Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Festivais, Foliadas, Romarías / Retrouso celebra o II Festival do Acordeón de Bueu

Retrouso celebra o II Festival do Acordeón de Bueu

Festivais, Foliadas, Romarías

A Asociación Cultural Retrouso organiza este sábado ás 20.00h a segunda edición do Festival do Acordeón de Bueu, no Centro Social do Mar, con entrada de balde. No acto intervirá o alumnado da escola de acordeón MªTeresa Pedrouso da Asociación Retrouso, Haberá unha colaboración do grupo de pandeireteiras Retrouso (que tocarán acompañadas do acordeón e tamén algunhas pezas elas soas), tocará o actual profesor da escola, o acordeonista vigués Manuel Olegario Rodríguez, e pechará o acto o grupo folk A ghaita do avó, con xente de Marín e varios colaboradores da Asociación Retrouso.

Este é o primeiro festival que se celebra desde o inesperado falecemento a finais do ano pasado da profesora e fundadora da escola de acordeón dentro da Asociación Retrouso, Mª Teresa Pedrouso. Con tal motivo, Retrouso quere dedicarlle a ela o festival e, para gardala na máis achegada lembranza decidiu poñerlle o seu nome á escola de acordeón.

Retrouso é unha asociación cultural con sede na parroquia de Cela, en Bueu. Conta con actividades enfocadas á formación fomento e difusión da cultura galega, con clases de baile, gaita, percusión, canto e pandeireta, coro e acordeón.