Monxardín gaña o XVII Constantino Bellón e Devigo o premio de composición
O pasado 31 de agosto celebrouse no Teatro Jofre de Ferrol, en plenas festas do San Ramón, a XVII edición do Constantino Bellón ca participación de nove gaiteiros. Catro deles procedían da chamada Galicia Exterior e os outro cinco das provincias de Lugo (2), Ourense (2) e A Coruña (1). O nivel acadado por tódolos participantes, tal como fixo constar o xurado na súa acta, foi excepcional. O premio, dotado con 3000 euros, foi para Brais Monxardín da Fonsagrada, e os dous accesits, de 1000 euros cada un, para Daniel Lumbreras, que chegaba desde San Sebastián e para o castrocaldelense Pablo Devigo.
Este último gaiteiro gañou tamén o premio de composición deste ano ca muiñeira para gaita e piano titulada 'Troula para Constantino' que etrenara o día anterior no Teatro Jofre acompañado pola pianista Iria Hevia.
Durante a deliveración do xurado, o presidente do Ateneo Ferrolán, D. Eliseo Zaera, entregou as gaitas de ouro e de prata ao palleteiro Rubén González López e á Agrupación Cántigas da Terra na persoa do seu presidente D. Geranio Torreiro.
Prema aquí para ver máis fotos.
NOVE GAITEIROS COMPITEN NA FINAL DO CONCURSO DE GAITA GALEGA CONSTANTINO BELLÓN
O XVII Concurso de Gaita Galega 'Constantino Bellón', que organiza un ano mais o Ateneo Ferrolán, chega o venres 31 de Agosto a súa fase final.Na última xornada, nove gaiteiros chegados dende diferentes puntos de Galicia e do resto de España, ademáis dun aspirante procedente de Arxentina, optan a facerse co primeiro posto na final do Certame.
Os actos comezarán ás 13.00 horas, coa presentación e recepción que o Concello de Ferrol ofrecerá no Palacio Municipal ós finalistas do concurso. Dende as 20.30 horas, de novo no Teatro Jofre, terá lugar a final do "Constantino Bellón". Nela farase entrega da Gaita de Ouro ó artesán Rubén González López e da Gaita de Prata á Agrupación Cantigas da Terra. Ademais, entregarase o Premio de Composición para Gaita Galega Solista, que recae en Pablo Devigo pola partitura para gaita e piano 'Troula para Constantino'.
Darase paso entón á actuación conxunta dos finalistas para o Concurso de Gaita Galega, ó fallo do xurado e á entrega de premios. Os finalistas son Gonzalo Manuel Abelairas, de Ourense; Manuel Gómez García, chegado dende Guipúzcoa; Bruno Villamor, de Lugo; Jordi Torres, de Arxentina; Ricardo Manuel Mouriño, de Narón (A Coruña); o barcelonés Raúl Lacilla; Brais Monxardín, procedente de A Fonsagrada (Lugo); o ourensano Pablo Devigo e Daniel Lumbreras, que chega dende San Sebastián.
Na organización do 'Constantino Bellón' colaboran a Consellería de Cultura, o departamento autonómico de Emigración, a Deputación Provincial de A Coruña, o Concello de Ferrol, a firma Sargadelos e, tal e como destaca o Ateneo, Maruxa Fernández, viuva de Luis Seoane.
O ARTESÁN RUBÉN GONZÁLEZ RECIBE A GAITA DE OURO DO CONSTANTINO BELLÓN
Diario de Ferrol (Montse Mayoral, 29/08/07)"A xunta directiva do Ateneo concedeu a Gaita de Ouro a Rubén González López polo seu traballo de artesán a prol da música tradicional galega e a de Prata ó grupo Cántigas da Terra, da Coruña, polo seu papel na divulgación da cultura galega dende o ano 1916.
Rubén González López (Xinzo de Limia, 1925) é un gaiteiro feito a si mesmo. Cunhas poucas clases e moitos anos mirando o que facían os demais, conseguiu coñecer o instrumento, convertelo en seu de verdade e mesmo mellorar o seu son, moito despois de compralo por tres pesos cando tiña quince anos. "Hoxe un gaiteiro faise fácil -comenta-, pero daquela non había profesores... alí onde había un gaiteiro estaba eu collendo datos".
