Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Discografía

Discografía

Rolda de prensa - Novo disco de Susana Seivane

01.07.09

Con gallo da presentación do seu novo disco 'Os soños que volven', Susana Seivane celebra unha rolda de prensa no Obradoiro de Gaitas Seivane, o vindeiro xoves, 2 de xullo de 2009 ás 12:00 horas.

Ao rematar serviranse un viño e uns pinchos


Lugar: Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1b Cecebre
15650 Cambre (A Coruña)

Data: Xoves 2 de xullo ás 12 h.

Convocan: Susana Seivane e Enavies Produccións, S.L.
T.: 981 675 309 660 403 305
   

LANZAMENTO DO DISCO DO V CONCURSO DE GAITEIROS MANUEL VILLANUEVA

12.06.09

Como en anteriores ocasións, Edicións do Cumio edita o traballo discográfico no que se recollen os temas en directo do concurso de gaiteiros Manuel Villanueva que promove a asociación cultural Pai da Cana co apoio do concello de Poio.

O certame, encadrado dentro das xornadas que se adican ao Encontro de Gaiteiros Manuel Villanueva, celebrou no 2008 a súa terceira edición, contando coa participación de once grupos procedentes de toda Galicia. Trátase de formacións chegadas de Ourense (Soallas, Marco Foxo Trío e Os Pastoriños de Samil), Costa da Morte (Dani Romar Trío), Rois e Vedra (o grupo Albaroque e o José Manuel López trío, respectivamente) e, en especial, grupos da provincia de Pontevedra: Aires de Cotodeira (Fornelos de Montes), Os trasnos da gaita (Vigo), Albor (Nigrán) e Do Trinque (Pontevedra).

Entre os gañadores atópase a formación Tentenoaire, de Castro Caldelas, que obtiveron o primeiro premio, o trío Albor, que obtiveron o segundo, e o grupo Do Trinque, que se fixeron coa terceira clasificación. O xurado, formado polos gaiteiros Roberto Quintillán, Xosé R. Vaamonde, Álvaro Novegil e Andrés Vilán, recoñeceu tamén o José Manuel López Trío co Premio especial Manuel Villanueva.

Neste CD que vén de editar Cumio, poden atoparse as 22 pezas que soaron aquel 7 de xuño do 2008 na Praza da Chousa de Combarro (Poio). Neste ano, o certame chegará á súa cuarta edición e a organización agarda unha participación semellante ou superior á da pasada edición.
   

PRESENTACIÓN DO DISCO TRADICCIÓN

12.06.09

O martes 16 de xuño ás 12:30 h, celebrarase na Coruña a presentación do disco 'Tradicción: A música do espectáculo da Nova Galega de Danza'

Terá lugar en 'La Postrería', rúa Fernando Arenas Quintela, 5, baixo (Praza de Santa Catalina) e intervirán:

Mª XOSÉ BRAVO. Concellería de Cultura, A Coruña
PEDRO LAMAS. Director musical da NGD
RICARDO ROZAS. Músico da NGD

   

NOVO DISCO DE SUSANA SEIVANE

02.06.09

Coincidindo co X aniversario da edición do seu primeiro disco, a gaiteira e cantante Susana Seivane, lanza ao mercado o seu cuarto traballo 'Os soños que volven'.

A súa paixón pola tradición, a súa longa experiencia nos escenarios do mundo, e a súa propia inquietude artística, conducen agora a Susana á recreación dos temas que interpretaba na súa infancia. Vellos sons rescatados desde unha perspectiva actual que é froito da forza dos seus directos dos últimos anos. Estas pezas ‘de toda a vida’, de engaiolante sinxeleza, son debuxadas, do xeito máis enxebre, pola gaita e a voz de Susana sobre un lenzo revestido de harmonías, ritmos e concepcións musicais contemporáneas e atrevidas.

O disco, que estará formado por 14 temas que suman un total de case 70 minutos de música, será editado polo seu propio selo discográfico, Enavíes Música. A producción artística e arranxos corren a cargo de Susana e a súa banda que colaborou activamente na producción deste traballo.

O novo disco de Susana Seivane sairá á venda a finais do mes de xuño.
   

