Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / AGG / A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS CONMEMORARÁ ESTE ANO O SEU 20 ANIVERSARIO

A ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS CONMEMORARÁ ESTE ANO O SEU 20 ANIVERSARIO

AGG

A xunta directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos celebrou, o pasado 27 de Xaneiro en Pontevedra unha xuntanza para pechar o programa de actividades que conmemorarán, ao longo deste ano 2008, os 20 anos de vida desta asociación. Os actos de celebración destes 20 anos de existencia da AGG (Asociación de Gaiteiros Galegos) terán como obxectivo fundamental achegar á sociedade a música tradicional galega e poñer en valor a figura do músicos, bailaríns, artesáns e demais persoas que durante decenas de anos mantiveron viva esta expresión da nosa cultura que é, sen dúbida, unha das máis ricas de Europa.

Ao longo deste ano 2008 a AGG levará a cabo algunhas actividades especialmente deseñadas para conmemorar o seu 20 aniversario. Estas actividades completarán a actividade anual que a AGG ven programando de xeito periódico para a difusión, formación e promoción no eido da música tradicional galega, é de destacar a organización de mostras de artesáns como as de Pontevedra ou Pardiñas (Guitiriz), a edición de libros-cd como O Quiquiriquí ou o Pelogato 24, a realización anual dun Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, edición dun boletín trimestral Aturuxo, a participación no espazo O Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira da Radio Galega, a xestión de unha aula de Zanfona na cidade de Lugo, a organización do Encontro de Tocadores de Trompa na Fonsagrada e do Seminario sobre a Palleta en Melide.

A AGG conta neste momento con máis de 600 asociados e asociadas distribuídas por todas as comarcas galegas e na Galiza exterior. A través dos seus asociados, ten presenza na maior parte das asociacións e colectivos culturais que desenvolven actividades en torno á música tradicional no país. A AGG é a entidade asociativa máis representativa e con maior peso específico no tocante á música tradicional en Galiza ademais de ser a única asociación de ámbito autonómico e cun proxecto de organización con visión de País.

Segundo o presidente da AGG, Santiago Caneiro Aneiros, “é para nos unha responsabilidade facer que todas as persoas que teñan algo que dicir sobre a nosa música tradicional, en todas as súas vertentes, participen activamente na consolidación deste proxecto asociativo”. Con estas declaracións Santiago Caneiro fixo referencia ao empeño que a AGG ten en abrir as súas portas a todos aqueles músicos, artesáns, bailaríns, e demais persoas vencelladas á música tradicional galega.