Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Varios

IV Noite de Fiadeiro

Un ano máis chega a Noite de Fiadeiro polo derradeiro Sábado de Abril, organizada polo Colectivo Rebulir e o Patrocinio do Concello de Ramirás e a Deputación de Ourense. Neste 2010 cúmprese a IV edición da festa, que nacía no 2007 coa intención de recuperar os Antigos Fiadeiros da Comarca, aquelas reunións festivas de mozas e mozas que se xuntaban para bailar, tocar e cantar.

Deste xeito, o vindeiro 24 de Abril a cita está no pobo de Vilavidal no Concello de Ramirás. Durante toda a Xornada haberá actividades dirixidas a todos os públicos, para comezar as 21:00 h co prato forte, a festa propiamente dita, coa participación de preto de 20 colectivos chegados de diferentes puntos da xeografía galega que porán a música. Previamente, as 20:00 h farase unha chamada aos veciños para participar da festa, cun pasarrúas de Xigantes e Cabezudos, animación de rúa, foguetes e a Charanga Tradicional Os Estoupapozas tocando polas rúas.

Queremos recordar unha vez máis que non se trata dun festival ou mostra de música tradicional ou folclórica, senón que é unha festa que implica ao visitante na súa dinámica. Deste xeito, procúrase que se poda bailar, tocar, cantar, ou simplemente disfrutar do ambiente da noite.

Para descargar o programa prema aquí.
 

Exposición de fotografías de Anxo Valcárcel en Lugo

Cincuenta e oito desas fotografías amósanse na exposición ‘Carlos Valcárcel. Fotografías 1969-2001’ que este xoves se inaugurou na Sala Isaac Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo, coa presenza do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Marta Miranda; a vicedecana de Estudantes e Relacións Exteriores de Veterinaria, Patricia Fernández de Trocóniz; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antonio Veiga; o xerente territorial da Fundación Caixa Galicia, Sinesio Pérez; e o propio Carlos Valcárcel.
Estas fotografías, feitas con cámara analóxica e en branco e negro, teñen un destacado valor etnolóxico, xa que permiten facer un percorrido pola historia de Galicia nos últimos corenta anos a través das súas paisaxes e as súas xentes. Entre as obras expostas figuran algunhas da feira de Monterroso dos anos 60, das festas de San Froilán ou da situación do poboado xitano do Carqueixo na década dos 70, singulares imaxes dalgunhas das máis coñecidas praias luguesas e mesmo unha fotografía tomada ao escritor Uxío Novoneyra acendendo un cigarro na porta da súa casa.

Carlos Valcárcel explicou que decidiu ceder estas fotografías aos fondos da USC porque considera que “pola súa labor social e cultural é o lugar máis axeitado” para conservar e divulgar unha parte importante da súa obra que supón unha “pequena historia da sociedade galega”.

A mostra pódese visitar na Facultade de Veterinaria ata o vindeiro 14 de maio, en horario de 9:00 a 21:00 horas de luns a venres.

http://www.apeneira.com
 

Pasarúas por Pontevedra




Co gallo do macro concerto organizado pola plataforma Queremos Galego, que terá lugar mañá sábado 17 no recinto feiral de Pontevedra, os grupos Os Lerenses e Os Faíscas de Solobeira ofrecerán un pasarrúas que comezará ás 18h na plaza da Ferrería e recorrerá o Casco Vello para rematar no lugar no que se celebrará o concerto.
   

A ASPG Presenta Canto de Permanencia

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega presenta mañá día 15 na Coruña e o día 20 en Santiago Canto de Permanencia.
Este é o título sobre o que se recollen, en formato audiovisual, tres traballos, autónomos mais complementares, sobre a persoa e a obra de Uxío Novoneyra.

1.- Canto de permanencia, documental creativo e obra experimental, que dá título ao DVD, é unha interpretación, en linguaxe cinematográfica, dunha escolma de textos da obra de Novoneyra. Sobre este guión literario sobreponse un guión de ficción para termos unha obra que combina textos con imaxes reais rodadas en espazos simbólicos da obra de Novoneyra e, xunto con estas, outras recreadas en estudios de gravación ou en espazos interiores e con actores, resultando un produto susceptíbel de ser visionado de maneira autónoma e independente de calquera contexto e de calquera coñecemento previo da obra de Novoneyra. Cabe salientar que, coa selección de textos, o guión procura construír unha liña temporal que podería seguir o devir das catro estacións.

2.- O segundo audiovisual, A Certeza de Sermos, recolle un recitado de textos de Novoneyra por el proprio. Son textos até agora non divulgados procedentes dos fondos documentais da AS-PG, agás un cedido polo CIFP Anxel Casal da Coruña. Van unidos argumentalmente por textos de discursos de Novoneyra coa voz en off de Fernando Morán e teñen en común presentan o seu carácter marcadamente social.

3.- Finalmente, e como Extras, o DVD recolle un recitado de versos dedicados a Novoneyra por Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Queizán, Bernardino Graña e García Bodaño xunto con imaxes inéditas da gravación de Canto de permanencia.

Este traballo vaise vender, a partir da semana próxima en que teremos as copias, ao prezo de 10 euros. Se estás interesado/ en adquirir un exemplar con anterioridade e pedindoo directamente á AS-PG podes recibilo no teu enderezo ao prezo de SEIS euros. Para iso debes ingresar os 6 euros na seguinte conta de caixa Galicia:
2091-0000-35-3040150083.
Concepto: Canto de permanencia.

Máis info: http://www.as-pg.com/
 

Alex Regueiro, obradoiro de traxe tradicional galego

Presentamos o traballo de Alex Regueiro, creador de As Galas de Alén, un obradoiro de traxes tradicionais galegos cualificado pola Xunta de Galicia. A súa laboura é a de recuperar o vestimenta popular galega. Dirixido por Alex Regueiro, artesán cualificado polo mesmo organismo, leva quince anos aportando un traballo moi importante para a recuperación e conservación desta parte do patrimonio galego.

O seu traballo está especializado no que deu en chamar alta costura tradicional, pezas mimamadas e exclusivas como antano, onde cada gaiteiro se distinga pola súa mestría tocando e pola elegancia coa que vestía. Na actualiade, Alex Regueiro traballa e colabora con varios museos e organismos públicos e privados para recuperación do noso ben querido traxe tradicional.

Tamén é admistrador do grupo de AMIGOS DO TRAXE TRADICIONAL GALEGO en Facebook que conta con case 3000 compoñentes. Visita a súa páxina.
   

Páxina 479 de 529