Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro unha nova edición das xornadas de percusión tradicional

cartaz x.percu2021A AGG organiza o vindeiro sábado 13 de novembro, en colaboración coa área de cultura da Deputación de A Coruña e coa participación do Concello de Mesía, unha nova edición das Xornadas de percusión tradicional, con obradoiros de trompa galega, pandeiro, tamboril e pandeireta.

O primeiro dos obradoiros “Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”, a cargo de Francis Olivier, tentará achegar ós participantes a este máxico instrumento e facilitar dun xeito sinxelo, a técnica de percusión e recursos, en diferentes ritmos da nosa música. Descubrindo outra maneira de coñecer a potencialidade armónica que existe no interior da cavidade bucal, grazas a estes “ferriños que tocan”.

De seguido, teremos o obradoiro "'Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man': Introdución á técnica do pandeiro cadrado” a cargo de Noemi Basanta. Este curso procurará realizar un achegamento ao pandeiro cadrado desde diferentes perspectivas. Reflexionaremos sobre a morfoloxía e tipoloxía do instrumento, coa vontade de que os/as asistentes poidan valorar diferentes sonoridades. Alén diso, faremos un percorrido por diferentes ritmos e melodías, ofrecendo recursos técnicos que axuden a resolver posíbeis problemas. A finalidade última é fomentar a autonomía do alumnado e mellorar o seu xeito de tocar. Por ese motivo, as directrices estarán ao servizo do repertorio tradicional mais colocando en primeiro plano, por enriba das peculiaridades de cada zona ou informante, a destreza e a solvencia co instrumento.

Xa pola tarde, abriremos a sesión co “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’” a cargo de Arantza Alfaia no que poderemos ver: _Breve exposición das características do tambor (morfoloxía, afinación e tensado, mantemento e coidados) e baquetas. _Mostra da representación escrita a través da linguaxe musical e/ou outros métodos (fórmulas rítmicas, silábicos…) _Os agarres. Movementos do pulso, utilización de dedos, antebrazo… _Breve mostra de exercicios para construír unha técnica; tipos de golpes e rudimentos. A importancia dos acentos e as dinámicas… Diferentes intensidades e sonoridades asociadas á melodía e ao contexto instrumental. _Padróns para os diferentes ritmos atendendo ás dinámicas e á acentuación e práctica a través de pezas concretas. _Outros padróns con rítmicas diversas para os diferentes ritmos e práctica a través de pezas concretas. _Outros arranxos para os padróns estudados: entradas, saídas, cortes, dinámicas, acentuacións... _Reflexións sobre o traballado.

E para pechar a xornada teremos o obradoiro “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega” a cargo de Guillerme Inácio no que poderemos: _Realizar un achegamento ás variantes do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta, a través da análise de mostras recollidas da nosa tradición oral. _Practicar os diversos toques de muiñeira vella a man aberta que atopamos na nosa tradición, acompañando algúns cantares aprendidos directamente das nosas mestras das aldeas. Aprenderemos: _Toques base para a muiñeira: muiñeira nova VS muiñeira vella. _Muiñeira vella a man aberta: riscado e sen riscar; xeito ibérico e xeito galego. _Exemplos de pandeireteiras que empregan o toque de muiñeira vella a man aberta: parroquias da Ameixenda (Cee), Caldebarcos (Carnota), Carcasía (Padrón), Oín e Seira (Rois),Dimo (Catoira) e Prado de Paradiñas (Vilafranca do Bierzo), entre outras. _Repertorio vocal recollido de informantes dos lugares citados, acompañado do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta. 

A participación nas xornadas será de balde, previa reserva e ata completar aforo, tendo preferencia @s soci@s da AGG e asociacións do Concello de Mesía, que terán preferencia nas inscricións ata o domingo día 7 de novembro, e a partir desa data as prazas dispoñibles cubriranse por orde de inscrición.

PROGRAMA:

10.15 - Apertura

10.30 - Obradoiro I:“Re-percusión da Trompa Galega na nosa música”. Francis Olivier

12.00 – Descanso

12.30 - Obradoiro II: “Pandeiro de catro esquinas non se toca cunha man”: Introdución á técnica do pandeiro cadrado”. Noemi Basanta

14.00 – Parada para o xantar

16.00 - Obradoiro III: “Obradoiro de tambor galego; ‘Técnicas e recursos para a creación de arranxos na música tradicional’”. Arantza Alfaia

17.30 – Descanso

18.00 - Obradoiro IV: “Muiñeiras do revés. Toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega ”. Guillerme Inácio

LUGAR: Casa da Cultura de Xanceda - Mesía

DATA: Sábado 13 de novembro de 2021

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo  indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail. 