Co tempo, Rubén González López converteuse en artesán ademais de músico. Fixéronse famosas as súas palletas -a lámina situada na embocadura da gaita-, que conqueriron mellorar o son, e percorreu gran parte da xeografía española e portuguesa con diferentes grupos, o último o chamado Os Agarimos, co que aínda onte foi tocar ás festas de Santa Lucía en A Cervela, un dos escasos compromisos que Rubén González mantén ós seus 82 anos, excelentemente levados. O seu fillo continúa a tradición como músico e como artesán, unha circunstancia que quizáis leva á nova Gaita de Ouro do Ateneo a ser optimista: "a gaita galega non decae, non se perde; aínda que estiveron metendo outro tipo de gaitas de fóra, que a min non me parece ben".
Rubén González fala con auténtico entusiasmo da música galega e da súa historia de gaiteiro, unha vocación que sempre tivo que conciliar co seu traballo de ferreiro. "Coñecín a Faustino Santalices e regaloume un libro da montaxe da gaita que para min é unha xoia", conta. "Onde hai un gaiteiro hai un amigo", resume a súa filosofía de vida.
O artesán, afincado desde hai máis de sesenta anos na localidade de Somoza, no Incio (Lugo), mostrouse moi agradecido e decidido a ir o venres 31 de Agosto a Ferrol, para recoller o premio que lle brinda o Ateneo Ferrolán."
O GRUPO "CREMA DE GAITA" ESTREA WEB
Crema de gaita é un grupo folk con insignia distintiva que abraza formas pouco convencionais na música folk concibida en Galicia, achegándose aos ritmos latinos como son o tango, o tumbao, os boleros, as habaneras ou a bossa nova, xa que entende que Galicia posúe uns lazos culturais máis estreitos con Latinoamérica, a causa do fenómeno da emigración, que con outras culturas atlánticas que se tenden a fusionar habitualmente coa música galega.Nembargante, Crema de gaita non rexeita as influencias euroatlánticas nin versións de temas da música tradicional galega, para demostrar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita en numerosos estilos.
Crema de gaita aposta por un estilo orixinal e transgresor no que conflúe a música tradicional, popular e culta, nun intento de irmandar as diferentes culturas que conviven na actualidade.
Os músicos que forman Crema de gaita son:
Diego Mariño (gaitas e frautas)
Marcos Campos (gaitas e frautas)
Xose M. López "Josele" (clarinete, saxo e gaita)
Cris Macías (teclados e voz)
Ernesto Campos (guitarra e serrucho musical)
Judith Alonso (baixo eléctrico)
Xosé C. Villar "Bouza" (percusións latinas e tradicionais)
Suso "Feixón" Alonso (batería e percusións)
Na nova páxina web do grupo, www.cremadegaita.com, encontraredes mais información sobre concertos, galería de fotos, discografía, etc.
UN BLOGUE INTERESANTE
Dende a comunidade escolar do C.E.P. Brea Segade invítannos a visitar este blogue, www.blogoteca.com/educaldea , no que se ofrece un bó arquivo de partituras de gaiteiros e músicos do Concello de Rianxo, así como unha boa galería de fotos.
Nel xa está a disposición, para uso público, todo o material que están a recoller no seu traballo de campo. Eles consideran que as recollas só serven se as devolven ao seu único dono, o pobo..
Tamén crearon neste centro escolar, un museo, o Museo Pedagóxico Castelao, onde contan con moita música impresa para banda, instrumentos musicais, fotografías e ata o traxe orixinal (anos 40) do Ramón Carou, gaiteiro de Airiños da Nosa Terra de Asados.
Calquera suxerencia sobre a música en Rianxo, será ben recibida por esta comunidade escolar que traballa por dar a coñecer un pouco mais a nosa música tradicional.
Máis artigos...
Páxina 437 de 486