Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

La Voz de Galicia (Cristina López, 27/07/07)

"A cita en cuestión será os días 4 e 5 de agosto e o motivo non é outro que a celebración do Festival de Pardiñas, en terras guitiricenses, que acadará este ano a edición número 28, o que o converte nun dos máis antigos de Galicia. Que este festival acadase tanta antigüidade débese sobre todo ao esforzo da asociación cultural Xermolos, con Alfonso Blanco Torrado á fronte. Onte na presentación estivo acompañado pola delegada provincial de Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos, e por representantes da Asociación de Gaiteiros Galegos e de Estrella Galicia, que figuran como colaboradores na organización deste festival.

Tamén achegan o seu gran de area para que esta cita se manteña ano tras ano cun grande nivel e calidade, o Xacobeo, a Consellería de Cultura, o Concello de Guitiriz, a comunidade de montes de San Xoán de Lagostelle e algunhas casas comerciais.

O Festival de Pardiñas leva aparellado un segundo nome: o de feira e festa da música e da arte. Precisamente con arte arrancará esta celebración, xa que a partir das cinco da tarde do sábado abrirán as súas portas a mostra de artesáns de instrumentos tradicionais -cunha vintena de participantes- e a mostra xeral de artesanía, con cesteiros, teceláns, zoqueiros e demais. Así mesmo, na Casa das Artes de Guitiriz abrirán ao público as exposicións do mestre canteiro de Parga Ramón Villar e dos pintores Paco Lareo e Damián Payo, do val do Deza, e Anxo Lamas, de Castro de Rei. Tamén se expoñerán fotografías de Marra e esculturas de Xavier Quijada.

A mostra de artesáns de instrumentos terá nesta ocasión uns pregoeiros de excepción, xa que dende a organización pretenden xuntar novamente aos compoñentes do mítico grupo Fuxan os ventos para que non só den lectura ao pregón, senón que se animen a tocar algunha peza. No mesmo espazo no que se desenvolverá esta mostra terá lugar a actuación de Ludovaina, un cuarteto de gaita da zona do Morrazo. Por outra banda, como xa é habitual, haberá un escenario libre para as actuacións de músicos espontáneos."

Lee o artigo completo "Primeiros concertos. Na noite do sábado, 4 de agosto, as actuacións musicais virán da man do grupo lucense de música folk Ghaita de Pedra. Fiel á súa tradición, o festival de Pardiñas tamén contará nesta ocasión cun grupo de Euskadi, xa que entre os invitados figura Korrontzi. Ademais, a formación galega Os Cempés, uns dos máximos expoñentes da música festeira, protagonizarán neste festival unha das súas últimas actuacións, posto que logo de cinco discos, veñen de anunciar a súa despedida dos escenarios. Neste primeiro concerto tamén estará presente o rock bravú de Os tres trebóns, que acudirán a este festival acompañados dalgúns amigos, que os acompañarán na súa actuación nocturna.

Obradoiros artesáns para o domingo. O día 5 abrirán novamente as súas portas as mostras inauguradas na xornada anterior. Nunha delas, a de instrumentos tradicionais, desenvolveranse dous obradoiros: por unha banda, o de xoguetes sonoros, que correrá a cargo de Pablo Carpintero, e pola outra, o de baile tradicional, que será impartido polos especialistas Luis Prego e Rosa Hermida. Coma na xornada anterior, o escenario libre estará a disposición de todos aqueles músicos que queiran amosar a súa arte espontaneamente. Nesta xornada dominical non faltarán as actuacións musicais ao longo da mañá, como a da coral, que actuará a partir do mediodía na igrexa de santo Domingo. Tamén haberá demostracións de danza, como a do propio grupo de baile da asociación cultural Xermolos.

Pregón e novos concertos para a última xornada. Xosé Estévez, historiador da Universidade de Deusto e amigo persoal do finado poeta da Terra Chá, Manuel María, exercerá como pregoeiro desta edición do Festival de Pardiñas. Será ás seis da tarde do domingo, xusto antes de que os organizadores procedan a entregar os premios Terra Chá de debuxo e literatura infantil a un cento de nenos e nenas da comarca. A despedida musical protagonizarana o grupo portuxés Dazkarieh, que fai unha mestura de folk e rock; o gaiteiro asturiano Xuaco Amieva; e os franceses Elzef, que fan música tradicional da súa terra, introducindo novas tecnoloxías.

Un festival aberto a todos. Se hai algo que os organizadores do Festival de Pardiñas teñen claro é que son moitas as persoas que despois de acudir a esta celebración nalgunha das súas anteriores edicións repetiron a experiencia noutras sucesivas, porque o gran ambiente de festa que se vive nesta cita invitan a volver de ano en ano. Coñecedores deste feito agardan que nesta edición se superen os 20.000 visitantes que acudiron o pasado ano ao festival, un festival que manexa un presuposto de 120.000 euros."