Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Polavila en Donís !!! No vindeiro Recuncho da Palleta

lumepalleiraEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Guillerme Inácio que nos achegará ata terras de Lugo cun espazo titulado "Polavila En Donís". Neste espazo falaranos de Inés de Piornedo e doutras tocadoras da parroquia de Donís, no concello de Cervantes.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

 

33 anos de traballo en prol da nosa cultura tradicional

actafundacionalTal día coma hoxe hai 33 anos celebrábase no Museo da Terra de Melide, unha reunión da Comisión Xestora previa á creación da AGG coa finalidade de constituír legalmente a Asociación de Gaiteiros Galegos.

Neste encontro elixiuse por unanimidade a Ricardo Portela como Presidente Provisional e a Xosé Domingos Fuciños "Mingos" como Secretario.

Os puntos da orde do día da xuntanza foron a constitución da AGG e a aprobación dos Estatutos.

Foi nesta reunión onde se levantou a Acta Fundacional, que será presentada, xunto cos estatutos aprobados, no Ministerio do Interior o 23 de xuño dese mesmo ano por Ricardo Portela, formalizando así a constitución da AGG.

Estamos de celebración e sentímonos moi fachedosos de poder seguir, 33 anos despois, traballando pola nosa música e o noso baile tradicionais, con toda a ilusión e a mesma determinación dos que impulsaron este proxecto.

Xornadas de frauta

cartaz xfrauta_21_prog_webO vindeiro sábado 5 de xuño organizamos unha nova edición das “Xornadas de frauta” nas que contaremos con relatorios de investigación que abordarán aspectos como "A frauta traveseira de madeira en Asturies" da man de Pepín de Muñalén, acharémonos á historia dos Barreiros de Albín no relatorio-concerto "Herdeiros dos Barreiros. Homenaxe ós de Albín" a cargo dos Gaiteiros do Ulla e tamén faremos unha achega á frauta dos tres furados no relatorio "Tamboril por gaita. A figura do tamborileiro salmantino" con José Ramón Cid Cebrián.

Con estas xornadas, que se levarán a cabo en dúas modalidades, presencial e en liña, dende a AGG buscamos amosar a riqueza existente na cultura tradicional e incidir na gran importancia que teñen os traballos de investigación para poder coñecer, preservar e transmitir as tradicións.

PROGRAMA:

11.00 h. - "A frauta traveseira de madeira en Asturies". Pepín de Muñalén

12.00 h. - Descanso

12.30 h. - "Herdeiros dos Barreiros. Homenaxe ós de Albín". Gaiteiros do Ulla

13.30 h. - Parada para xantar

16.00 h. - “Tamboril por gaita. A figura do tamborileiro salmantino”. José Ramón Cid Cebrián

LUGAR:

      * MODALIDADE EN LIÑA: CANLE DE FACEBOOK DA AGG (www.facebook.com/aggtradiciongalega)

      * MODALIDADE PRESENCIAL: CASA DE ROSALÍA (imprescindible a inscrición previa. Aforo limitado)

DATA: Sábado 5 de xuño de 2021

INSCRICIÓNS: Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.

A asistencia é de balde, previa inscrición no caso da modalidade presencial, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o domingo 30 de maio para inscribirse. A partir desa data se quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de soci@s e non soci@s, por orde de chegada.

A celebración das xornadas está suxeita á situación sanitaria do momento, e levaranse a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.

Máis información: 986 84 70 74 - 982 22 99 66 -  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Sons da Tradescola para Xela Arias

sonsmaio xelaarias_webHoxe iniciamos o ciclo “Sons da Tradescola para Xela Arias” cunha actuación diante da Deputación de Lugo dun dos grupos de gaitas e percusión tradicional da Tradescola. Aproveitando a celebración das Letras Galegas adicadas a Xela Arias, a Tradescola ofrecerá distintas audicións na praza de San Marcos (Lugo) nas vindeiras semanas. Esta nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional conta coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo.

Con estos concertos, a Tradescola quere sumarse ós distintos actos en homenaxe a Xela Arias no día das nosas letras, e nos mesmos, poderemos gozar de numeroso repertorio tradicional, interpretado pol@s alumn@s e mestres da Tradescola onde non faltarán gaitas, zanfonas, percusións, acordeóns, cantareir@s e por suposto bailadores e bailadoras.

Dúas muiñeiras de concerto no vindeiro Recuncho da Palleta

 

lumepalleiraEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Xaime Estévez, que nos falará sobre dúas muiñeiras representativas doutros lugares galegos como Baiona e Lugo. No primeiro caso da muiñeira Lembranzas compostas por Angel Rodulfo alá polo 1910 parte dunha zarzuela para recaudar fondos para o monumento de "A Virxe de A Roca". Poremos unha versión inédita do grupo de saxofóns "Litore Quartet" e outra versión folk. No segundo caso pasaremos a popular Muiñeira de Lugo e buscaremos as súas raices escoitando a rapsodia galega Festa na Tolda de Gustavo Freire e outros exemplos da música tradicional e clásica que poden sorprendernos.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

 

 

Páxina 16 de 486