Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / A Gramola exerce de refuxio subterráneo dos músicos folk

A Gramola exerce de refuxio subterráneo dos músicos folk

Varios

A foliada no bar compostelán nace do boca a boca sen día nin horario exacto

O de facer a foliada comezou hai cerca de catro anos. O «boca a boca», relata o gaiteiro Xacobe Varela, é o que reúne a preto de dez músicos, sine die, nin horario estrito, arredor da pila subterránea que se agocha baixo a praza de Cervantes. Chick McAuley disponse a baixar as escaleiras do bar A Gramola onde acomodaron entre cadeiras a súa sala de concertos «íntima». Cada vez que atopan a alguén «sospeitoso» de ser músico convídano a participar da foliada, relata nun galego ben perfilado, o escocés McAuley, un dos compoñentes de Chick McAuley, Paddy Duncan & friends, que tamén tocaron no Feito a Man. Mesmo se o que se escoita na Gramola está vencellado á música celta, cada vez máis, interprétanse pezas doutras partes do mundo e, sobre todo, música galega. «Galicia é un bo lugar para que se dea este encontro», di McAuley. Pasaban das doce da noite do sábado e os músicos da Gramola xa tocaran o Himno do Antigo Reino de Galicia e a Muiñeira de Freixido. O que coñece a peza comeza a tocar, se hai un entendemento común, todos participan, se non, dedícanse a escoitar e aprender.

Xavi, á frauta traveseira, Gon, á guitarra, e Xacobe, á gaita en sol, foron os que reinventaron o xeito de facer foliadas na cidade vella. Sabían que, de tocar a partir das doce, tiña que ser nun bar. Xunto ao seu grupo, Lincorne, e aos escoceses, son asiduos Antón Guillén e Soraya González. Ás veces tamén sona a nyckelharpa, de Xan, unha viola medieval sueca, ou o bodharán irlandés que toca Diana. Entre cancións chancean. «Come back, my dear», ao que McAuley responde, «como as andoriñas».

«Se queres tocar máis alá das doce da noite, tes que atopar un bar»
Xacobe Varela

«O ambiente invita á música. Galicia é un bo lugar para que se dea este encontro»
Chick McAuley

http://www.lavozdegalicia.es/