Asociacion de Gaiteiros Galegos

Gaiteiros galegos
Inicio / Grupos / Grupos de música tradicional / Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia

Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia

Pexego de abaixo nº 28

15704 Santiago de Compostela - A Coruña

Teléfono: 626 588 381 / 609 203 385

e-mail: pablo.carpin@gmail.com

Web: http://www.ultreia.gl/

OBRADOIRO DE CULTURA TRADICIONAL "ULTREIA" A asociación Obradoiro de Cultura Tradicional "ULTREIA" nace a comezos de 1993 coma un colectivo interesado na recuperación da música, instrumentos, traxes e danzas tradicionais galegas. Seus compoñentes percorren, dende entón, toda a xeografía galega na procura das máis fondas tradicións galegas. O campo de investigación desta agrupación abrangue ata os máis recónditos paraxes, incluíndo aquelas zonas que, anque administrativamente non pertencen a Galicia, si corresponden a zonas de cultura propiamente galega, como o Norte de Portugal, a zona noroccidental de Zamora (Alta Sanabria), o Bierzo e a parte mais occidental de Asturias. Como froito desta labra de investigación, ULTREIA deleita ó espectador, en cada unha das súas actuacións, con un completísimo percorrido polo folclore galego, posto que ó longo destes anos tiveron a oportunidade de colectar máis de vinte danzas de diferentes zonas, uns quince vestiarios diferentes e un sen número de pezas instrumentais e cantadas, así como numerosos instrumentos hoxe xa practicamente extintos e descoñecidos para o público. O Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA está dividido en dúas seccións, un grupo de músicos e pandereteiras, e un grupo de baile. O GRUPO DE MÚSICOS e PANDEIRETEIRAS Esta sección, dirixida por Pablo Carpintero, está composta por dezaseis membros, as pandeireteiras son: Montse García-Santamarina, María do Carme Pícallos e Rosa María Sánchez, as tres fundadoras do grupo; Fátima Ruzo, Helena Escrich, Vanessa Apelido, Raquel Apelido, Raquel Apelido e Maite Apelido. Os instrumentistas son Emilio Lois (gaita de fol, clarinete, tambor, bombo, acordeón e folla), Pablo Seoane (gaita de fol), Santi Otero (gaita de fol e requinta), Chema Penelas (bombo), José Apelido (tambor), Ricardo Martínez (tambor), Telmo Salláns (clarinete, requinto e bombo), Javier Garabal (saxofón) e Pablo Carpintero (gaita de fol, acordeón, requinta, tambor, bombo, trompa e rabel). Esta sección ten xa editados dous discos ("Andando Camiño" e "Eiquí...Acolá...") nos que se recolle a parte mais significativa do seu traballo. O grupo de instrumentistas ensina ó longo das súas actuacións un abano moi amplo de formacións instrumentais tradicionais galegas: dende a primitiva asociación entre gaiteiro solista e tamborileiro, pasando polo cuarteto tradicional (dúas gaitas, tambor e bombo), que pode, eventualmente, incorporar instrumentos como o clarinete ou o acordeón; ata outras formacións tradicionais froito da incorporación de saxofonistas, trompetistas, clarinetistas, etc. provenientes das bandas populares, e que reciben o nome de "murgas", "músicas" ou "charangas". Así mesmo, o grupo de instrumentistas amosa ó público formacións musicais tradicionais de mais reducido ámbito xeográfico como os grupos de requinteiros propios da zona do Ulla ou as denominadas "Treboadas" propias do Baixo Miño e estreitamente emparentadas cos Zes Pereiras da zona Miñota de Portugal. Pero a exhibición de instrumentos e instrumentistas non remata aí, senón que abarca tamén outras manifestacións musicais como os acordeonistas solistas, os rabelistas, violinistas, etc. Pola súa banda, o grupo de cantareiras da sección instrumental do Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA mergulla ó público na importantísima parte feminina do folclore galego. As cantareiras interpretan pezas recolleitas por tódalas zonas de cultura galega: dende o norte de Lugo ata as zonas limítrofes co Douro en Portugal, pasando polo occidente de Asturias e León, ata as zonas interiores e ribeirás da nosa