Foliada nas Rías Baixas

09.07.08

Edicións do Cumio publica un dobre CD no que diversos artistas da música tradicional renden homenaxe ao desaparecido gaiteiro Ricardo Portela, un dos máis importantes transmisores da tradición do toque pechado, arte de tocar característica das Rías Baixas. No volume participan máis de trinta nomes representativos do mundo da gaita entre os que se atopan xentes como Iván Costa, Anxo Pintos, Antón Corral, Pepe Ferreirós, Ricardo Santos, Oscar Ibáñez, Juanjo Fernández ou Patrick Molard entre outros, que rescatan pezas tomadas do repertorio de Portela.


A edición complétase coa inclusión de fragmentos de entrevistas realizadas aos amigos e compañeiros do gaiteiro de Viascón, así como un libriño onde os participantes nesta homenaxe achegan textos a través dos que coñecer mellor a este mestre que tan fonda pegada tivo en novas xeracións de gaiteiros, quenes o recordan pola súa calidade humana e o seu compromiso coa música tradicional.


Este disco é froito da colaboración entre a Asociación Toque Pechado de Pontevedra e Edicións do Cumio.
   

CD IV Concurso de Gaiteiros Manuel Villanueva

25.06.08


Ediciós do Cumio ven de editar o disco IV Concurso de Gaiteiros Manuel Villanueva. Foi producido por Oscar Ibáñez, da Asociación Cultural Pai da Cana, e promovido polo Concello de Poio coa colaboración da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia e da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.

Recolle a intervención musical dos conxuntos: Os Tres Retellos (Alberto Coya, Roi Adrio e Alberto Costas), José M. López Trío (José M. López, Jordi Castaño e Ricardo Tubío), Os Miluchos (Brais Monxardín, Miguel A. López e Pablo Pardo), Tentenoaire (Pablo Devigo, Marcos Pérez e Miguel Fraguas), Os Trasnos da Gaita (Fátima Bartolomé, Luís Bartolomé e Juan Bartolomé) e Media Levas (Pablo Seoane, Diego Rosende e Manuel del Rey).


   

Aliaxe, primeiro disco de PRADAIRO

12.06.08

Despois de gañar o Certame Radio Obradoiro 2007 na que fora case a súa primeira actuación, o recén formado grupo compostelán Pradairo, acaba de gravar o seu primeiro disco: Aliaxe.

A súa aposta é moi clara: "Facer fusión sen necesidade de atravesar as nosas fronteiras, mesturando todas as vertentes da música tradicional galega dende as pandereteiras ás charangas pasando polos cuartetos de gaitas ou a música coral..."

CONCERTO - PRESENTACIÓN:
Teatro Principal, Rúa Nova 22, Santiago de Compostela (A Coruña), Domingo 15 de xuño de 2008. 20:30 h.
   

TINO BAZ PRESENTA O SEU NOVO DISCO "CINSA NAMORADA"

03.03.08

Tino Baz publica "Cinsa namorada", un disco realizado sobre a poesía de Marica Campo. Aquí tedes unha entrevista co autor publicada en "Galicia Hoxe".

"O lume vaise apagando e o que queda despois é cinsa namorada. Para Tino Baz "cantar é un acto de amor. Sufrir un desamor tamén é un acto de amor. É amor cantarlle a un neno, a unha namorada ou cantarlle á Terra. Tamén cantarlle a unha musa cívica, unha praza liberada". As cancións emocionadas e sinceras do seu disco -titulado precisamente Cinsa namorada- xiran ao redor dun poema de Marica Campo que di así: "pois que todo o que arde devén cinsa, ardamos máis aínda pese á morte, e sexa a cinsa cinsa namorada e escura primavera dende o fume". Trátase de transformar o pranto en beleza.

Tino Baz naceu e vive na Garda. Esa é a súa paisaxe sensorial: a Terra, a paisaxe, os paisanos, as feridas, as mutilacións do medio. Séntese privilexiado de nacer ao lado do mar, porque puido coñecer a Galicia mariñeira "con todo o seu valor de pobo, onde aparece a lingua, a ironía e a sabiduría". Esa autenticidade agroma na súa voz triste e contenta. El canta dende sempre. Di que "cantar é un impulso vital que nace dende que un empeza a andar. Conta miña nai que con moi pouca idade, cando tes dificultades para a fala, eu cantaba e tiña sentido da entoación".

