Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

"LUCES DO ATLÁNTICO" DE ERNESTO CAMPOS

A Editorial "Dos Acordes" continúa a súa aposta de edición de obras para Gaita Galega recollida nos seus "Cadernos de Gaita Galega" que van xa polo seu número 11, coa publicación da obra para Gaita e Piano do compositor vigues Ernesto Campos, "Luces do Atlántico".

Outras referencias desta editorial para o noso instrumento son:
Caderno 1: Intervalos - Xesús Vaamonde
Caderno 2: Redondelana - Ernesto Campos
Caderno 3: Escalas - Xesús Vaamonde
Caderno 4: Estudios - Xosé Luis Miguélez
Caderno 5: Empezares - Emilio Mesías Farías
Caderno 6: Nove cançoes do Mimo morto e umha cançom de amor - Paulo González
Caderno 7: Carmina Utricularis. Fantasía para Gaita e orquestra - Javier María López Rodríguez
Caderno 8: Capricho de Gaita, para gaita e piano - Agustín Sánchez
Caderno 9: Intervalos II - Xesús Vaamonde
Caderno 10: Biografía dun espello - Ana Belén López- Villar
Caderno 11: Luces do Atlántico - Ernesto Campos.

Podedes atopar mais información na web da editorial "Dos Acordes".
 

PABLO CARPINTERO

O martes 26 de Xuño, o equipo do programa compartirá co público o coñecemento dun verdadeiro “crack” da música tradicional: Pablo Carpintero, un magnífico gaiteiro que ademais é un dos maiores expertos en folclore do noso país, que constrúe e restaura instrumentos, produce discos, organiza exposicións de instrumentos antigos, dirixe varios grupos, colabora en programas de radio e intenta por todos os medios que a cultura tradicional chegue a todos.

Pablo Carpintero é un home xeneroso que doou todo o material acadado durante anos de traballo de recollida ao Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega, e por esa xenerosidade e polo seu altísimo nivel de coñecementos é admirado e querido polos outros músicos e estudosos da tradición. A pesar de ser aínda novo, leva feito un enorme labor de estudo e recuperación da cultura tradicional e agora traballa na que será a primeira tese de doutoramento dedicada á gaita galega. Para el será o segundo doutoramento, porque este Leonardo da Vinci da nosa terra é ademais doutor en Ciencias e un destacado investigador no eido da xenética molecular.

Neste programa coñecerase ademais a súa faceta máis familiar, as súas reflexións sobre a situación actual da cultura en Galicia, e saberase moitísimo sobre a gaita e outros instrumentos galegos curiosos que forman parte da colección completa que posúe Pablo Carpintero.

VIII MEMORIAL "RICARDO PORTELA"


O sábado 14 e o domingo 15 de Xullo celebrarase en Pontevedra o VIII MEMORIAL "RICARDO PORTELA".

O sábado 14 de xullo, terá lugar o concurso do Memorial, en dúas fases: unha eliminatoria pola mañá e unha final polo serán. Poderán participar nel agrupacións musicais tradicionais galegas no formato de cuarteto, quinteto ou sexteto.

Os importes dos premios en metálico para a presente edición serán: 1º-1500 euros; 2º- 900 euros; 3º- 600 euros. Ademais hai dous premios especiais:un premio especial “Ricardo Portela” de 600 euros para a mellor interpretación dunha peza do repertorio de don Ricardo e un premio especial “Seivane-Goretex”, consistente nunha gaita creada especialmente para o VIII Memorial.

A inscrición deberá de formalizarse no rexistro do Concello de Pontevedra, ben en persoa, ben por correo e o prazo remata o 10 de Xullo. Mais información no Concello de Pontevedra: 986 896 528

Ademais do concurso, tanto o sábado como o domingo teremos a oportunidade de visitar a "VI Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais" na Praza da Verdura.

Bases do Concurso " VIII Memorial Ricardo Portela" e cartaz

Ler mais. VIII MEMORIAL "RICARDO PORTELA"

NOVA TITULADA SUPERIOR DA ESPECIALIDADE DE GAITA

A Gaiteira viguesa Lorena Freixeiro realizará o seu concerto de fin de carreira, dentro da especialidade de "Instrumentos da música tracicional galega", o vindeiro xoves día 28 de xuño ás 16:00 no auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de música de Vigo. Convertirase así na segunda titulada superior nesta especialidade. A entrada é libre ata completar o aforo.

II MOSTRA DE FOLCLORE TRADICIONAL DE BRINCADEIRA


O vindeiro sábado, 30 de Xuño, a partir das 21:00 horas, no Teatro Principal en Santiago de Compostela, terá lugar a II Mostra de folclore tradicional do grupo Brincadeira.

Ao longo dunha hora e media coñeceremos de primeira man o traballo feito polo alumnado desta escola de baile, gaita, percusión, pandeireta e acordeón, realizado ao longo de todo o curso. Tres grupos de cada disciplina (o dos cativos, e de adultos, iniciación e perfeccionamento) en baile, pandeireta e gaita, tambor e máis bombo, pasarán polo escenario do Teatro Principal.

Amosarán diferentes pezas tradicionais recollidas nas diferentes comarcas galegas, tentando reflectir da maneira máis fiel posible a cultura tradicional. Por suposto, vestidos co traxe tradicional, co que ademais poderemos gozar da riqueza e variedade das pezas, tanto de cotío como de gala, de distintas zonas de Galiza, de xeito que coñeceremos de xeito integral a nosa cultura.

Horario: 21:00 h.

Lugar:
Teatro Principal
Rúa Nova, 21. 15701, Santiago de Compostela

Prezo: De balde

Páxina 442 de 486