Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / V CERTAME DE DEBUXO PARA ESCOLARES “OS INSTRUMENTOS DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA” ORGANIZADO POLA TRADESCOLA

V CERTAME DE DEBUXO PARA ESCOLARES “OS INSTRUMENTOS DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA” ORGANIZADO POLA TRADESCOLA

Varios

mosaico tradO certame de debuxo “Os Instrumentos da Música Tradicional Galega” é unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación e que acada este ano a súa quinta edición.

A finalidade desta actividade, dirixida a arredor de 2.000 nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino do Concello de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respeto e valoración da mesma.

É necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, o que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste V Certame de debuxo ‘Os Instrumentos de Música Tradicional Galega’, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.

Os escolares terán de prazo para a presentación dos seus debuxos até o 5 de abril, posteriormente os debuxos serán expostos na Tradescola e un xurado formado por profesores da Tradescola seleccionará aos 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico e a un gañador ou gañadora que recibirá como agasallo ter para o vindeiro ano a matrícula gratuíta na Tradescola para cursar a ensinanza que desexe das que se ofertan.