Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Discografía / Luar na Lubre afonda na lírica medieval no seu disco ‘Solsticio’

Luar na Lubre afonda na lírica medieval no seu disco ‘Solsticio’

Discografía

Fotografía de Luar na lubreO grupo ponlle música no álbum a composicións de Afonso X, o Sabio e de Martin Códax e ofrece tamén temas propios
O grupo Luar na Lubre presentou na Fnac da Coruña o seu novo disco Solsticio, un álbum no que a lírica medieval galego-portuguesa conta con gran peso. “Neste traballo recollemos 15 cancións e a metade delas son composicións dese rico patrimonio literario. Aquí, en Galicia, non se está a cultivar o suficiente mentres grupos doutros países como Alemaña ou Italia se están a fixar na nosa tradición medieval”, sinalou o músico Bieto Romero durante a presentación de Solsticio.
Luar na Lubre recupera así cantigas de Martin Códax ou de Afonso X, o Sabio como tamén varias composicións tradicionais para constituír unha pequena mostra desas composicións históricas. “A lírica medieval galego-portuguesa é inmensa. Non é fácil seleccionar. Tiñamos mil partituras para escoller e ao final quedámonos coas que saen no disco. Estas composicións son u­nha fonte inesgotable para o futuro e non só para nós, senón para todos”, explicou Bieito Romero.
Pese a recuperar estas composicións históricas, Luar na Lubre busca proporcionarlles as esencias do seu son. “Nós non somos un grupo de cámara, nós achegámoslles o noso estilo propio. Nalgunhas mantemos a instrumentación e os rexistros vocais da época medieval, pero noutras empregamos guitarras eléctricas”, adianta o voceiro do grupo galego.
Con este Solstiticio, Luar na Lubre pecha un ciclo conformado por dez discos dende a publicación do seu célebre Plenilunio, disco co Luar na Lubre. que acadou o éxito internacional. Entre ese disco e o último, a formación foi mudando paulatinamente o seu estilo. “Houbo u­nha evolución de moito percorrido. Partimos dese punto no que asinamos con Warner Music para Plenilunio. A partir de aí houbo un paso adiante en cada disco. Con cada novo disco, fixemos o mellor traballo indo sempre máis alá”, explicou Bieto Romero.
Os oito compoñentes de Luar na Lubre iniciarán en xaneiro unha nova xira de presentación por todo o estado. Esa xira inclúe un total de vinte citas e está previsto que o Teatro Rosalía acolla o 16 de decembro o concerto que o grupo ofrecerá na Coruña. Non obstante, Luar na Lubre pretende ir ao redor do mundo para presentar este novo disco. “Percorremos máis de 26 países dende que formamos o grupo. Sempre é unha honra ser embaixadores, pero quédanos un lugar que queremos visita: Australia. Sería un soño actuar tamén aló”, recoñeceu en nome do grupo Bieto Romero.
A presentación do disco Solsticio incluíu a interpretación en directo de varios temas na Fnac da Coruña. A xornada de onte serviu de aperitivo para a xira de actuacións que o grupo fará para presentarlle ao público o seu novo traballo.

www.xornal.com