Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

whatsapp image 2023-08-08 at 10.09.19IN MEMORIAM

JOSE LUIS ARGIBAY GARCÍA “SITO” ( D.E.P.)

Onte día 7 de Agosto, falecía en Pontevedra, José Luis Argibay García, aos 61 anos de idade. Tamborilero coñecido por “Sito”, e que fixo toda a súa traxectoria musical -de 42 anos – nos grupos “Duos Pontes” e “Marmurios de Leucoiña”, dos que é compoñente fundador.

Na súa dilatada traxectoria musical, que compaxinou con diferentes actividades profesionais, fixo sempre gala dun gran corazón, sinxelo trato, gran simpatía e retranca, que lle acompañaron ata os últimos momentos.

Representou a Galicia en diversos escenarios nacionais e internacionais, intervindo en moitos programas de televisión. Colaborou na divulgación do “toque pechado”; e na recuperación de moitas festas tradicionais, que hoxe gozan de gran prestixio. Participou como percusionista na gravación do disco homenaxe a Ricardo Portela , no disco “Festas en Poio” e en moitas gravacións didácticas e de base musical para grupos de baile (a moitos os acompañou nas súas actuacións).

Deixa un grato recordo, e unha gran familia da que gozaba e á que facía gozar cando as súas obrigacións profesionais permitíanllo. Á súa muller Rosa, ás súas fillas Rosa María e Jessica, ás súas netas, irmáns e demais familia, acompañámoslles no sentimento.

O funeral celebrarase hoxe martes, ás 16:00 horas, na Igrexa de Santiaguiño do barrio do Burgo (Pontevedra). 

Dende a AGG compartimos a dor e lamentamos fondamente o pasamento de Sito. DEP.