Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / VI Caneiros Gaiteiros

VI Caneiros Gaiteiros

Festivais, Foliadas, Romarías

O Domingo 20 de Xullo celébrase en Betanzos unha nova edición dos Caneiros Gaiteiros. Esta romaría ten a súa orixe arredor do 1880, cando despois de dous días da festa de San Roque pequeno, os betanceiros foron empanando as sobras das fartas do xantar festivo e foron xantar de relax ao Campo dos Caneiros río arriba. Isto converteuse en hábito para tódolos veciños de Betanzos criando así unha xira que chegou a converterse en extraordinaria romaría, xa non só para os betanceiros coas súas lanchas engalanadas de grilandas e flores, senón tamén para o resto do mundo que puido remontar o río en grandes barcas. A festa tivo unha grande sona, e os garelos (betanceiros), sen deixar esta, preferiron a segunda xira que se fixo do mesmo xeito para o día 25 na romaría de San Paio.

Algúns dende a mañá xa soben andando, outros aí pola mediodía soben nas súas barcas pequenas cargadiños de comida para xantar nas ribeiras arredor do campo dos caneiros e outros en grupos máis numerosos en grades barcazas levan gaiteiros e van xantando río arriba. A corporación municipal tamén leva aos seus gaiteiros e moitos outros van cantando: "Se o río dos Caneiros levara coñac, máis de catros borrachos tirábanse alá"

Dende hai seis anos, a asociación “O Xanocas” preocupados pola situación do río Mandeo e o seu entorno propuxo unha xira cos amigos gaiteiros de todo o país para apoiar o seu labor de denuncia e ao tempo ter unha festa amable entre amigos. A partires das 13h reúnense os participantes no entorno do peirao da Ponte Vella para embarcar no Peirao da Monxas arredor das 14:30h e remontar o río tocando e xantando. Máis tarde atrácase no Peirao do Campo para facer foliada e tomar café e queimada.

Para anotarse á Romaría, cun custe aproximado de 15 euros polo xantar e o barco, compre facelo antes do día 17 de Xullo no seguinte enderezo electronico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou no teléfono 607 844 813.