumir, nuns tempos difíciles e escuros, nos que todo o que tiña que ver co galego e a nosa cultura estaba mal visto ou mesmo prohibido, a defensa do dereito a vivir en galego.

Este ano, para os actos de homenaxe cóntase coa participación de “Mini e Mero”, “Raparigos”, “María Manuela”, “Xoán Rubia” e a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”. A Xuntanza será presentada por Xiana Lastra.
   

REDE GALEGA DE MÚSICA AO VIVO 2010

14.09.09

Xa está aberto o proazo de inscripción para participar na Rede Galega de Musica ao Vivo.

A música é unha das liñas de atención preferente da AGADIC, que en 2007 pon en marcha a Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) en colaboración con Clubtura, asociación de salas galegas de música en directo.

O obxectivo desta programación, que no seu primeiro ano de actividade ofreceu preto de 800 concertos a cargo duns 70 grupos en 49 salas de toda Galicia, é lograr a consolidación dun circuíto musical estable que sirva como plataforma de promoción para bandas e artistas de todos os estilos e contribúa a optimizar a súa presenza no territorio galego.

A RGMV representa tamén a materialización dunha liña de actuación longamente demandada polos programadores dos locais que ofrecen música en directo, ao tempo que dota dunha estrutura de distribución sistematizada o sector musical, á que poden acceder tanto formacións emerxentes como outras máis consolidadas.

Mais información na páxina web da RGMV.
   

DANZA E CONTRADANZA DE DARBO

08.09.09

Hoxe, martes 8 de setembro, no adro da Igrexa de Darbo:

12:30 h. Misa Solemne con procesión.
14:00 h. Baile da Danza e Contradanza de Darbo ante a imaxe da Virxe.
19:00 h. Repetición do baile de Danza e Contradanza de Darbo no adro da igrexa

A Danza e Contradanza de Darbo"data como mínimo do século XVI, e pode ser presenciada cada 8 de setembro, diante da igrexa parroquial. Son 16 os protagonistas, e organízanse en tres fileiras, unha de damas e dúas de galáns. Cada formación conta co seu propio contraguía, mentres que o guía principal se distingue de tódolos demáis por portar un gran penacho de cores. Elas visten fermosos traxes con rutilantes chapeus cheos de flores, mentres que os homes portan estranos atavíos, como aparatosos pendentes de arcaicos deseños. Isto podería ser unha proba da extraordinaria antigüidade desta danza secular. Os chapeus dos homes son de fieltro, que no caso do guía e para diferencialo é adornado cunha grande pluma.

Sobre os complementos que levan os homes (pendentes e xoias), existen varias teorías, unha delas afirma que son complementos levados desde outrora para simbolizar riqueza. A outra baséase en que os homes tiveron que substituir ás damas para cumprir cos vetos impostos pola igrexa, que prohibía a participación das mulleres nestes bailes.

As damas visten enaguas e saias de cor branca con puntillas de ata dez centímetros de anchura tapadas ambas prendas cun mandil negro bordado. A camisa tamén é de cor branca de mangas anchas e con moita engurra. Cubrindo a camisa levan un pano de cachimir cruzado e atado atrás. Os sombreiros son de palla adornados con flores naturais e a composición floral é cada ano diferente, pois son as propias damas as que os confeccionan horas antes de que teña lugar a danza para que as flores teñan o mellor aspecto posible. Estes sombreiros son elaborados a partir dunha base de espuma onde se insiren os talos dos ramalletes ata alcanzar os trinta centímetros de altura, sen dúbida dunha vistosidade que ben merece ser contemplada.
   

II FOLIADA DE BRIBES

08.09.09

O domingo 13 de Setembro, a partir das 20:00, celebrarase a II Foliada de Bribes.

Esta foliada contará con comida e bebida, e a presensa de Con Canto Donaire, que darán un concerto ás 21:30 h.

A organización quere convidarvos a asistir cos vosos instrumentos.


Para chegar á Foliada deberedes coller a estrada entre Cambre e a discoteca 'El Bosque' a man esquerda.


Organiza: A. X. Bribreslyhills
Colabora: Deputación da Coruña
   

PLANETA FURANCHO NA RADIO GALEGA MÚSICA

07.09.09

O luns 7 de setembro comeza a andaina de Planeta Furancho na Radio Galega Música.

