Varios
XI certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”
04.03.24
Xa está en marcha o XI certame de debuxo “O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega”, unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola (escola de música e baile tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo) en colaboración coa Área de Cultura (Vicepresidencia) da Deputación de Lugo e que acada este ano a súa décimoprimeira edición.
A finalidade desta actividade, dirixida ás nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis pequenos a música e a cultura tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de respecto e valoración da mesma.
É necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, o que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.
A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste XI Certame de debuxo sobre o baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.
Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola (
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
l )ata o 5 de abril de 2024.
O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material didáctico. Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador@ que recibirá un premio consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2024/2025. O centro educativo ao que pertenza @ gañador@, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2024/2025.
Se o teu centro de ensino quere participar pode poñerse en contacto coa Tradescola por correo electrónico ou chamando ao 982229966 . Esperamos os vosos debuxos!!!!
Folión de Entroido na Tradescola
02.02.24
O vindeiro martes 6 de febreiro, a Tradescola manterá viva unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural. A Tradescola, escola de música tradicional galega que xestiona a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s na cidade de Lugo, realizará unha nova actividade propia das datas do entroido. Levará a cabo un Folión que partirá do CENTRAD ás 17.30 h. e onde todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.
Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.
O percorrido previsto,: Saida CENTRAD (17.30 horas), Rúa Montevideo, Rúa Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, Rúa da Raiña e remate na Praza Maior.
Un dos obxectivos da Tradescola é incrementar a presenza da música e do baile tradicional galego nos distintos ámbitos da sociedade, e para conseguilo, realiza asiduamente numerosas actividades para achegar ao público a coñecer de preto o traballo que está a realizar esta escola, ofrecendo formación a todas as persoas interesadas na música e no baile tradicional tanto na cidade de Lugo, onde imparte aulas diariamente, como no resto de comarcas da provincia a través da realización de diversas accións formativas relacionadas co ensino da música e baile tradicionais.
Alborada para Rosalía 2024
02.02.24
Desde a AGG e a Fundación Rosalía volvemos a organizar para o 23 de febreiro (Día de Rosalía) a Alborada para Rosalía de Castro.
Que este 23 de febreiro non quede ningún recuncho de terra sen o son da nosa música na honra de Rosalía.
Únete ao #DíadeRosalía e celébrao con nós e a Casa de Rosalía homenaxeando a nosa poeta cunha #AlboradaparaRosalía.
Como participar?
Grava un vídeo botando unha peza na honra de Rosalía (podes facelo lendo, cantando, tocando, bailando,...), e logo compárteo nas redes sociais antes ou durante o día 23, co cancelo #AlboradaparaRosalía, e etiquétanos a AGG (@aggtradiciongalega) e a Casa de Rosalía (@FundacionRosalia). Entra no mapa
https://rosalia.gal/que-facemos/proxectos/alboradas-a-rosalia/e coloca a túa localización (onde vas a interpretar a #AlboradaparaRosalía ).
O día 23 compartiremos os teus vídeos para inundar as redes en homenaxe a Rosalía.
Dúbidas? Mándanos un correo a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Onde descargar a Alborada de Rosalía?
Letra:
https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2013/02/LetraAlborada.pdf
(rosalia.gal)
Partitura:
https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2013/02/PartituraAlborada.pdf
(rosalia.gal)
Manifesto:
https://rosalia.gal/wp-content/uploads/2024/02/manifesto-alborada-2024.pdf
Anímate a participar e a difundir esta actividade,
Viva Rosalía! Avante a Alborada!
X Memorial Henrique Otero
01.02.24
Xa temos cartel da que será a décima edición do Memorial Henrique Otero, anota a data desta cita anual na que homenaxeamos a figura do Gaiteiro do Fragoso.
