Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / TRECE LÚAS, O NOVO TRABALLO AUDIOVISUAL POMOVIDO POLA AGG

TRECE LÚAS, O NOVO TRABALLO AUDIOVISUAL POMOVIDO POLA AGG

AGG

Tralo éxito acadado polos traballos O Quiquiriquí e PeloGato24, a Asociación de Gaiteiros Galegos está rematando unha nova proposta audiovisual, que verá a luz en Febreiro e levará por título Trece Lúas. Coas tradicións relacionadas cos ciclos do ano como fío condutor, Trece Lúas preséntase nun formato que inclúe un libreto de 64 páxinas, un CD e un DVD. No disco atoparanse 12 temas elaborados sobre melodías tradicionais, cunha temática correspondente a cada mes do ano, interpretados por músicos de recoñecido prestixio na música tradicional galega e cantados por voces infantís. O libreto contén textos explicativos do traballo e contidos didácticos para a súa aplicación nas aulas, ademais dos créditos e letras das cantigas. Por último, o DVD inclúe unha peza de monicreques, un documental sobre os ciclos do ano, entrevistas ós participantes e ‘como se fixo’, vídeos musicais e pistas de karaoke. Todo este traballo non sería posible sen a colaboración da Universidade de Vigo e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A Asociación de Gaiteiros Galegos segue apostando, deste xeito, pola edición de material de uso didáctico orientado principalmente aos máis novos, para conservar e difundir a nosa música tradicional e con elo a nosa lingua e cultura.