comunidade. A través da riqueza de ritmos e melodías interpretadas polo grupo de cantareiras, reforzada pola variedade de acompañamentos instrumentais posibles no noso folclore feminino (gaita solista, cuartetos de gaitas, pandeiretas, latas de pementón, pandeiros, legoñas, tamboriles femininos, etc.), faise ben patente a riqueza musical desta parte do folclore galego. Compre, por último, salientar que nas actuacións do grupo instrumental do Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA non fallan representacións de manifestacións culturais propiamente galegas imposibles de levar acabo nos escenarios, como son as "Treboadas de Tomiño", as comparsas de Reis de varios lugares de Galicia, moitas delas dunha espectacularidade fora do común, ou mesmo as manifestacións propias dos diferentes Entroidos galegos, dotados dunha forte compoñente simbólica e por elo impresionantes. Para amosar estas tradicións, o grupo baixa do escenario para mesturarse co público, facéndoo así partícipe directo destas representacións, tal e como se ven facendo durante séculos nas nosas aldeas. A segunda sección do Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA está composta por un grupo de baile integrado por uns trinta bailaríns. Esta dirixida por Chema Penelas. Esta sección deleita ó público coa exhibición de numerosas danzas recollidas por toda a nosa xeografía, que son sempre interpretadas co vestiario propio recollido en cada zona á par dos vellos puntos, voltas e paseos típicos dos nosos bailes. A sección de baile ten recuperados quince vestiarios diferentes ó longo da nosa xeografía, sete corresponden a vestidos de traballo, o que os vellos paisanos denominan traxes de "cotío"; os restantes oito vestiarios correspóndense con a traxes denominados de "garda", aqueles empregados unicamente nas festas e romarías. En canto ó repertorio de bailes desta sección, compre salientar, aparte das numerosas muiñeiras e xotas arrebatadas das maos do esquecemento por toda a nosa comunidade, a recuperación da Muiñeira Vella da zona de Bergantiños, o Vira e a Cana verde do sudoeste da provincia de Ourense, a Regueifa da Costa da Morte ou mesmo o baile ó son do rabel da Alta Sanabria ou as muiñeiras acompañadas de violíns ou frautas das montañas luguesas da Fonsagrada. ACTUACIÓNS MÁIS DESTACADAS Dende a súa presentación no Teatro Principal de Santiago de Compostela o dous de Maio de 1993, o Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA conta cun nutrido historial de actuacións por toda a nosa comunidade. Nel podemos salientar numerosas actuacións nos principais teatros de Ourense, Pontevedra, Vigo, ou Santiago, ou mesmo a actuación no Festival Intercéltico de Moaña. Tamén compre subliñar a actuación que tódolos anos realiza a sección instrumental deste grupo nas festas patronais de Santiago de Compostela, onde ano tras ano amosan as novidades no seu traballo de recolleita. O Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA actuou nas cidades de Bergen (Noruega) e Helsinki (Finlandia) en representación da Cidade de Santiago de Compostela. Tamén nos hirmanamentos desta cidade con outras capitais estranxeiras como Porto (Portugal), San Sebastián ou Oviedo representou este grupo á capital da nosa comunidade. Por outra banda, ULTREIA ten actuado en diversas cidades europeas como Lorient ou Reims (Francia), e, así mesmo, ten abandeirado varias veces á cultura da Comunidade Galega en feiras de mostras e festivais internacionais. Este foi o caso da súa actuación durante un mes no Parque España en Osaka (Xapón), da súa presencia durante unha semana no Pavillón de Galicia na Exposición Universal Hannover 2000 (Alemania), ou da súa actuación durante seis días no festival de Lorient 2001, igualmente dedicado a Galicia. ULTREIA representou tamén á comunidade Galega na feira organizada en Porto de Santa María (Cádiz) en 2001, nos festivais folclóricos do Mediterráneo (Murcia), Jumilla (Murcia)(xa por dúas veces), Barcelona, Zamora e San Sebastián.