Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Anuncios, subvencións, oposicións... / CONVOCATORIA DE PRAZAS POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

CONVOCATORIA DE PRAZAS POLA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

Anuncios, subvencións, oposicións...

A Deputación Provincial de Ourense, como leva facendo xa varios anos por estas datas, e coa mínima difusión posible, ven de convocar unha serie de prazas relacionadas co ensino de música tradicional.

A convocatoria foi publicada o pasado venres 13 de xullo.O procedimento de selección é vía concurso oposición, e sorpresivamente, a única titulación requerida é a de graduado escolar.

O prazo de instancias remata aos sete dias naturais do día seguinte á publicación que sería o sábado 21 de Xullo de 2007.

Comunicado da Asociación A Xunta directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) quere expresar o seu malestar en relación coas bases da convocatoria de tres prazas de mestre na Escola de Gaitas que foron publicadas no B.O.P. da Deputación Provincial de Ourense nº 161, correspondente ao venres 13 de Xullo de 2007. Esta convocatoria contén puntos que pensamos carecen dunha explicación lóxica dende a perspectiva da selección dun persoal cualificado para o desenvolvemento da actividade arriba referendada.

En primeiro lugar, seméllanos improcedente que a única titulación requirida para acceder a ditas prazas sexa o graduado escolar e un título que acredite o grao de iniciación ao idioma galego (puntos c, d, da base nº 2). Dende esta asociación, na que só pretendemos dignificar a nosa música tradicional, entendemos que a unha persoa que vai desenvolver a función de mestre de gaita e que vai ser remunerada con cartos públicos debería esixírselle un grao de cualificación musical equivalente ao de calquera outro profesor de música. A única esixencia de graduado escolar fai que podan optar a este tipo de prazas persoas que carezan completamente de coñecementos musicais, o que nos parece tremendamente grave, e cando menos sospeitoso.

Por outra banda, a única proba de selección á que se enfrontan os candidatos é práctica, polo que non ficará constancia escrita dos coñecementos dos aspirantes feito que, dende logo, non redunda na transparencia diste proceso de selección e fai a proba facilmente manipulable.Outro aspecto da convocatoria que a AGG lamenta é que o baremo aplicable para a selección outorgue puntos aos candidatos polo número de membros da unidade familiar que teñan ao seu cargo. Dende a AGG preguntámonos que ten que ver este aspecto coa cualificación dos candidatos para impartir clases de gaita de fol.

Tamén nos parece sangrante que non se especifique nas bases da convocatoria unha cualificación musical mínima para os integrantes do tribunal. ¿É normal que en todo o tribunal só unha persoa poida ter certo grao de cualificación respecto á nosa música tradicional?. Mais a AGG entende que os problemas desta convocatoria non rematan aí. Que o anuncio da convocatoria fose publicado en venres, e con tan só sete días de prazo, indica que existe unha clara intención de que esta convocatoria pase desapercibida ¿É esto normal nunha convocatoria de emprego público?.

Por todo o exposto, a AGG como representante dun colectivo encamiñado a preservar a dignidade da nosa música de tradición, quere manifestar o seu descontento con esta convocatoria na que de entrada non se valora a preparación dos candidatos, na que a resolución das prazas non se basea en criterios estrictamente musicais e na que o resultado das probas de selección non pode ser valorado con posterioridade.

Atentamente,

Santiago Caneiro Aneiros
Presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos

Consulta a convocatoria