A celebración das xornadas levarase a cabo cumprindo todas a medidas de seguridade necesarias por mor da COVID-19.

 

O Samaín no vindeiro Recuncho da Palleta

lume na palleira okEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Gustavo Couto que nos falará do Samaín e de distintas tradicións relacionadas con el.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

Músicas da Terra de Montes (Arquivo Virtual) - Rubén Troitiño

arquivo virtualMúsicas da Terra de Montes (Arquivo Virtual) -https://www.musicasdaterrademontes.com/

Xa esta dispoñible o arquivo virtual das músicas de Terra de Montes. Despois de moito tempo diante do ordenador Rubén Troitiño xa pode anunciar que este novo proxecto está en marcha.
Neste portal web pódese facer un pequeno percorrído virtual ao que foron as músicas desa zona: gaiteiros, bandas de música, pequenas orquestras… xa que a maioria non foron famosas e famosos pero si populares e grazas a isto todas as festas e romerías estaban amenizadas. Mantiveron a música viva durante moitos anos e nos deixaron un gran legado cultural.
Dentro deste apartado poderemos ler artigos coma os escritos sobre Avelino Cachafeiro, os gaiteiros de Soutelo, Ramiro Cortizo “O Capador de Muras”, Pedro Prado, bandas de música de Cerdedo, as pandeireteiras de Barro de Arén… e referencias a outras publicacións coma Canteiros e artistas de Terra de Montes e das Ribeiras do Lérez, Cancionero Musical de Galicia, as revistas Cotaredo e Metacios ou o Arquivo Dixital do Museo do Pobo Galego.
Coméntanos Rubén Troitiño que toda a información compartida está en constante renovación coas últimas investigacións e novidades que aparezan sobre as mesmas e que a web pode ter algún erro tanto de formato coma de información, e seguirá traballando nela.
Moitas grazas a todas e a todos os que colaborades dunha maneira ou doutra en facer esto posible. A música nesta zona ten un bo pasado, presente e creo que futuro.

A XXXIII Xuntanza de Gaiteiros, organizada pola Entidade Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, no vindeiro Recuncho da Palleta

lumepalleiraEste domingo, no "Recuncho da Palleta" do programa "Lume na Palleira" conducido por Emilio Españadero, contaremos con Ramón Dopico, que nos falará da XXXIII Xuntanza de Gaiteiros, organizada pola Entidade Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, e que terá lugar o sábado día 30 de outubro de 2021 a partir das 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene).

Nestas xuntanzas, ademais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aproveitan a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional.

Nesta XXXIII Xuntanza homenaxearán a Os Viqueiras.

Non te perdas, esta nova emisión do Recuncho da Palleta dentro do programa Lume na Palleira, o domingo as 17:00 horas.

Xoan Carlos Rilo Fraga ven de presentarnos o primeiro traballo discográfico que fai en solitario, "O ronsel do meu sentir"

portada cdXoan Carlos Rilo Fraga ven de presentarnos o primeiro traballo discográfico que fai en solitario. Trátase dunha escolma de temas da súa autoría na que mistura gaitas (en 11 afinacións diferentes) cos instrumentos de percusión máis relevantes da nosa música tradicional; todos eles tanxidos por el.

Co título “o ronsel do meu sentir” tratou de amosar con claridade o seu peculiar e persoal estilo de concebir a gaita: dozura e sensibilidade, paixón i emotividade , sinxeleza e complexidade, tradición e por que nón, modernidade.

Partituras de cadanseu instrumento, (que poderás atopar na súa páxina web)…….unísonos, contracantos, cuartas, quintas, sextas, oitavas, ….. cuartetos, bandas de gaitas ou mesmo outras formacións.

Co tema titulado “Coraxe”, fai a súa contribución especial aos afectados por Covid-19. Polifonía, armonía e afouteza….. (enlace deste emotivo video    https://youtu.be/H2X7xMGiUOw)

Toda a información (partituras, videos, imaxes...) en: www.xoancarlosrilo.com

 

 

Páxina 13 de 486