Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Lume na Palleira

DESCANSO DOS RECUNCHOS ATA SETEMBRO

Durante os meses de Xullo e Agosto vaise a facer un pequeno parón na emisión dos "recunchos da palleta" posto que como todos sabedes, estamos en periodo de vacacións e na radio tamén necesitan un descanso.

"Lume Na Palleira" naceu como unha proposta musical alternativa dentro das ondas radiofónicas da Radio Galega, tratando de que a música folk e tradicional, tanto do noso país como de outros (principalmente os de influencia céltica), tivera presencia a traveso de ditas ondas. Coa sección dos "recunchos da palleta" tratamos aportar algunha axuda a todos aqueles interesados pola música tradicional que teñen interese en ampliar os seus coñecementos sobre a nosa cultura.

Nos últimos meses tratáronse temas tan interesantes como a historia de "Os Terribles de Donas" e Paco, o gaiteiro de Escornabois. Tamén falouse do Memorial Manuel Texo, de "Os Peruchos de Castrelos" e incluso fíxose un programa especial en directo de "Lume na Palleira" adicado o "I Encontro deTocadores de Trompa" que tivo lugar na Fonsagrada o 21 de Abril.

Estes meses de verán servirán para recopilar información e voltar en Setembro con novos temas cos que de seguro seguiremos coñecendo mellor a música tradicional galega. Esperamos contar con vos na vindeira tempada.
 

AS GAITAS DE ALCACÉN


O Sábado 16 de Xuño, Pablo Carpintero tratou un tema moi interesante nos recunchos da palleta: as gaitas de alcacén.

Trátase dun tipo de clarinete, que xunto con outros instrumentos fabricados con pallas de centeo, avea ou trigo, aparece por toda Galicia. Son instrumentos que serviron para a aprendizaxe de multitude de vellos gaiteiros e a maioría deles todavía sabe como fabricalos e tocalos.

As pipas de alcacén son quen de reproducir, se son fabricadas coa suficiente destreza, calquera tipo de melodía propia das gaitas de fol ou do canto tradicional. E ademais son con estes sinxelos instrumentos cos que a maior parte dos nosos vellos gaiteiros comezaron a tocar. Pero de todo este tema, ninguén mellor que Pablo Carpintero para darnos mais información nos recunchos.
 

PACO, O GAITEIRO DE ESCORNABOIS


O Sábado 9 de Xuño, Pablo Carpintero compartiu a sección dos recunchos da palleta co gaiteiro de Escornabois, Paco, un grande gaiteiro de case 80 anos, da Limia, da Aldea de Escornabois.

Paco, que ven de publicar un disco con Edicións do Cumio producido por Pablo Carpintero, é probablemente un dos gaiteiros máis recoñecidos de Galicia.O seu peculiar xeito de mover os dedos sobre o punteiro, os seus picados e repicados, atraen ós músicos máis novos que intentan imitar as súas características ornamentais. Ademais é un mestre cun repertorio interminable, que acode todos os anos ó Entroido de Laza para animar esta festa ancestral co son da súa gaita .

Nos recunchos estivemos toda a hora conversando e tocando con el para coñecer mellor a esta figura tan importante da nosa música tradicional.
   

INÉDITOS III- "OS TERRIBLES DE DONAS"


O Sábado 2 de Xuño, no espacio "o recuncho da palleta" e da man de Xaime Estévez, tivemos a oportunidade de coñecer a "OS TERRIBLES DE DONAS" grupo histórico do Val Miñor que na actualidade volve con forza da man dos fillos e netos dos fundadores que están recuperando as pezas propias do grupo e preparando unha posible gravación das mesmas.

No programa tivemos ocasión de falar cos herdeiros naturais do grupo e actuais compoñentes : Manolo,Suso,Verónica e Xurxo e ademáis tivo lugar unha actuación en directo no propio recuncho con repertorio inédito e orixinal deste grupo.
 

MEMORIAL MANUEL TEXO



O sábado 5 de Maio, nos recunchos da palleta contamos con Xosé F. Gil Dopazo para falarnos do Memorial Manuel Texo que este ano cumpriu o X aniversario.

Este Memorial é unha homenaxe á figura do gaiteiro Manuel Texo, un home que desde sempre foi defensor da música tradicional galega. Foi membro do grupo "As Requintas de Santa Cruz de Rivadulla" ademais de ser moi importante a súa aportación á conservación e recuperación de pezas de música tradicional.

Este certame, estase a converter nun referente dentro dos concursos de quintetos e cuartetos en toda a Comunidade Autónoma.
   

Páxina 12 de 15