Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Varios

Programación Tradición a Pé de Rúa




A celebración no 2010 do Ano Xacobeo supón un importante reto de cara a traballar pola presenza da música tradicional nas diferentes actividades que se leven a cabo. Neste senso en colaboración coa S.A de Xestión do Plan Xacobeo a Asociación de Gaiteiros Galegos está a elaborar a programación Tradición a pé de Rúa, a través da cal se levarán a cabo pasarrúas e concertos en formato acústico coincidindo con actividades culturais nas pequenas vilas polas que transcorre o camiño, como poden ser feiras de artesanía, exposicións ou festas gastronómicas. En cada caso, procurarase a presenza de artistas e agrupacións cunha íntima relación coa cultura tradicional propia de cada zona. O obxectivo final é o de amosar a variedade, as características estéticas e musicais propias e as influencias culturais que existen en cada un dos camiño

Dentro desta programación mañá sábado 15 Os Lerenses ofrecerán un pasarrúas en A Estrada, coincidino coa Feira Sustentable en torno ás 11 da mañá.






 

Homenaxe á Señora Carme




Varios artistas renden tributo á señora Carmen, tesouro vivo da canción tradicional galega, para presentar no Pazo da Cultura o seu traballo musical, con cancións cheas de sentimentos nas que nos conta a súa vida dun xeito moi íntimo e persoal, mergullándose na Galicia que viviu de nena en claro contraste coa Galicia actual. " Na flor dos meus anos" conta con grandes colaboracións musicais: dende os portugueses Dulce Pontes ou Augusto Canario até os galegos Uxía, Xosé Manuel Budiño, Rodrigo Romaní ou membros de grupos tan recoñecidos como Treixadura, Berrogüetto ou Malvela, demais do contacontos Celso Fernández Sanmartín.

Venres 21 de maio, 21:00 horas.
Lugar: Auditorio do Pazo da Cultura.
Prezo: 10 euros.


 

Documental Antón Corral Mestre dos mestres




O Equipo de Normalización Lingüística do Conservatorio Superior de Música de Vigo, en colaboración co dpto. de Instrumentos da música tradicional e popular, organiza a presentación e proxección do documental "Antón Corral - Mestre de mestres -. Vol. 2. O músico", realizado e producido por Xurxo Fernández e Diego Mariño.

O acto celebrarse o día 18 de Maio de 2010 ás 11:30 horas, na aula 16 do Conservatorio Superior de Música de Vigo, e finalizará cun coloquio aberto no que se contará coa presenza de Antón Corral.












   

Projecto Trepia en Cangas

Proposta escénica galega que abrangue a fusión da música tradicional coa electrónica, a danza tradicional e o soporte multimedia (video-creación).

Projecto ['trepia] presenta o seu novo espectáculo " Trépia 1punto3 " o 14 de maio no auditorio de Cangas do Morrazo (Pontevedra).

Presentación Projecto [‘trepia]

A de-construción (non destrucción) da música e a danza tradicional. Trátase do análise en profundidade dos ítems culturais da nosa tradición para a súa posterior reciclaxe. Aplícaselle, por exemplo, aos instrumentos de percusión, un tratamento contemporáneo (o cal non é tan estraño se temos en conta que falamos de música tradicional viva recollida no século XXI).

Os recursos empregados son o sampleo de bases (feitos con tomas acústicas de instrumentos tradicionais ou ben con fragmentos de gravacións do arquivo de recolleitas –inédito, por certo-), a utilización da zanfona electro-acústica como principal instrumento solista, batería electrónica e baixo que reforzan a presenza dos ritmos tradicionais e, como non, voces e percusión en directo.

Benvid@s á nosa visión da música tradicional galega no século XXI: non reciclamos cousas antigas; reciclamos cousas contemporáneas (que ninguén se esqueza).

Dun xeito parello a proposta de projecto [‘trepia] pasa tamén polo emprego do audiovisual nos seus concertos, polo cal a gravación e reedición de vídeos (xa sexan do arquivo de recolleitas ou de nova creación) ten un papel moi importante.

Do mesmo xeito, e volvendo á raíz da música (que é creada por e para o baile), faise indispensable a presenza da danza tradicional. No noso caso, a medias coreográfica, a medias improvisada –como debera sempre ser-.

Lugar: Auditorio de Cangas do Morrazo (Pontevedra)
Enderezo: Avenida Lugo, 25-27
Hora: 22:30h.
Entrada: 6€ (4€ para nenos menores de 12 anos)
 

Falece Faustino Santalices Muñiz

Faleceu o domingo de mañá en Pontevedra o Dr. D. Faustino Santalices Muñiz, fillo de D. Faustino Santalices Pérez, prestixioso etnomusicólogo, artesán e intérprete de gaita e zanfona, oriundo de Bande, que a inicios do s. XX rescatou a zanfona do esquecemento e dignificou a construción da gaita galega.

D. Faustino Santalices Muñiz tamén aprendeu a tocar a zanfona e se algo lle caracterizou sempre foi a devoción e amor polo seu pai, e como fiel depositario de todo o arquivo e memoria viva do seu pai, D. Faustino Santalices fillo loitou toda a súa vida polo recoñecemento da figura do seu pai e para a perpetuación da súa labor a prol da tradición musical e da cultura galega.

Na súa labor profesional como reputado oftalmólogo en Madrid, especializouse no afiado do instrumental quirúrxico oftalmolóxico, elevando a categoría científica o arte de afiar, que como el sempre explicaba só podía conseguir alguén que tivese nacido en Ourense, a terra dos afiadores. Tamén desenvolveu numerosos inventos e patentes que supuxeron un grande avance na cirurxía ocular do seu tempo.

Enterrárono onte e o funeral será hoxe ás 5 da tarde na Igrexa de Santa María en Pontevedra
   

Páxina 475 de 529