Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Concursos e Certames / Suspendido o Concurso de Baile Toxos e Froles

Suspendido o Concurso de Baile Toxos e Froles

Concursos e Certames

toxos e frolesO Toxos e Froles decidiu suspender o concurso de baile que se ía celebrar o sábado, día de San Xiao, no teatro Jofre.

Inscribíranse tres agrupacións que cumprían os requisitos das bases, pero desde o coro decidiuse que era preciso un mínimo de seis para poder realizar con éxito o espectáculo que tiñan previsto. “Non sabemos por que non funcionou”, comentaba onte o presidente do coro, Arturo Lamas.

“Era un proxecto arriscado, moi bonito. Xa só bailar no Jofre é un aliciente para os grupos”, apunta. Tamén o premio, 3.000 euros, era unha contía que podía atraer a xente de toda Galicia. Polo de agora van tentar falar cos posibles participantes para ver que foi o que os botou para atrás e estudarán a posibilidade de volver intentar esta fórmula en datas vindeiras.

(Prema no título para ver a nova ao completo)
O que si teñen xa perfilado desde o Toxos é destinar eses 3.000 euros a certames máis reducidos, que se celebrarían na súa sede, na rúa Magdalena. Visto o éxito da competición de duetos de gaita e percusión, queren realizar proxectos similares para cantareiras e para cuartetos tradicionais. Ademais, haberá unha segunda edición do de dúos, destinado a menores de idade e que se celebrou o pasado 3 de decembro. “Saíu moi ben e a xente quedou moi contenta. Pensamos que ía ser moito máis difícil. Repetímolo seguro”, explica Lamas.
Os plans para os vindeiros meses, á espera de que se concreten definitivamente, pasan tamén por comezar a dar clases de acordeón, orientadas á música tradicional. Reforzaríanse así as escolas do Toxos, un puntal no que se apoia a actual directiva para manter os seus sinais de identidade e crear canteira para o futuro. Na actualidade, dáse formación de gaita (para adultos e nenos), baile e percusión. Tamén se imparten clases de encaixe de bolillos e de bordado.

Balance
De 2011 despídense satisfeitos. “Rematámos o ano ben, con bastantes actuacións”, apunta o presidente do coro. O obxectivo é seguir movéndose por toda Galicia e manter a entidade, continuar facendo cousas. “Estamos contentos porque vamos tendo xente e seguimos adiante”. Contan con 45 persoas no coro, dez no grupo de cantareiras e outras dez no instrumental.
Respecto á débeda do Toxos, o ano pechouse con preto de 20.000 euros amortizados, co cal o montante reduciríase a uns 140.000 –dunha cifra inicial de 180.000, segundo o presidente–. Os plans de redución progresiva vanse cumprindo aínda que, como lembra Arturo Lamas, todavía non se acabou de pagar o que se lle debe ós traballadores. Despois irán cobrando os proveedores.

Precisamente este problema económico foi un dos detonantes da crise institucional que padeceu a entidade, case centenaria, cun conflito interno que motivou a saída do anterior responsable, Pedro Sanz, e a toma das rendas do actual equipo, coordinado por Arturo Lamas, en febreiro do ano 2010.

www.diariodeferrol.com