Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / VI Curso de música e baile tradicionais galegos

VI Curso de música e baile tradicionais galegos

Varios

cartel cursosalceda_web!! CURSO ADIADO!!

Os vindeiros dias 2 e 3 de outubro, o Concello de Salceda de Caselas acollerá o VI Curso de música e baile tradicionais galegos.

Esta edición, organizada novamente pola Asociación de Gaiteiras Galegas en colaboración co concello, contará con catro especialidades:
- Baile tradicional - Imparte : Artur Puga
- Canto e pandeireta - Imparte: Leni Pérez
- Gaita -Imparte: Marina F. Vigo
- Percusión tradicional -Imparte: Kinhos Saburido

Cada especialidade terá unha duración de 16 horas repartidas entre o sábado e o domingo, con horario de clases de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e está dirixido a alumnado cunha base previa nas diferentes modalidades ofertadas, presentándose como unha ocasión única para perfeccionar coñecementos e técnicas. Os interesados deberán elexir unha única modalidade. 

¿E cales serán os contidos de cada especialidade?

Baile tradicional impartido por Artur Puga

Este curso intensivo impartido xirará arredor da Muiñeira “vella”:

  • A súa contextualización e cronoloxía.
  • A técnica do baile asociado e aplicación ao baile lúdico.
  • Sinerxia coa música, funcionalidade, estruturación e montaxe práctico.
  • Análise de recollas e fundamentación teórica.
  • Utilización de todos estes recursos para o total entendemento e posible montaxe desta tipoloxía de baile tradicional e popular.

Artur Puga leva traballando no eido da recuperación da música e o baile tradicional máis de dez anos, levando este traballo a diferentes campos.
A nivel musical, é actualmente percusionista de Xisco Feijoó no seú recente traballo discográfico “Peixe” e tamén acumula diversos premios co cuarteto tradicional Prima de Buxo. Como bailarín, foma parte da compañía de Danza de Fran Sieira e participa no seú último espectáculo “Demente”, tamén formou parte do elenco no videoclip “Midas” de Tanxugueiras.
Director e exdirector dos grupos de recuperación de música, baile e cantares tradicionais; “A Buxaina” de Coruxo, “Ecos e Agarimos” de Peitieiros ou “Solpor” de Celanova.
É Mestre de iniciación e perfeccionamiento de baile popular en diversos puntos da xeografía galega e a nivel internacional na Arxentina ou Alemania.

Canto e percusión impartido por Leni Pérez

Neste curso aprenderemos:

  • Cantares (pasodobres, ribeiranas, xotas, cantos de andar ó camiño, de seitura, nadal, voda, berce …) repertorio de tradición oral das comarcas por onde pasa o camiño, e aprenderás a acompañalos con percusións de man: pandeireta, pandeiro, cunchas, culleres, pandeira, botella riscada, ferriños…
  • Repertorio de O Canizo, A Gudiña.
  • Repertorio tradicional portugués, Monsanto e Val do Neiva.
  • Repertorio da serra dos Ancares.
  • Repertorio de Valadares, Laxoso, Sta. Comba e Bembibre

Leni Pérez conta cunha experiencia de máis de 30 anos no ensino de canto, percusión tradicional e de traballo con grupos de música tradicional galega, na actualidade dirixe 8 escolas na comarca de Vigo e arredores, con case cento e medio de alumnos e alumnas, mestra en distintas asociacións e centros culturais, imparte cursiños por mediación da Xunta de Galicia de Canto e percusión tradicional por centros galegos de todo o mundo: Bélxica, Suiza, Arxentina, Chile, Brasil…

Gaita impartido por Marina F. Vigo

Neste curso, que leva por título "CURSO DE REPERTORIO PARA CUARTETO", abordaremos:

  • O repertorio de cuarteto (aplicable a calquera formación) cunha ollada máis reflexiva do que quizais habituamos facer
  • Falaremos de bordóns, ornamentación, dixitacións, estrutura, técnica, variacións…

O curso está dividido en dous segmentos: na primeira xornada realizaremos arranxos cunha estética máis tradicional; por outra banda, na segunda sesión partiremos de melodías sinxelas vocais ou instrumentais e tentaremos convertelas nun produto totalmente novo. Ó remataren as dúas xornadas o alumnado terá dous arranxos inéditos da súa autoría.
Anímate a vir, con ou sen compañía, formes ou non parte dun grupo. Se tes ganas de arranxar unha melodía, pero non sabes comezar a facelo; se queres darlle unha volta ó repertorio do teu grupo, ou simplemente aprender máis cousas sobre a gaita e a súa música… Este é o teu curso!

Marina F. Vigo posúe o Título Superior en Interpretación, na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia, cuxo traballo de Fin de Estudos vai presentar nestas xornadas; así como as titulacións de Grao en Linguas Estranxeiras, Mestrado de Teatro e Artes escénicas e Mestrado en Formación do Profesorado. Respecto á súa actividade como intérprete, na actualidade é integrante da OFG Sondeseu; e arranxista e gaiteira do grupo Maraghotas e do cuarteto Arghaço, así como gaiteira e directora da charanga do grupo Trébede. É mestra de gaita percusión na Asociación Peis d’hos (Cangas), na AFC Apedradeaugas (Vigo), na AC Xirandela (Madrid) e directora da banda de gaitas e percusión María Soliña (Cangas); ademais de profesora no Conservatorio Profesional de Vilagarcía de Arousa.

Percusión tradicional impartido por Kinhos Saburido

Neste curso intensivo aprenderemos:

  • Exercicios de estiramento
  • Exercicios de quecemento
  • Exercicios de técnica, rudimentación e ornamentación.
  • Aplicación practica de técnica, rudimentacion e ornamentación en ritmos tradicionais
  • Análise de temas tradicionais e contemporáneos da música galega (recursos que empregan, dinámicas, etc….)
  • Escoita activa de arranxos e análise dos mesmos.
  • Creación de arranxos tradicionais e contemporáneos.
  • Improvisación e creación propia de arranxos tanto con tamboril como bombo ou conxunto.

Marcos Perez Saburido "Kinhos" comezou a súa andaina no mundo da música con 5 anos na banda de gaitas “A Follateira”. Máis tarde entra no Colectivo Castro Floxo de Ourense onde comeza a intruducirse na percusión tradicional da man de José Carlos Pérez Paz. Tamén comeza estudios no conservatorio de Ourense compaxinando a ensinaza clásica coa percusión tradicional. Hoxe en día é mestre na escola de Música Tradicional de Ourense “AOFT GOMES MOURO”, na academia de Música TEMPO 118, e na escola de música do colexio “Gullelme Brown”. Aparte da labor docente colabora como batería e percusionista nos proxectos Coanhadeira, Daniel Minimalia, Emilio Rúa, Linho do Cuco, Fiandola, … entre outros. Como percusionista tradicional gañou numerosos premios, tanto en cuartetos como acompañante de gaiteiros solistas nos que destaca o concurso de Cuartetos de Ponteareas, o Memorial “Manuel Villanueva”, o Memorial “Manuel Texo” (Vedra), entre moitos outros…sendo un dos percusionistas máis premiados de Galicia nos últimos 10 anos.

Coste do curso:
40 € soci@s da AGG
50 € non soci@s

* Inscrición: ata 29 de setembro ou ata completar as prazas. Para a inscrición podes descargar o formulario aquí e enviárnolo cuberto a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Máis información: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo 986 847 074 - 982 229 966 

Esperámoste!!!!!!!!!!!