Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Mercedes Peón e SondeSeu gañan conxuntamente o Premio Opinión

Mercedes Peón e SondeSeu gañan conxuntamente o Premio Opinión

Varios

Se na pasada edición os PREMIOS OPINIÓN contaban co primeiro empate da súa historia, no segundo posto entre Cuarteto Caramuxo e Nova Galega de Danza, nesta ocasión o segundo empate se produce na disputa ao mellor disco folk galego do ano.
Dous traballos mereceron os parabéns do xurado composto por sete xornalistas.

(Prema no título para ver a nova ao completo) Mercedes Peón leva unha tempada na que non para de recibir eloxios da crítica. Se hai unhas datas chegaba a número un na lista da World Music Charts Europe, elaborado por corenta e cinco profesionais radifónicos do Vello Continente, agora recibe o recoñecemento na súa casa con este galardón. Sós constitúe un traballo conceptual no que a artista coruñesa bota man da súa imaxinación para construír relatos sonoros que se constitúen en pezas musicais nas que a súa faceta contemporáena aparece fortemente, aínda que xa sabemos que Mercedes Peón nunca se vai esquecer desa parte nada na tradición que sempre emerxe na súa obra. Este álbum é o cuarto da súa carreira, na que agora se presenta unha moi boa oportunidade para continuar asentando fortemente a súaproxección internacional nos vindeiros anos.
A cantante e compositora xa sabía o que era gañar o premio ao mellor álbum do ano, algo que logrou na terceira edición co seu traballo titulado Ajrú.
A orquestra folk SondeSeu acadara un segundo posto na votación final na cuarta edición dos PREMIOS OPINIÓN e agora comparte o posto máis alto canda Peón.
No seu disco Barlovento ten unha presenza moi importante a nivel de arranxos o músico Rodrigo Romaní, director da E-trad viguesa, que é a casa na que naceu esta novidosa formación que pon en escena a máis de trinta músicos e que vén sendo a locomotora principal nunha unión plasmada na Rede Europea de Orquestras Folk. Polo tanto estamos a falar de dúas propostas, cada unha no seu eido, que son quen de xerar un interese en Europa, algo do que a música folk galega debe sentirse orgullosa.
A recente novidade nos concertos de SondeSeu é que agora tocan en formato acústico e así os intrumentos “soan máis naturais”, segundodeclaraba Romaní nestas mesmas páxinas cando saía o disco ao mercado.
A música cantada salienta nesta terceira entrega discográfica da formación, aínda que nunca se esqueceran de tela moi presente dende o momento no que debutaron no mundo da música. Seccións de gaitas, zanfonas, arpas, percusións, requinta, violín e canto, formada por nove cantareiras, son as que compoñen esta orquestra folk, un proxecto creado para que as novas xeracións de músicos se vaian formando coa práctica de formar parte dun conxunto que tamén lles permite bregarse sobre un escenario nos concertos realizados, unha situación diferente á que se crea cando se practica nun aula.

www.laopinioncoruna.es