Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / ALALA / A vida e a música en Limiñoa

A vida e a música en Limiñoa

ALALA

O programa do día 30 de xuño achéganos ao lugar de Limiñoa.
Se a comarca de Bergantiños é especialmente rica en bailes e cantos tradicionais, o lugar de Limiñoa, en Ponteceso, é un dos puntos neurálxicos da festa. Aquí, todos os martes desde hai vinte anos, unha ducia de veciños dos arredores reúnense nun garaxe para ensaiar e para lembrar as festas que facían cando eran mozos, nas fiadas e no traballo das leiras.
A maior ten oitenta e cinco anos e a máis nova corenta e cinco. Case todos traballan no campo pero os homes do grupo andiveron tamén ó mar, que lles queda moi preto, cando eran máis novos. Xuntos atesouran unha chea de recordos da dureza e a alegría dos tempos de antes, e ademais posúen toda a sabedoría que dan os anos e a vida na aldea.
Neste Alalá amósanos o agarimo con que coidan as vacas, o que lles supuxo a chegada da parcelaria, a maneira na que rexoubaban mentres lavaban no río, cómo hai que facer un cesto con varas de salgueiro, cómo facían a rosca con ovos de gaivota e cal é o segredo da mítica ribeirana, unha muiñeira que só se baila aquí e que, segundo din, é tan difícil de bailar e tocar coa pandeireta que ningún dos moitos mozos que chegaron ata as súas portas facendo recollida foi quén de aprendela.