Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Discografía / Presentación do novo disco de Pradairo: Pateado

Presentación do novo disco de Pradairo: Pateado

Discografía

Dous anos despois de presentar o seu primeiro traballo, Pradairo volta cunha nova proposta chea de tradición e innovación, sentimento e creatividade na que se mesturan sen complexos o mellor da música de raíz e do folk actual. Pateado é a reafirmación das nosas músicas como punto de partida irrenunciable para chegar a unha proposta musical diferente coa que nos poidamos sentir identificados.

Dez músicos, dez temas, dez realidades sonoras que flúen sen esforzo por todas as tímbricas dos nosos instrumentos coloreados con tinguiduras doutras terras. Ritmo e creatividade cos pés na terra. Pateado.
A presentación terá lugar ás 21h o xoves 3 de xuño no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Biografía:
Pradairo nace no outono de 2006 co obxectivo de levar adiante un proxecto que aportara un valor engadido ó traballo de campo realizado en Galicia nas últimas décadas. A súa idea musical plásmase por primeira vez nunha maqueta gravada nos estudios de son da Radio Galega nos meses de Febreiro e Marzo do ano 2007. Como primeira actuación preséntase no certame de música folk Radio Obradoiro organizado en Compostela polo grupo Correo Gallego logrando o primeiro premio consistente na gravación dun disco.
Xa en Marzo de 2008 editan o seu primeiro disco “Aliaxe” que os leva a realizar máis de 20 actuacións por toda a xeografía galega ó largo do verán, destacando entre todas a participación no festival de Ortigueira como finalista do certame Runas tras ser seleccionado entre máis de 40 formacións.
No ano 2009 é seleccionado para participar no concurso Löic Raison de grupos noveis do Festival intercéltico de Lorient, acadando a segunda posición entre outras trece formacións de lugares tan dispares como Escocia, Illa de Man, Irlanda ou a propia Bretaña