Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / CANTARES NO MIÑOR I Encontro de Coros Tradicionais

CANTARES NO MIÑOR I Encontro de Coros Tradicionais

Varios

cartel cantares minor 2012O sábado 21 de xaneiro, a partir das 20:30h, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, celébrase o evento «CANTARES NO MIÑOR. I Encontro de Coros Tradicionais». No acto participarán a Agrupación Folclórica CANTIGAS E AGARIMOS, de Santiago de Compostela, e o Coro Tradicional CANTARES DO BRIÓN, do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), que é a entidade organizadora. O acto será presentado por Xilberte Manso de la Torre, profesor do Instituto ProVal e membro destacado do Instituto de Estudos Miñoranos.
 
Despois de que Perfecto Feijoo crease en 1883 en Pontevedra a agrupación coral Aires da Terra, a comezos do século XX formáronse algúns dos coros que aínda hoxe permanecen, como Toxos e Froles (Ferrol, 1915), Cántigas da Terra (A Coruña, 1916), De Ruada (Ourense, 1919) ou Cantigas e Agarimos (Compostela, 1923). Estas formacións preservaron a tradición coral que chega aos nosos días arrequecida pola achega popular durante décadas de actividade a prol da música, da cultura e do idioma de Galicia.
 
Seguindo a súa estela, durante os últimos anos xurdiron en Galicia algúns coros de corte tradicional, entre os que se atopa Cantares do Brión, que ten as primeiras actuacións públicas en 2009 e que se constitúe formalmente o 7 de marzo de 2010. A súa presentación oficial celébrase o 22 de xaneiro de 2011, apadriñados polo coro Cántigas da Terra.
 
A proximidade desta data de presentación é a escollida para celebrar de hoxe en diante o que se chamará «CANTARES NO MIÑOR. Encontro de Coros Tradicionais». Como o seu nome indica, este evento terá como marco a comarca do Val Miñor e por aquí pasarán, nos próximos anos, as agrupacións corais máis representativas de Galicia, sempre baixo o signo da tradición musical galega.