Asociacion de Gaiteiros Galegos

A Tradescola suma unha nova materia as súas ensinanzas

cartaz novamateria

Neste curso 2019-2020 a Tradescola amplia as súas ensinanzas incorporando ao seu haber a materia "Ritmos e xéneros da música de tradición oral galega. Repertorio instrumental e cantado: Clasificación e análise" que será impartida por Carme López.

Esta materia pode servir para comprender de xeito máis profundo e amplo a música tradicional tanto para intérpretes como para calquera persoa interesada nela. O apoio bibliográfico aportaranos unha visión das publicacións máis relevantes no estudo da música de tradición oral galega, fundamentais para o estudo de calquera tema relacionado con ela. Ademais, o análise musical pode axudar a un mellor entendemento das partituras á hora da interpretación, ademais de ser un punto interesante para a preparación de probas de acceso para o corpo de mestres de música.

A materia ritmos e xéneros pretende abordar a música de tradición oral e popular galega dende unha perspectiva académica próxima á etnomusicoloxía, aportando polo tanto un marco teórico aos diferentes estudos instrumentais que se desenvolven na escola.

A materia divídese en dous grandes bloques: por unha banda a clasificación en ritmos e xéneros das melodías da tradición oral e popular galega, e por outra banda o seu análise.
En canto á clasificación, esta materia axudará a crear unha visión ampla e xeral da música de tradición oral, intentando axuntar diferentes criterios de clasificación e descrición destas músicas, atendendo á gran disparidade de pautas á hora de abordar este tipo de coñecemento. Para isto, as fontes documentais fundamentais para esta materia asentaranse nos diferentes cancioneiros que se dedican á música de tradición oral galega ademais de diferentes estudos e publicacións musicolóxicas tanto a nivel galego como estatal. Todo isto tendo como finalidade a proposta dunha tipoloxía de clasificación que se apoie nas distintas visións dos estudosos do tema pero sen esquecerse da fonte fundamental: as e os informantes que son verdadeiros protagonistas de todo isto, responsables da preservación da transmisión da tradición. Ademais, vencellarase toda a formación teórica coa escoita de audicións que exemplifiquen o estudado.

Sobre o análise debemos facer fincapé na diferenza de base do análise de músicas de tradición oral respecto da música académica. Debido á natureza diversa de ambas, fai necesario que cadansúa conten cun análise particular, centrado nas características propias de cada música. Deste xeito proponse para a materia un análise de música de tradición oral baseado nos estudos de Dorothée Shubarth e Sergio de la Ossa.