Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Varios / Proxecto de investigación IDIGAITA sobre a gaita galega

Proxecto de investigación IDIGAITA sobre a gaita galega

Varios

O Obradoiro de Gaitas Seivane, a Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), están desenvolvendo un proxecto de investigación co-financiado pola Xunta de Galicia sobre a Gaita Galega.

A empresa Obradoiro de Gaitas Seivane S.L. é unha empresa de tradición familiar que conseguiu o Premio Nacional Innova do Ministerio de Industria no ano 2006 e ademais acadou melloras tecnolóxicas na fabricación de gaitas como é o pallón sintético Seipal.

Desta vez, Seivane está embarcado nun proxecto onde se logrou achegar a investigación e a tecnoloxía ó mundo da Música Galega. O CTAG e o grupo de investigación Sonitum da Universidade de Vigo poñen neste estudo á disposición de Seivane a súa experiencia, capacidade de investigación e o seu equipamento de última xeración, para impulsar o desenvolvemento do I+D da Industria Galega.

Un dos maiores problemas que existen na fabricación da Gaita Galega, e a falta de homoxeneidade que presentan os materiais utilizados na súa construción.

Ademais das variacións coa temperatura e a humidade, que afectan ás propiedades físicas dos materiais, causando unha falta de estabilidade e repetibilidade do sonido do instrumento, o problema agrávase coa variación da temperatura e da humidade que lle subministra o propio gaiteiro, provocando que o instrumento se vaia desafinando progresivamente.

O proxecto que se presenta é unha iniciativa coordinada entre a empresa Obradoiro de Gaitas Seivane S.L., o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o grupo de investigación Sonitum da Universidade de Vigo, co fin de seleccionar novos materiais e optimizar o deseño na fabricación de gaitas, coa finalidade de mellorar á súa fabricación, intentar minimizar ao máximo tódolos problemas de mantemento do instrumento e mellorar ás súas prestacións. Estes materiais preténdense analizar e seleccionar en base ás propiedades tanto físicas como acústicas e poder facer un estudo comparativo de rexistros coas gaitas de fabricación convencional.

Este proxecto intenta aunar esforzos e combinar o Patrimonio Cultural Musical Galego e as novas tecnoloxías en materiais para potencialas posibilidades dun instrumento musical tan arraigado en Galicia.

Na selección de novos materiais, vaise buscar o compromiso entre un bo comportamento nas súas propiedades físicas e a calidade do son, que é quen de producir, xa que ambas condicións se deben cumprir para que sexa un material atractivo para o artesán. Con esta finalidade o CTAG utilizará no proxecto novos materiais con punto verde cuxa sonoridade será avaliada utilizando unha metodoloxía de análise obxectivo/subxectivo do son, desenvolvida por Sonitum.

No proxecto IDIGAITA, as novas tecnoloxías e materiais, serán aplicadas a un instrumento de procesado artesanal como é a gaita, co fin de solventar tódolos problemas relacionados coa elección de materiais, mantemento do instrumento e enriquecer ao máximo as posibilidades sonoras do mesmo.

http://www.blogoteca.com/malmequer/