Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / II FOLIADA DE MELIDE

II FOLIADA DE MELIDE

Festivais, Foliadas, Romarías

O vindeiro domingo 30 de Abril terá lugar en Melide a segunda edición desta foliada que organiza a Agrupación Folclórica “Castelo” coa colaboración do Concello de Melide e a Asociación Catasol.

As actividades comezarán ás 11 da mañá cun pasarrúas ao cargo do Grupo de Gaitas “Castelo” de Melide e ás 11:30 terá lugar a apertura da “Mostra de Artesanía” e das exposicións sobre “Os Garceiras” e“Os Xogos Populares Galegos”, entre outras.

Ao medio día comezará a actuación do grupo de baile “Azougue” E.M.F de Betanzos e os que así o queiran poderán participar no obradoiro sobre “A malla” e contemplar a exhibición dunha máquina de mallar do S. XIX.

Ás 14:30 haberá un Xantar popular e a sobremesa estará amenizada por Mini e Mero: “Romances de cego”.

Ás 17:30 os máis cativos poderán tomar parte nun obradoiro infantil sobre Os Maios e ás 18:00 Jesús Miranda falará sobre a “Afinación da gaita e tratamento das palletas”. Ás 19:30 de novo as gaitas soarán polas rúas da vila para rematar a xornada cun serán que dará comezo ás 22:00 pero que non se sabe cando rematará.