O vindeiro sábado 13 de Abril a partir das 19.30 horas terá lugar no auditorio Martín Codax do CSMV en Vigo unha nova edición do MEMORIAL HENRIQUE OTERO no que como cada ano soará unha escolla das obras do mestre, que nesta edición está adicada á xeografía na obra do mestre. Neste concerto-homenaxe organizado pola AGG, coa colaboración do CSMVigo e da Deputación de Pontevedra, participarán A Seneira (Baiona), a Asociación Folclórica Breogán De Moaña, a Banda de gaitas e percusión da ETRADVIGO, Contiños da Feira (A Coruña), Grupo de gaitas “Cans de Palleiro” S.C.D.R. Helios Bembrive, Narmores, Noitarega, Os Carunchos, Os Terribles De Donas, Raigames, Ruada (Torroso-Mos), Sons do Abrente de Mos e Traspés.
Henrique Otero Covelo, O Gaiteiro do Fragoso, como el mesmo quería que o lembrasen, foi un personaxe clave para comprender e coñecer boa parte do mundo da gaita en Galicia, en particular en Vigo e a súa comarca. Foi un dos mellores expoñentes da tradición gaitística galega, figura de transición entre o gaiteiro rural tradicional e o gaiteiro urbano, pero tamén entre o gaiteiro de oído tradicional e o gaiteiro músico actual.
Son moitos os méritos que habería que recoñecerlle a este gran gaiteiro, pero sen dúbida, o que maior pegada deixou para o futuro foi o de conseguir que foran recoñecidos, por primeira vez na historia, os estudos oficiais de gaita galega polo MEC no ano 1977.
Dende a Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas gustaríamos contar coa túa presencia neste Memorial, lembra que a entrada é de balde ata completar aforo.
Esperámoste o vindeiro día 13 de Abril !
Fondo pesar polo pasamento de Manel, gaiteiro de Son de Lugh
22.01.24
Dende a Asociación de Gaiteirxs Galegxs lamentamos fondamente a perda de Manel e queremos manifestar o noso máis fondo pesar a súa familia e amigos. Que a terra che sexa leve GAITEIRO. DEP.
Fondo pesar polo pasamento de Manuel Alonso, tamborileiro de Noitarega
02.01.24
A música tradicional está de loito, deixounos Manuel Alonso, tamborileiro de Noitarega e un dos grandes percusionistas tradicionais galegos e mellor persoa.
Dende a Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos lamentamos profundamente esta perda, e queremos manifestar o noso máis fondo pesar a súa familia e amigos.
Sempre estarás presente na nosa memoria. Que a Terra che sexa leve. DEP
O funeral oficiarase o xoves ás 16:30h en Sárdoma.
Actividades de Nadal na Tradescola
15.12.23
Achegase o Nadal, e dende a Tradescola temos previstas varias actividades para estas datas.
O martes da vindeira semana, día 19 de decembro, teremos unha audición de Nadal na capela de Santa María de Lugo ás 19.00 h, na que contaremos con alumnado de Canto e pandeireta, de Pandeira, de Gaita e Percusión e tamen con alumnado de Baile, que nos achegarán unha escolma de pezas tradicionais destas datas!!
Continuaremos o xoves día 21 de decembro cos mais peques da Tradescola, que ofrecerán un mini concerto de Nadal ás súas familias e amigos.
E para rematar, o venres 22 de decembro, pola tarde darémoslle a Benvida ao Apalpador xunto a outras asociacións da cidade, cunha actuación da Tradescola que está prevista para as 19.00 h. no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, e na que participará alumnado de Canto e Pandeireta, Acordeón e alumnado de Zanfona da Tradescola.
Esperámosvos a todas e a todos para iniciar estas festas da mellor maneira posible : coa nosa música e o noso baile tradicional!!!!
A Tradescola realizará a vindeira semana concertos didácticos para escolares de Outeiro de Rei
14.12.23
A Tradescola realizará o vindeiro mércores unha nova actividade de promoción e difusión da música e do baile tradicional na provincia. Concretamente, o día 20 de decembro achegarase ata Outeiro de Rei, concretamente ao CEIP Laverde Ruiz, para impartir unha nova xornada de música tradicional para escolares. Con estas xornadas, que contan coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico a través dos concertos impartidos nos distintos centros.
