O repertorio de Pai da Cana está formado por pezas das charangas galegas que existiron no noso país e mais en América dende finais do século XIX, ritmos importados coma o vals, a mazurca, a polca, a ranchera, o tango ou a rumba, que na altura se relacionaban co progreso e a modernidade, e outras pezas tradicionais arranxadas dentro desta estética musical de entreséculos. Pai da Cana coida con todo detalle que o seu vestiario sexa coherente co tipo de formación que representa, polo que emprega a indumentaria da Belle Époque.
A música de Pai da Cana aparece en varios traballos discográficos: Ruta Folc: Terra Galega (Disco Trompo, 1998), I Memorial Manuel Texo (A. C. Ullán, 1999), III Memorial Manuel Texo (A. C. Ullán, 2001) e Os Sons da Ulla (Phonos, 2001).
Pai da Cana recolle no seu novo disco, "paidacana 12" (Edicións do Cumio, 2007), os 12 anos de traxectoria do conxunto amosando as distintas formacións musicais que foi adoitando, así como unha parte do seu repertorio a través do que se pode percibir a súa evolución musical, en definitiva, o que foron e o que son, sen máis pretensión que achegar un gran de area, unha pequena e humilde contribución á música do noso país.
Este traballo foi posible grazas á colaboración dos Concellos de Poio e Pontevedra.
Pai da Cana son:
María Vidal (gaita), Miguel Dopazo (clarinete), Diego Rodríguez (saxo alto), Iria García (acordeón), Oscar Pazos (caixa) e Carlos Mouriño (bombo con pratos). Dirección e arranxos: Oscar Ibáñez.