Regueifas no Liceum - O Porriño
Para quen non o saiba, temos que dicir que unha Regueifa é un desafío oral improvisado en verso, de longa tradición na nosa cultura popular (e tamén noutras) que se mantivo especialmente vivo ata o día de hoxe na Comarca de Bergantiños (Regueifeiros) e no Courel (Brindeiros). Habitualmente este duelo dialéctico soíase levar a cabo nas vodas ou outros actos sociais, Festas, Feiras..., ou como non nos bares. Despois desta longa etapa de transición temos a ocasión de presentar nesta afanada sala unha nova remesa de "Fistores" ou poetas das silveiras que máis que unha Regueifa, van desenvolver unha "performance" na que se combina a satira, a poesia o cuasiteatro, a música, o cabaret...Os protagonistas deste evento son: Luis "O Caruncho" (Vigo), gaiteiro, zanfoñista e artista todo terreo da música tradicional, é regueifeiro dende hai pouco e foi quen de baterse cos máis reputados magos da palabra e sair ben parado. Pinto D´Herbón (Padrón Herbón), foi descuberto para o arte como roqueiro agro-pimenteiro, para posteriormente ser rescatado deste ambiente marxinal para incorporalo o "Star System" regueifeiro do que xa non hai quen o baixe. Por último, Benito Lobariñas (Vigo- Gondomar (Couso)) procede da música tradicional pero tamén ten un importante currículo como mestre, sindicalista e compositor de letras para comparsas de antroido.Sera o venres 23 de Marzo as 23 horas. Os prezos 5 euros, 4 euros anticipada e 2,5 para socios.
PACO DE ESCORNABOIS
Esta semana, o programa Alalá viaxa á comarca da Limia. Francisco Villarino, máis coñecido como Paco de Escornabois, é probablemente un dos gaiteiros máis recoñecidos de Galicia e o protagonista desta edición. Paco tivo a súa primeira gaita aos dezaseis anos e aprendeu a tocala en só tres días. Agora, con oitenta e dous, é un mestre cun repertorio interminable.O seu peculiar xeito de mover os dedos sobre o punteiro, os seus picados e repicados, atraen aos músicos máis novos que intentan imitar as súas características ornamentais. Características que el aprendeu dun gaiteiro chamado Leopoldo Quiroga cando, este, acababa de saír do cárcere trala Guerra Civil. Agora é Paco quen ensina, e moitos deses mozos, coma Iván Area, Félix Castro ou Curro Romero falarán da admiración que senten polo gaiteiro de Escornabois.
Moitos dos novos músicos que se achegan onda el para aprender, coñeceron a Paco en Castro de Laza a onde, este home incansable, acode desde hai corenta anos para animar o Entroido. El é unha das figuras desta festa ancestral que non sería o mesmo sen o son da súa gaita. No programa desta semana poderase velo nunha desas actuacións que se prolongan durante catro días e catro noites.
Ademais tocará en directo para Alalá acompañado por seus irmáns, José e Ramón, cos que se compenetra á perfección.
CARNAVAL DO HÍO
O sábado, 17 de febreiro, tivemos unha nova edición dos recunchos da palleta, dentro do programa de radio "Lume na Palleira", na que Xosé Gil Dopazo falounos do Carnaval do Hío, un dos máis interesantes da zona do Morrazo.
Este coñecido carnaval celébrase durante tres días: domingo, luns e martes e cada aldea e a súa xente participan nunha comparsa, que no caso do Hío son sete, correspondendo ás aldeas de Donón, Igrexario, Liméns, Nerga, Pinténs, Vilanova e Vilariño. Ademáis a comparsa de cada aldea ten unha banda de gaitas formada por catro, cinco ou seis números que tocan instrumentos tradicionais galegos como gaitas, tambor, pandeiretas e bombo. Estas bandas son contratadas por cada comparsa e son as encargadas de animar a toda a xente a disfrutar do entroido.
Dise dos carnavais da parroquia do Hío que se participas neles un ano non faltas nunca máis e sobre todo que poden participar neles todo mundo sen ningún reparo ás condicións persoais, dende os máis cativos ata a xente máis vella, así que animádevos e a disfrutalos.
Xa Ven o Entroido!!!
Se Aínda non tedes claro onde pasar o entroido, aquí tedes unha lista ben interesante de Entroidos en Galiza, cos días máis importantes de cada un.Lista de Entroidos
XVII Concurso de Gaita Galega ‘Constantino Bellón’
O Ateneo Ferrolán convoca o XVII Concurso de Gaita Galega ‘Constantino Bellón’. Celebrarase en Ferrol o día 31 de agosto de 2007 e, este ano, estará dotado con 3000 Euros e dous accesits de 1000 Euros cada un. O prazo de inscrición finaliza o xoves, 12 de xullo de 2007 e será necesario enviar unha gravación da peza obrigatoria ‘A danza do gato e o rato’ de Iván Costa Blanco. Dentro deste concurso, tal como se pode ver no punto 5 das bases, outorgaranse os premios “Gaiteiro de Soutelo” que consistirán na asistencia e participación, cos gastos de desprazamento e estadía pagados, ó concurso “Constantino Bellón” para catro gaiteiros dos centros ou institucións da Galicia Exterior.
Queda convocado, tamén, o Concurso de Composición para Gaita Galega Solista que contará cunha dotación de 2000 Euros. O prazo de presentación de partituras remata o 2 de xullo de 2007.
Se desexa descargar as bases ou a partitura obrigatoria, por favor, prema nas seguintes referencias.
Bases
Partitura
Máis artigos...
Páxina 451 de 486