Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

RESULTADOS DO III CERTAME DE MÚSICA TRADICIONAL DE CERVO

Os resultados do III Certame de Música Tradicional de Cervo que se celebrou o 5 de Abril do 2007 son os seguintes:

1º- O Chupacabras de Viveiro (grupo formado por Xesús Riveira, David Bellas, Rafa Crespo e Cristian Silva)

2º- Seitura de Pontevedra

3º- Abelente de Ourense

Noraboa a todos os premiados!
 

I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

O sábado, 21 de Abril, celebrouse na Fonsagrada (Lugo), o "I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA",organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos.

A trompa (arpa de boca, birimbao, guimbarda…) é un instrumento presente e espallado por moitísimas culturas e continentes (Alemaña, Noruega, Italia, Rusia, Vietnam, EEUU…). O instrumento tivo a facultade de adaptarse e asimilar a idiosincrasia das culturas musicais que o acolleron ao longo dos tempos.

Posiblemente o camiño de Santiago facilitou a chegada a Galiza e a súa divulgación entre as xentes. Actualmente só na comarca da Fonsagrada se mantén vivo o instrumento, grazas ás figuras de Emilio “O Pando” e César Fernández. Eles son os últimos tocadores de trompa. A longa cadea de transmisión oral que nos legou a singularidade a particularidade deste instrumento corre serio risco de esvaecer se non creamos lazos que permitan poñer a disposición dos novos instrumentistas todo o saber destes homes.

O obxectivo deste “I encontro de tocadores de trompa galega” é precisamente facer un diagnóstico da situación actual do instrumento no país e sentar as bases sobre as que nun futuro non moi lonxano nos permitan aumentar o número de tocadores de trompa, así como o de ensinantes e estudiosos do mesmo.

Se queredes máis información sobre o encontro, podedes poñervos en contacto coa Asociación no teléfono 986 847 074 ou ben mandando un correo electrónico a: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Programa do encontro

Ler mais. I ENCONTRO DE TOCADORES DE TROMPA

OS ANCARES - AS SÚAS CANTIGAS

O martes, 3 de Abril, emitiuse o segundo Alalá sobre Os Ancares e o concello de Cervantes que estivo dedicado á cántiga nesta zona montañosa de Galicia, limítrofe con Asturias e León. A influencia asturiana no xeito de cantar é notable; así, en lugares como Degrada e noutras vilas de Cervantes cultívase a asturianada, xénero que se incorporou ao repertorio local a través dos galegos que ían traballar ás minas en Asturias desde hai varias xeracións e por proximidade xeográfica.

A asturianada non só se manifestou a través de cancións traídas das minas, senón que chegou, dalgún xeito, a impregnar o xeito de cantar local das melodías tradicionais. Así, neste programa, a través de Suso Carrero, de Degrada, ou de Xosé Rodríguez, de Vilar de Donís, escoitaranse cántigas impregnadas dun virtuosismo vocal e dunha potencia propias das asturianadas e moi diferenciadas doutras partes de Galicia. Xunto á asturianada, en Os Ancares, polo seu illamento, tamén é posible atopar outros xéneros arcaicos como os romances. Mercedes Capón, de Os Prados, ofrecerá un exemplo precioso de romance.

Este programa, como os outros gravados en Os Ancares, está baseado nas investigacións do folclorista Juanjo Fernández, que divide as cántigas en dous grandes grupos: as narrativas e as bailables, as primeiras teñen por finalidade contar unha historia, as segundas, acompañar o baile.

RESULTADOS DO VIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL

O pasado domingo 1 de abril tivo lugar en Arteixo o VIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL organizado pola A.X. Xiradela.
Os grupos premiados foron os seguintes:

Gaiteiros solistas
1º PREMIO: Miguel Ángel Vázquez Brujeiro.
2º PREMIO: Eric torres Naveira
3º PREMIO: Adriana Rivas Seijo

Cuartetos de Gaita:
1º PREMIO: "Os Fontes Suairas"
2º PREMIO: "Loaira" da A. C. "O Castro"
3º PREMIO: "Seixebra"

Os nosos parabéns a todos os premiados!

SERÁN EN DONAS (GONDOMAR)

O sábado 14 de Abril a partir das 21:00 horas, celebrarase un Gran Serán en Donas (Gondomar) que está organizado polos famosos Terribles de Donas.

O Recinto estará cuberto por unha carpa ainda que se agarda unha estupenda noite para a foliada. O serán está patrocinado pola comisión de festas de Donas e colaboran a Asociación Veciñal e Cultural de Donas, a Comunidade de Montes de Donas, Rosquillas Cristaleiro, Espectáculos Mundo Musical e o Concello de Gondomar.

¡Non vos perdades este serán porque seguro que o pasaredes moi ben!

Páxina 448 de 486