Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Homenaxes, Premios, Recoñecementos, .... / 3º Premios Martín Códax da Música

3º Premios Martín Códax da Música

Homenaxes, Premios, Recoñecementos, ....

musicos ao vivo

Xa van tres edicións deste certame que hai nada era un soño e hoxe é unha realidade consolidada sen a que ninguén concibe xa o panorama musical galego. Como era posible que non houbese uns premios da música galega? E máis aínda neste momentazo musical que estamos a vivir? Moitos de vós seguramente lembraredes como naceu este certame, pero aínda así queremos recordalo.

Os Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, naceron hai tres anos, nun momento no que a música galega rebordaba creatividade musical pero adoecía de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado -asunto nada sinxelo- moi probablemente se revelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega.

Nesta terceira edición que comezará a súa andaina o vindeiro día 15 de febreiro, os Premios Martín Códax da Música volverán convocar tamén os Premios Organistrum, que premiarán á Mellor Sala, ao Mellor Festival, e ao Mellor Espazo de Comunicación Musical. En total, os Premios Martín Códax da Música botarán luz sobre 58 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico coma o da música ao vivo.