Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / CDG / Comunicado do Colectivo en Defensa da Gaita

Comunicado do Colectivo en Defensa da Gaita

CDG

O engano político das gaitas

Recentemente a banda de gaitas Nova Fronteira & Cartelle (Ourense) foi proclamada a mellor banda de gaitas de Galicia. Vivimos nun país cheo de contradiccións e curiosidades que o Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) nunca poderá comprender. Unha banda que desfila con gaitas marciais, percusión de alta tensión e faldas (elementos inspirados e copiados das bandas escocesas) non pode representar ós galegos. Algúns políticos desta terra (do novo goberno PSOE-BNG) presumen de defende-los valores musicais e culturais galegos, sen percatarse do que verdadeiramente está a acontecer no noso país no tocante ás bandas de gaitas. Outros, como a alcaldesa de Vigo Dona Corina Porro, incumplen promesas de facer respeta-la nosa música. Na TVG continúan retransmitindo encontros multitudinarios de gaiteiros, que semellan máis escoceses que galegos, co beneplácito gubernamental e financiados con cartos públicos de todos nós. Nas fases desa Liga de Bandas de Gaitas continúan asistindo representantes do IGAEM (dependente da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia) para facerse a foto de costume. En Pontevedra xurde unha rede de escolas, financiada pola Deputación Provincial, que fomenta a creación de bandas de gaitas pro-escocesas. E isto semella non importarlle a ninguén. Aparentar normalidade para conseguir votos é enganar á xente. E é unha vergoña que os representantes políticos do noso país non teñan a suficiente convicción para facer o que realmente teñen que facer. Son moitas as palabras pero poucos os feitos. E a esperanza do cambio político para o cambio musical é sinónimo do desánimo que actualmente sinte o CDG coas cousas que están a acontecer. Ir máis aló deste problema non é sinxelo, pero tampouco é tan complicado. Vontade e espírito de loita. Sen isto nunca faremos nada. E se nós mesmos non somos capaces de apreciar a riqueza cultural que temos sen recurrir a modelos musicais foráneos nunca poderemos dignifica-la nosa música como se merece. E tódalas bandas de gaitas que copian directamente elementos importados de Escocia nunca poderán ser galegas nin representar a Galicia. Por moito que nos queiran convencer algúns iluminados. Só pedimos unha cousa: respeto. Para a nosa música e para a nosa terra.

Colectivo en Defensa da Gaita. A Coruña

En representación do CDG:

RICARDO CASÁS SALGADO D.N.I. 53.162.745 - Q
LUIS GARCÍA CORRAL D.N.I. 53.163.859 – A
RAMÓN RODRÍGUEZ PALLEIRO D.N.I. 47.368.388 - A