Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Co capítulo dedicado á pandeira, Alalá inicia unha serie de programas que teñen como protagonistas a música e a xente dos Ancares e ao concello de Cervantes. A pandeira é un instrumento da música tradicional galega que estivo a piques de desaparecer. Durante os anos 50 e 60 era o instrumento de percusión fundamental nas vilas, e moitas noites de inverno tocábase nos Ancares, acompañada da voz.
Mediante a investigación do folclorista Juanjo Fernández xunto co interese da mocidade de Cervantes, estase a recuperar tal e como se tocaba e usaba na música tradicional galega desde hai moitos séculos.

A pandeira é un instrumento ancestral, que xa fora empregado por exipcios e fenicios. Tamén foi representado en baixorrelevos na Grecia e Roma clásicas. Durante a Idade Media tivo unha gran difusión na Península Ibérica pero pouco a pouco foise perdendo.

Na actualidade practicamente só sobrevive na zona dos Ancares galegos e leoneses e a parte limítrofe de Asturias. O illamento e a incomunicación desta zona montañosa permitiron que moitos dos costumes e usos musicais xa desaparecidos no resto de Galicia se conserven.

O programa Alalá ofreceulles aos seus espectadores entrevistas con vellas tocadoras de pandeira, como Inés Rodríguez, así como unha visión introdutoria deste instrumento e dos propios Ancares que se irá desenvolvendo en próximos capítulos