Cantar como algo natural, que ten que ver co campo xenético. Algo que non ten mérito, aínda que ten o seu valor. A súa formación é totalmente autodidacta. Iso permítelle ter unha capacidade de vibración que "vén dada polo curso da vida, polas circunstancias vitais". Con músicos tan importantes como Suso Vaamonde ou Mini e Mero, Tino Baz aprendeu o compromiso da canción. "Aprendín que cantar é un acto de donación, de estar ao servizo do semellante. É unha maneira de viaxar e compartir. Eles déronme esa visión verdadeira do canto. O importante é facer agromar o teu potencial humano", salienta Baz. O seu cantar fainos tremer de ledicia.

Continuación da entrevista
   

NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO DE PAI DA CANA, "PAIDACANA 12"

14.12.07

O Grupo de Música Tradicional Pai da Cana recupera un concepto de conxunto autenticamente tradicional case desaparecido no noso país: a charanga, tamén chamada murga, “conjunto típico” ou “regional”, que consiste nunha formación na que a gaita e o acordeón se funden cos instrumentos propios das bandas de música como o clarinete, o saxofón, a caixa e o bombo con pratos.

O repertorio de Pai da Cana está formado por pezas das charangas galegas que existiron no noso país e mais en América dende finais do século XIX, ritmos importados coma o vals, a mazurca, a polca, a ranchera, o tango ou a rumba, que na altura se relacionaban co progreso e a modernidade, e outras pezas tradicionais arranxadas dentro desta estética musical de entreséculos. Pai da Cana coida con todo detalle que o seu vestiario sexa coherente co tipo de formación que representa, polo que emprega a indumentaria da Belle Époque.

A música de Pai da Cana aparece en varios traballos discográficos: Ruta Folc: Terra Galega (Disco Trompo, 1998), I Memorial Manuel Texo (A. C. Ullán, 1999), III Memorial Manuel Texo (A. C. Ullán, 2001) e Os Sons da Ulla (Phonos, 2001).

Pai da Cana recolle no seu novo disco, "paidacana 12" (Edicións do Cumio, 2007), os 12 anos de traxectoria do conxunto amosando as distintas formacións musicais que foi adoitando, así como unha parte do seu repertorio a través do que se pode percibir a súa evolución musical, en definitiva, o que foron e o que son, sen máis pretensión que achegar un gran de area, unha pequena e humilde contribución á música do noso país.

Este traballo foi posible grazas á colaboración dos Concellos de Poio e Pontevedra.

Pai da Cana son:
María Vidal (gaita), Miguel Dopazo (clarinete), Diego Rodríguez (saxo alto), Iria García (acordeón), Oscar Pazos (caixa) e Carlos Mouriño (bombo con pratos). Dirección e arranxos: Oscar Ibáñez.
   

"ESPERANZA", NOVO CD DE XOSÉ LUÍS MIGUÉLEZ

13.12.07

Cumplíndose un ano da celebración do primeiro concerto de fin de carreira na especialidade de "Instrumentos de música tradicional" a cargo do gaiteiro Xosé Luís Miguélez, a editorial Dos Acordes ven de editar un CD, que recolle a gravación ao vivo de dito evento.

Neste traballo discográfico, onde participan destacados músicos galegos, amósase un novo repertorio para Gaita Galega baseado en composicións de autores contemporáneos sen esquencer, por suposto, a tradición do noso instrumento.

A Presentacion do novo CD "ESPERANZA", terá lugar no programa da Radio Galega "Lume na palleira" o sábado 15 de decembro as 16:00 h. dentro da programacion do "Dia do orgullo gaiteiro" organizado pola Aula Gomes Mouro e a AOFT no Auditorio de Ourense.

Se estades interesados en adquirilo, pódese mercar a través da web da editorial, www.dosacordes.com (con un prezo de lanzamento de 12€ + gastos de envio), ou en tendas de discos (15€) a partires do martes día 11 de decembro.
   

Páxina 5 de 6