Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio / Novas / Publicacións / A DEP. DE OURENSE PUBLICA UN LIBRO SOBRE A GAITA EN 4 IDIOMAS E EXCLUE O GALEGO

A DEP. DE OURENSE PUBLICA UN LIBRO SOBRE A GAITA EN 4 IDIOMAS E EXCLUE O GALEGO

Publicacións

A Asociación de Gaiteiros Galegos considera inaceptable que unha institución pública ignore o noso idioma nunha publicación sobre A Gaita.

Moi recentemente vense de editar unha obra de Fritz Schneider sobre a gaita de fol en Europa. A obra contén máis de 150 fotografías de iconografías sobre este instrumento que representan as culturas tradicionais de practicamente todos os países europeos. Cada iconografía acompáñase dun texto, todos xuntos van construíndo unha pequena historia da gaita de fol en Europa. A obra está editada pola Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, coa participación directa do seu director Xosé Luís Foxo segundo consta nos agradecementos. A obra foi editada en catro idiomas: alemán, francés, inglés e español.

Para a Asociación de Gaiteiros Galegos é inadmisible que unha publicación editada con cartos de todos os galegos a través dunha institución pública sexa escrita en catro idiomas agás o galego. Cando se le o título resulta sorprendente atoparse co seguinte texto: Die sackpfeife/La cornemuse/The bagpipe/La gaita, trátase dunha publicación tretralingüe, feita desde un organismo público galego, na que o noso idioma non é un dos empregados. Segundo a Asociación de Gaiteiros Galegos “A aldraxe para a nosa cultura chega por veces a extremos desconcertantes dende determinados estamentos que atacan a liberdade cultural”. Dende a AGG afirman que “parece claro que existe, desde as institucións gobernadas polo Partido Popular, unha presión para eliminar da rúa o noso idioma, este libro non é máis que unha clara e perfecta mostra da nova política lingüística do goberno e do que o novo decreto do galego tentará co noso idioma: eliminalo”.

Segundo directivos da Asociación de Gaiteiros Galegos “esta publicación non é máis que unha continuación do ataque á nosa cultura iniciado polos responsables da Deputación de Ourense coa creación da Escola de Gaitas e a Real Banda de Gaitas”, Para os membros da AGG as formacións de bandas de gaitas impulsadas dende o ente provincial ourensán levan consigo unha desnaturalización intencionada da figura do gaiteiro como parte da nosa identidade cultural e do noso feito diferencial como país.