Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

SONDESEU EDITA "TRASTEMPO", UN NOVO TRABALLO DISCOGRÁFICO

A música popular galega sae do circuito das festas e romerías para afianzarse nos teatros e auditorios das cidades sen complexos. A orquesta folk SONDESEU é a única no seu xénero. Confírmao o ex membro de Milladoiro, Rodrigo Romaní, que é o director desta agrupación integrada por mais de corenta xóvenes intérpretes coordinados polos responsables de cada sección instrumental.

Con este experimento que naceu no 2001 dunha experiencia didáctica levada a cabo na Escola de Artes e Oficios de Vigo, confírmase que ó folk quédanlle todavía camiños inéditos para explorar. A orquesta presentou estos días o seu segundo disco, "Trastempo", deixando constancia da enerxía que se desprende dun orixinal traballo que combina a interpretación da tradición sonora galega con arranxos contemporáneos.

Tras realizar varios concertos en Galicia, Sondeseu editou no 2004 o seu primeiro disco, Mar de Vigo. Trastempo, o segundo, terminouse de gravar fai tres meses en Casa de Tolos, os estudios que dirixe en Gondomar o ex-Siniestro Total, Segundo Grandío. A maior parte dos temas pertencen ó repertorio tradicional, pero tamén hai novas composicións que firman dous dos integrantes da orquesta e que confirman a política participativa pola que se rixen: o arpista Xulio Abal, que tamén forma parte do grupo Quempallou, e a gaiteira Ana Belén L. Villar, que xa se estrenou como compositora no álbum de debut, aportan dous temas.

A orquesta prepara de cara ó outono unha xira de concertos por diversas cidades galegas para dar a coñecer este novo disco.
 

AS GAITAS DE ALCACÉN


O Sábado 16 de Xuño, Pablo Carpintero tratou un tema moi interesante nos recunchos da palleta: as gaitas de alcacén.

Trátase dun tipo de clarinete, que xunto con outros instrumentos fabricados con pallas de centeo, avea ou trigo, aparece por toda Galicia. Son instrumentos que serviron para a aprendizaxe de multitude de vellos gaiteiros e a maioría deles todavía sabe como fabricalos e tocalos.

As pipas de alcacén son quen de reproducir, se son fabricadas coa suficiente destreza, calquera tipo de melodía propia das gaitas de fol ou do canto tradicional. E ademais son con estes sinxelos instrumentos cos que a maior parte dos nosos vellos gaiteiros comezaron a tocar. Pero de todo este tema, ninguén mellor que Pablo Carpintero para darnos mais información nos recunchos.

CANTAR Ó VIVO


Leilía ven de presentar o seu espectáculo en Santiago de Compostela, na sala Mozart do Auditorio de Galicia, dentro dos actos de celebración do “150 Aniversario da Facultade de Farmacia” o 15 de xuño ás 20:30h. Nesta ocasión a proposta que poñen enriba do escenario era “Cantar ó Vivo” .

CANTAR Ó VIVO:

Un espectáculo áxil e dinámico, no que o espectador viaxa a través da historia de Leilía.

Queren lembrar musicalmente uns anos xa pasados, dende aquel ano 1989 no que naceron.A historia dun pobo está unida a unha música, a unhas letras e a unhas imaxes, e como non podía ser doutra maneira, a historia de Leilía tamén son unhas melodías, unhas palabras e unhas persoas.

“Cantar ó vivo” é pois un repaso á vida musical de Leilía. Unha actuación na que irán dende a sua vertente máis tradicional ata a máis actual.

Enriba do escenario as cinco leilias coa súa banda, nun concerto de hora e media. É unha proposta que recolle a esencia de Leilía, o que lles deu a vida, a sua aposta porque os galegos e non galegos de hoxe en día rían, canten, bailen e se emocionen co legado que os nosos maiores tiveron a ben de amosarnos e que a nosa música teña o seu propio espazo e a súa propia proxección de futuro.

CABANA DE BERGANTIÑOS

O martes 12 de xuño vimos a viaxe de Alalá ó concello de Cabana de Bergantiños, rico na paisaxe de forza da terra e do mar; rico no tempo, xa que un pode achegarse ata o Castro de Borneiro ou ata o Dolmen de Dombate, e, coma non, rico na tradición musical, pois aquí o que non regueifa bota unha copliña con moita graza, quen non toca a gaita ou a pandeireta recorda un poema, e o que non quere botar arte pola boquiña, amósaa con todo o corpo e fai calar a todos cun baile, porque só aquí se conservaban bailes hipnotizantes como a Muiñeira Vella ou a Jota Roubada.

En Cabana de Bergantiños hai un artista por metro cadrado e coñecerémolos a todos, así que o equipo do programa veu ata aquí e aquí quedou. Con toda esta riqueza é normal a cantidade de tradición oral que había e hai por estas terras. Non hai moito tocaban por aquí os míticos gaiteiros de Neaño co “ghai ghai”. Pero á parte dos gaiteiros, aínda quedan cantos de cego, de arrieiro, regueifas ou coplas. De feito, as coplas que se conservan aquí son moitas delas en galego, o que ten dobre mérito. As coplas son rimas con moita retranca que dúas cantareiras ou cantareiros enlazan segundo o tema. O grupo “Ruote” ten no seu repertorio bastantes pezas recollidas nesta zona por Pablo e Olga, dous dos seus compoñentes e guías desta viaxe por Cabana de Bergantiños.

Xuntos no persoal e no laboral, levan pateando este recuncho do mundo dende hai case 20 anos recollendo cada copla, cada baile e cada peza musical ou cantada, sendo investigadores e profesores, porque todo o que recolleron ensináronllelo como é aos rapaces da súa aula de música tradicional “Donaire”, na Coruña. Unha historia de amor e artistas, como as de antes.

VII ROMARIA DO LECER

Despois dun duro ano de traballo chega a festa das festas por excelencia... ¡a VII Romaria do Lecer!

O sábado 16 de Xuño, terá lugar no Paseo das Pontes a Foliada, a partires das 9 da noite, onde grupos de toda galicia tocarán unhas peziñas para que os bailadores mais animosos botedes uns bailes.

O domingo 17 de Xuño, durante todo o día haberá no mesmo lugar, a clausura das actividades da Asociación Xacarandaina, organizadora do evento, e ademais haberá sorteo de agasallos, torneo de tute, obradoiros de artesáns, xogos para os mais pequenos, polbo, churrasco e bochinche para o que teña fame... ¡Teremos de todo!

Xa sabedes... O plan promete, así que esperamos vervos por alí, xa sabedes, 16 e 17 de Xuño no Paseo das Pontes (A Coruña)

Páxina 443 de 486