Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / O imperio gaitero dos Gil

O imperio gaitero dos Gil

Varios

Todo empezou fai xa 25 anos. Nese momento, José Manuel Gil Fernández contaba tan só 16 primaveras cando decidiu ingresar na Escola de Artes e Oficios de Vigo, no Obradoiro de Instrumentos Musicais Populares Galegos. Sempre o tivo claro. Queríase dedicar á fabricación de instrumentos. Esa era a súa obsesión. O seu soño. Un soño que se cumpriu logo de 5 anos de formación a cargo do mestre Antón Corral.

José Manuel abriu o seu primeiro e humilde obradoiro por aquel entón, que nada tiña que ver co que é hoxe o Obradoiro Gil. E é que o negocio non parou de crecer, sobre todo grazas ao prestixio que lle achegou a estas gaitas unha xeración de artistas moi boa que compartiron banda, Xarabal, co artesán. Carlos Núñez, Budiño ou Mercés Peón son algúns deses músicos de primeiro nivel que axudaron a que as gaitas ponteareás sexan coñecidas ata na esfera internacional.

 

O negocio foi crecendo e evolucionando en cando a maquinaria, materiais e técnicas. Afonso Gil Rodríguez tamén se quixo sumar ao carro, tras recibir unha cátedra acelerada do seu irmán, para constituír o que actualmente é o obradoiro.
Estes dous irmáns non só fabrican gaitas. Non son partidarios de "quedar no tradicional". Continuamente experimentan e buscan novas formas de realizar esta arte artesanal. Prefiren innovar. Deste xeito, José Manuel confesa que desde fai algún tempo están incorporando ás palletas e pallones das súas gaitas un novo material sintético: o polímero técnico.

E é que facer gaitas é unha arte que os irmáns Gil pon en práctica con gran calidade, polo que hoxe en día teñen unha lista de espera de case un ano e encargos de toda a xeografía mundial: de España, de diferentes puntos de Europa e América e, ata, de países como China ou Xapón. Todo iso aínda a pesar do momento de incerteza económica e crise que vive a sociedade actual. Todo iso a pesar de que unha gaita é un artigo de luxo. A máis sinxela supón un investimento de 1.200 euros. Un prezo que se corresponde co custoso que é un proceso de produción en que se traballa cun material tan delicado como é a madeira.

Pero o esforzo e a dedicación dun traballo ben feito teñen a súa recompensa. O negocio dos Gil foi ampliando os seus horizontes. A aposta por unha maquinaria óptima, ademais do coidado individualizado de cada instrumento, é unha das principais bazas coas que contan estes irmáns, xa que priorizan, ante todo, a calidade. Así, o imperio gaiteiro ponteareán continúa a súa expansión e o mundo enteiro continúa tiñéndose coas notas das súas marabillas artesanais.

www.farodevigo.es