Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / II Certame de gaitas “Homenaxe aos Mariñáns de Guísamo e a Juan Brea Lodeiro"

II Certame de gaitas “Homenaxe aos Mariñáns de Guísamo e a Juan Brea Lodeiro"

Varios

 

cartel certamen gaitas pqO II Certame de gaitas “Homenaxe aos Mariñáns de Guísamo e a Juan Brea Lodeiro" terá lugar o vindeiro 17 de maio ás 18.00 horas. Poderán tomar parte todos os grupos de música tradicional galega que o desexen, sempre e cando estean constituídos ao redor da figura do gaiteiro como principal eixo vertebrador. Estas formacións poderán estar integradas por un mínimo de 4 e un máximo de 15 compoñentes. Serán permitidos todos aqueles instrumentos tradicionalmente empregados en diferentes conxuntos instrumentais nos que a gaita é protagonista, como clarinetes, saxofóns, acordeóns, requintas, tambores, pandeiretas, bombo, caixa, pratos ou calquera outro instrumento vencellado á historia destas formacións. Todos os cuartetos de gaita, quintetos, murgas ou músicas, requinteiros, coros de gaitas poderán concorrer neste certame.

Todos os instrumentos serán de formato e feitura tradicional quedando expresamente excluídas as percusións de alta tensión e as gaitas denominadas “marciais”.

Os participantes vestirán obrigatoriamente co traxe tradicional galego.

A interpretación no concurso constará de dúas pezas de libre elección que no seu conxunto non poderán sobrepasar o tempo máximo de 8 minutos. As pezas poderán ser tradicionais galegas ou de autor, sempre vencelladas á música tradicional galega e axeitadas aos instrumentos cos que se interpretan.

Os concursantes disporán de 2 minutos para afinación e colocación no escenario.

Máis información, modelos de inscrición, documentación a aportar etc: http://bergondo.es/noticias/noticia/articulo/ii-certame-de-gaitas-homenaxe-aos-marinans-de-guisamo-e-a-juan-brea-lodeiro/