De novo no comezo da primavera, coma noutras e facéndoo xa ritual, nesta ocasión a Asociación de Gaiteiros Galegos quéreo celebrar cun suculento xantar ao estilo do país, formalizando o 'XI Xantar Gaiteiro', para o vindeiro domingo 26 de marzo no restaurante Punta del Este de Carballo (A Coruña).
O menú (22 euros) será:
Sopa de cocido
Cocido de grelos e patacas con polo, cachola, lacón, carne fresca, chourizos...
Pan de molete e viño Mencía ...(¡auga tamén...!)
Filloas... orellas...café araghonés (con Jotas)
Desta volta, amais, imos propoñer máis actividades coma música na rúa; exposición de instrumentos e fotos; representación teatral e proxeccións.
Traede bo humor e algún instrumento musical. E para os que non lle paran quietos os pes, que non se couten, tamén poderán botar unha baila. Pero traede tamén a algún colega que queira participar connosco porque andamos a procura de xente con ilusión que queira aportar algo á nosa comunidade de músicos e de xente namorada da cultura do pobo galego.
Para confirmar a participación, por favor, ponte en contacto con nos antes do día 22 de marzo:
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo // Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
(Sonsoles) 986 847 074 // (Raúl Galego) 607 844 813
Mais información.
Programa
(O domingo 26 é día de feira en Carballo)
11:00_ Música na rúa. Para aqueles que queiran participar coa súa música polas rúas e tabernas de Carballo.
11:00-14:00_ Exposición da colección de instrumentos de Pepe Temprano de varias coleccións fotográficas
12:30– 13:00_ Interpretación teatral a cargo do grupo Fas que fas de Cecebre.
14:00_ Cita no restaurante Punta del Este (a 1,5 Km do centro de Carballo, tlf: 981 704 280)
Na sobremesa, Birindos por xentileza de Xoán Xosé Fernández Abella, Mero e algún máis. E a mención especial a algúns dos nosos máis dignos e vedraños representantes do mundo da gaita.E, se non hai impedimento, contaremos coa presenza de Don Avelino Pousa Antelo, un histórico do galeguismo, participante no primeiro estatuto de Galiza do 36.
Avelino Pousa Antelo, nacido en Barcala, A Baña en maio do 1914, é presidente da Fundación Castelao. Vicepresidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez. Militante das Mocedades Galeguistas (1932-1936) do Partido Galeguista (PG), participa no tardo-franquismo da refundación do PG e da propia creación da Fundación Castelao. Amais, toca o tamboril.