Realizarase tres concertos didácticos neste centro, como parte do premio pola participación no X Certame de debuxo para escolares que se realizou o pasado curso, e no que foi gañadora Aroa Fernández Barreiro.
O concerto estará impartido polos mestres da Tradescola Lucía Eiros, Jose Manuel López, Miguel Anxo López e Roberto Rodríguez, e nel amosaránselles aos alumn@s distintos instrumentos, ritmos, e melodías protagonistas da música tradicional e popular galega.
Dende a Tradescola trabállase a reo para poder transmitir os coñecementos das nosas tradicións da mellor maneira posible ás novas xeracións, para que saiban conservalos, respectalos e poñelos en valor.
Estos concertos son moi importantes para a Tradescola, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile e como non, tamén da nosa lingua.
Xornadas de baile tradicional da AGG en Cedeira
24.11.23
A AGG organiza o vindeiro domingo 3 de decembro, unha nova edición de xornadas de baile tradicional que terán lugar en Cedeira. Nelas contaremos con obradoiros guiados por Olga Kirk, Xisco Feijoó e Sergio Cobos.
Os obradoiros destas xornadas, subvencionadas pola Deputación de A Coruña e que contan coa colaboración do concello de Cedeira e da Asociación Cultural Buxainas, están pensadas tanto para os profesionais do mundo da danza, como para todos aqueles interesados no baile tradicional, para que poidan completar os seus coñecementos e participar de xeito activo na mellora e dinamización da nosa tradición.
PROGRAMA:
(3 DE DECEMBRO) - Cedeira
11.45 - Apertura
12.00 – Relatorio - Obradoiro I
“ O baile solto en Santa Comba” - Olga Kirk
13.30 – Remate sesión da mañá
16.00 - Relatorio – Obradoiro II
“Formas da música e danza nas jotas antigas do serán” – Xisco Feijoó
17.30 – Descanso
17.45 - Relatorio – Obradoiro III - Sergio Cobos
DATA: Domingo 3 de decembro
LUGAR: CEIP Nicolás del Río – Cedeira (A Coruña)
INSCRICIÓNS (*): Deberán facerse nos teléfonos 986 84 70 74 ou 982 22 99 66 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
* Os obradoiros son de balde e as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG, que disporán ata o martes 28 de novembro para inscribirse, e partir desa data si quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes de inscrición de non soci@s, por orde de chegada.
A través de actividades como esta, pretendemos non só difundir a cultura tradicional, senón que ademais queremos fomentar este tipo de encontros, que consideramos imprescindibles, xa que se amosa a riqueza cultural dunha maneira aberta, chea de contidos e na que se pode participar de xeito activo, contribuíndo e potenciando deste xeito a divulgación da cultura e a súa conservación.
AS TRADICIÓNS DE OUTONO CHEGAN Á TRADESCOLA
22.11.23
O vindeiro xoves, terá lugar no Centrad, unha actividade que achegará as tradicións de outono a todas e todos os participantes. Esta actividade, que será para público familiar, contará cun obradoiro de fabricación de xoguetes sonoros, un obradoiro de xogos bailados e cantigas relacionados con estas datas, un magosto e xogos tradicionais da man de Xotramu, todo para darlle a benvida ao outono cunha nova actividade de difusión e promoción da nosa música, o noso canto e o noso baile tradicional e outras tradicións existentes na nosa cultura.
Esta actividade conta coa axuda da Área de Cultura do Concello de Lugo e a cesión das instalacións para realizala por parte do Centrad. Durante esta actividade farase entrega dos agasallos para os finalistas do X Certame de Debuxo dobre o baile e os instrumentos da música tradicional organizado pola Tradescola.
Esta é unha nova actividade que se suma ás levadas a cabo durante o curso, no que a maiores das aulas impartidas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical ás que asisten mais de 300 alumn@s, están realizándose tamén distintas actividades como esta para darlle difusión á nosa cultura tradicional.
Páxina 1 de 264