Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

Tino Baz publica "Cinsa namorada", un disco realizado sobre a poesía de Marica Campo. Aquí tedes unha entrevista co autor publicada en "Galicia Hoxe".

"O lume vaise apagando e o que queda despois é cinsa namorada. Para Tino Baz "cantar é un acto de amor. Sufrir un desamor tamén é un acto de amor. É amor cantarlle a un neno, a unha namorada ou cantarlle á Terra. Tamén cantarlle a unha musa cívica, unha praza liberada". As cancións emocionadas e sinceras do seu disco -titulado precisamente Cinsa namorada- xiran ao redor dun poema de Marica Campo que di así: "pois que todo o que arde devén cinsa, ardamos máis aínda pese á morte, e sexa a cinsa cinsa namorada e escura primavera dende o fume". Trátase de transformar o pranto en beleza.

Tino Baz naceu e vive na Garda. Esa é a súa paisaxe sensorial: a Terra, a paisaxe, os paisanos, as feridas, as mutilacións do medio. Séntese privilexiado de nacer ao lado do mar, porque puido coñecer a Galicia mariñeira "con todo o seu valor de pobo, onde aparece a lingua, a ironía e a sabiduría". Esa autenticidade agroma na súa voz triste e contenta. El canta dende sempre. Di que "cantar é un impulso vital que nace dende que un empeza a andar. Conta miña nai que con moi pouca idade, cando tes dificultades para a fala, eu cantaba e tiña sentido da entoación".

Cantar como algo natural, que ten que ver co campo xenético. Algo que non ten mérito, aínda que ten o seu valor. A súa formación é totalmente autodidacta. Iso permítelle ter unha capacidade de vibración que "vén dada polo curso da vida, polas circunstancias vitais". Con músicos tan importantes como Suso Vaamonde ou Mini e Mero, Tino Baz aprendeu o compromiso da canción. "Aprendín que cantar é un acto de donación, de estar ao servizo do semellante. É unha maneira de viaxar e compartir. Eles déronme esa visión verdadeira do canto. O importante é facer agromar o teu potencial humano", salienta Baz. O seu cantar fainos tremer de ledicia.

Continuación da entrevista "Cantarei, cantarei, cantarei?" di na primeira canción do disco. O canto como algo terapéutico, porque "é aquela frase que dorme no refraneiro, "Quen canta o seu mal espanta". Este cantautor de mirada limpa atopábase nun proceso de amargura cando arderon os montes de Galicia. Lembra que "fixen un recital e o torreiro estaba en cinsas. Deume un brote de tristura que non sabía superar. A amargura debe ser reciclada. Así naceu a letra desta canción. Chega a tocarse o amargo co fermoso. O canto é un exercicio de curación. Os seres humanos somos complexos e somos capaces de renacer". Transfórmase a materia e transfórmanse os soños.

A complicidade con Marica Campo

"Non me sinto poeta no sentido amplo da palabra. Escribo os meus textos. Fago xermolar na escrita o meu pranto", di este mozo romántico. Entre el e a poeta Marica Campo creouse unha ponte de entendemento e empatía. "Ela é unha muller inmensa, culta, ampla. É unha labradora das letras. Ela e eu compartimos o pranto e as feridas", conta Tino Baz. Para el "Galicia é esa muller que nos está parindo constantemente. Somos un pobo rico en recursos humanos. O que falta é integrar e entroncarse coa raíz."

Outras mulleres do pobo da Garda habitan Cinsa namorada. Son A Xuliva e Arminda. As dúas tolearon por amor e transformaron a loucura en bondade, paz e extravagancia. Elas forman parte do inconsciente colectivo. A Xuliva era argaceira: "Na man un cramoeiro, descalza pola praia, aínda non sae o sol ergue da cama, o mar trae argazo e ela vai detrás dél, ten un noivo nas augas, o seu amigo fiel". Arminda tamén sufriu un desamor e pasou a vestir como un home. Toleou. Asumiu un rol de masculinidade. Vestía pantalón e boina en plena época de Franco. Negábanlle a entrada nas igrexas e estivo encarcerada por ser como ela era. Morreu coa boina posta. Tino Baz dedícase tamén á docencia musical. El ve a docencia como algo necesario, pois "os nenos e nenas son os depositarios deste soño". Quere ser un trasmisor, e cre que "cantar é un exercicio de educación permanente". Salienta "a Idade de Ouro que vivimos musicalmente en Galicia, que se debe ás escolas de música, á conciencia e á actitude positiva en canto á disciplina musical. Somos o resultado dun tempo de perseverancia. Agora os músicos empezan a brotar. É unha constante."

Gústalle "facer camiño" e nese camiñar as próximas citas co público para presentar o seu traballo serán o 17 de marzo no Auditorio Municipal do Concello de Vigo. Serán encontros coa xente moi cálidos e directos. A dirección artística de Cinsa namorada é de Moisés Quintás, e a gravación fíxose no estudio Casa de Tolos, baixo a responsabilidade de Tino Grandío.

Cinsa namorada quere ser unha afirmación vital. "Vivimos e convivimos coa morte. A escola é xogar con ela, interpretala. Así nacen os poemas, as fábulas, a crítica filosófica, as ruadas, a esmorga. O deixarse levar", así resume Tino Baz a mensaxe das súas cancións. Remata dicindo: "acumulamos alegrías e penas. Vas facendo maxisterio. A verdade é querer transformar a materia. Temos que reinvindicar o dereito a ser felices".