Unha aventura radiofónica que ten como fin a difusión da música feita na terra e que quere ser altofalante, axenda e latexo diario e actual de todo canto acontece no universo musical galego.

Planeta Furancho, todos os días de luns a venres, de 23.00 a 24.00 na Radio Galega Música.

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Pode escoitarse tamén na canle 11 da radio dixital, en Internet e en FM nas seguintes frecuencias:

SANTIAGO 104.2
FERROL 106.3
A CORUÑA 92.1
A COVA (centro.prov.Lugo) 96.6
OURENSE 95.6
LUGO (Capital) 106.2
PONTEVEDRA 101.4
VIGO(Domaio) 90.8
XIABRE(Noia, Cambados) 88.0
XISTRAL 100.2
   

I FOLIADA DE VERÁN EN CECEBRE

07.09.09




Para despedir a tempada de verán, os Gaiteiros de Cecebre de Pedro Lamas organizan unha nova foliada, a I Foliada de Verán en Cecebre.




Esta foliada celebrarase o venres 18 de Setembro na Casa da Xuventude de Cecebre - Cambre, a partir das 21: 30 h.





Os gaiteiros de Cecebre veñen organizando estas foliadas co motivo de propiciar a recuperación da nosa música nas terras de Cecebre (Cambre-A Coruña). É por isto que agradecen a vosa meirande presencia e participación.
   

GAITEIROS NO ANIVERSARIO DUN GRANDE GAITEIRO

03.09.09

Susana Seivane actúa nunha residencia de maiores para un gaiteiro que hoxe cumpre cen anos.
Francisco Paradela, que empezou a tocar antes da guerra, percorreu coa súa música varios países.


Tocaba a gaita antes da guerra. Francisco, Farruco, Paco, Paradela Rodríguez (A Coruña, 3 de setembro de 1909) é un dos míticos gaiteiros galegos. Hoxe chega ao século de vida e a súa avanzada idade xa non lle permite tocar unha muiñeira como fixo durante décadas por Galicia e polo mundo adiante. Onte recibiu a visita de varios gaiteiros como Pepe Cedo, que durante moito tempo traballou con el; Raúl Barbeito ou a mismísima Susana Seivane, que tocou dúas pezas como agasallo de aniversario. «Apenas oe», apunta Alejandra Fontela, directora da coruñesa residencia Pai Rubinos, onde vive desde o ano 2002. As súas limitacións de audición fixeron difícil que entendese o que lle comentaron os outros músicos, pero cando a gaita da neta de Xosé Manuel Seivane empezou a soar moveu os dedos como querendo tocar o instrumento que lle acompañou en xiras por Cuba, Brasil ou Arxentina a mediados do século pasado. Finalmente, Paradela esbozou un sorriso.

«Saboreaba as notas, era moi sentimental. É solteiro, pero pode dicirse que estaba casado coa gaita», recorda Cedo, descendente dos fundadores do grupo Os Tempranos de Eirís, cos que tamén tocou Paradela en 1934. Formou parte de Cantigas dá Terra, do grupo da sección feminina, de Follas Novas e compuxo algunhas pezas que forman parte do folclore galego. Traballou nunha fábrica de calzado e de pintor no Concello coruñés e chegou a gravar dous discos a finais dos cincuenta. Pertence a unha xeración lonxeva da que forma parte outro mito da gaita, Emilio Corral , que o ano que vén tamén se converterá en gaiteiro centenario.

La Voz de Galicia
   

XIII FESTIVAL FOLCLÓRICO BAÍÑA

03.09.09

O día 5 de Setembro ás 20 h. se celebrará, na Praza do Concello de Baiona, o Festival Folclórico Baíña '09, que chega este ano á súa XIII edición.

Os grupos participantes neste Festival son:

- Pandereteiras Urdime, da A.C.F. O Fiadeiro (Vigo)
- Santa Eulalia (Mos)
- Os Coribantes de Buchabade (Pontecaldelas)
- Lembranzas do Condado (Ferrol)
- Grupo Infantil e Xuvenil Santuado de Gaviao (Vila Nova de Famalicao - Portugal)
- Xistra (Pedrafita do Cebreiro)
- Airiños da Kagoa (Baíña)

En caso de mal tempo, o Festival celebrarase no Auditorio V Centenario de Baiona

Organiza: A.C. de Baíña
Colabora: Concello de Baiona
   

Páxina 246 de 265