Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Reproducimos o convite que nos chegou da Banda de Gaitas tradicional

O vindeiro sábado día 30 de Setembro de 2006 a partir das 19.00 horas na praza do Concello de Fene, a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” celebrará a XVIII Xuntanza de Gaiteiros, actividade que organizamos tódolos anos dende o 1988. Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aproveitamos a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música.

Este ano a nosa homenaxe vai dedicada a Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias máis coñecidos como Mini e Mero.

Mini e Mero son dúas persoas imprescindibles non so no rexurdir da nosa música tradicional, fundadores e compoñentes durante moitos anos de dous grupos básicos no noso País “Fuxan os Ventos” e “A Quenlla”, se non que tamén na súa faceta de recolleita da memoria popular de Galicia. Recolleita que abrangue a todo tipo de actividades que teñen que ver coa nosa tradición: cántigas de cego, de Nadal, refráns, contos, lendas, romances...

O traballo de recolleita feito por estes dous artesáns da palabra e da música é de gran importancia, non so pola inmensa cantidade de material recuperado, senón tamén polo tempo dedicado, cerca de 40 anos. Podemos dicir que hoxe en día Mini e Mero son memoria viva da tradición deste País.

Nesta XVIII Xuntanza de Gaiteiros contaremos coa participación de Raúl Galego, Quempallou, Mine e Mero e a Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene”. A Xuntanza será presentada por Xesús Mato.

Gustaríanos contar coa túa presenza, o sábado día 30 de Setembro as 19.00 horas na praza do Concello de Fene, para que todos xuntos poidamos participar e disfrutar nesta festa na defensa da nosa música, así como na merecida homenaxe a Mini e Mero.