Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

O CONCELLO DE CANGAS REXEITA A ESCOLA DE GAITAS DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O Concello de Cangas rexeita o modelo de escola de gaitas que a Deputación de Pontevedra implantou na provincia. Nun xesto de valente defensa da cultura galega, a concellería de cultura decide apoiar aos grupos e asociacións que están a impartir clases de música tradicional e rexeita continuar a súa colaboración co organismo provincial.

A comisión de goberno decidiu suprimir este servizo por estar en desacordo, segundo indica o concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Pazos, coa «filosofía musical» da escola que promove o citado organismo; e tamén porque, asegura Pazos, existe xa unha oferta suficiente prestada polas distintas escolas que promoven os grupos de gaitas do municipio.

Esta acción reabre o acendido debate que sobre estes centros se desenvolveu ao longo de 2005 entre a Asociación de Gaiteiros Galegos e a Deputación de Pontevedra, no que a AGG deixou ben clara a súa postura en contra dos métodos de ensinanza empregados nestas escolas e a defensa que dende a Deputación se facía da escola escocesa frente á gaita tradicional galega.

Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos celebramos esta decisión, da equipa de goberno do Concello de Cangas, que ven a referendar as reivindicacións de miles de músicos tradicionais que no seu momento se manifestaron contra este modelo de escolas. Agardamos que outros concellos da provincia sigan o exemplo de Cangas no seu ánimo restaurar a dignidade da nosa música tradicional.
 

COMEZA UNHA NOVA TEMPADA DE "LUME NA PALLEIRA"


O sábado 22 de Setembro comezou unha nova etapa de “Lume na Palleira”, o programa da Radio Galega dirixido e presentado por Emilio Españadero Paz. A partir das 16:00 horas, esta proposta musical alternativa dentro das ondas radiofónicas, continuará dando a presencia que se merece a nosa música folk e tradicional.

Neste primeiro programa, entre outros, acompañounos Xaneco Tubío, membro da Xunta Directiva da Asociación de Gaiteiros Galegos, para falarnos das "Xornadas sobre o Réxime Xurídico e Fiscal para Actividades Artísticas" que se van a celebrar o vindeiro sábado, 29 de Setembro, cun horario de 10:00 a 14:00 horas, en Santiago de Compostela.

Estas xornadas, organizadas pola AGG, serán impartidas por persoal da empresa "Algalia", profesionais cunha dilatada traxectoria no asociacionismo e con procedencia do ámbito da xestión e da formación.

Música en directo, XIX Xuntanza de Gaiteiros, presentación das novedades musicais, todo esto e mais, na nova andaina de “Lume na Palleira”. Esperamos contar de novo con todos vos.

CONFERENCIA SOBRE O CANCIONEIRO GALEGO DE TORNER E BAL Y GAY

O Xoves, 20 de setembro ás 20.00h terá lugar na Sede Fundación Barrié de la Maza en Vigo, unha conferencia a cargo de Carlos Villanueva, autor do estudo crítico do Cancioneiro galego de Eduardo Martínez Torner y Jesús Bal y Gay, reeditado pola Fundación.

O catedrático, mediante a súa investigación e análise, ofrecerá un esclarecemento sobre algúns puntos descoñecidos até agora do Cancioneiro de 1973.

Precisamente Carlos Villanueva, o autor do prólogo deste facsímil, é quen pon en valor o carácter renovador do compositor lugués. "Bal y Gay é un rexeneracionista natural, cun forte compromiso social", afirma o catedrático. Este carácter refléxase na forma que tiña de investigar a historia da música galega. "Buscaba o sentido da galeguidade, que non é outra cousa que buscar o esencial do folclore, a identidade dun pobo", di Villanueva. A isto engádese a función divulgadora que lle imprime ao seu traballo, xa que, "todo o que aprende difúndeo en conferencias e concertos".

A entrada para asistir a esta conferencia será libre ainda que hai un aforo limitado.

"IV CURSILLO XARABAL" 23º ANIVERSARIO

A AA.CC. Xarabal celebra a 4ª edición dos cursillos reunindo a amigos, colaboradores e profesionais da música folk. Este ano firman a súa estreita colaboración coa AA.CC. Valladares e desenrolaran as súas actividades no seu local. Dende a AA.CC. Xarabal queren agradecer o esforzo e a colaboración ofrecida pola AA.CC. Beade nas edicións anteriores.

O cursillo celebrarase os días 28, 29 e 30 de Setembro. Data límite de inscrición: Luns 24 de Setembro

Lugar: AA.CC de Valladares, Carretera de Valladares 233. Tlf: 986 46 70 53
Aloxamento: Seminario mayor San José. Carretera de Madrid 8. Tlf: 986 41 26 66

Os cursos serán impartidos polos seguintes mestres:

- Empalletado e afinación de "Gaita 1": MARCOS CAMPOS
- Técnica e interpretación de "Gaita 2": ANXO LORENZO
- Percusión tradicional: ALBERTO COSTAS
- Construcción de Palletas: ANTÓN CORRAL (Horario de mañá e tarde)
- Requinta e Frauta irlandesa: JOSÉ LIZ
- Bouzouki: JOSÉ LIZ
- Baile: MIGUEL SOUTO
- Acordeón: JORGE ARRIBAS
- Percusión Folk: ROI ADRO
- Violín: ALFONSO MERINO
- Bodhran: ROBERTO MÍGUEZ "MILLA"

Os cursillos contarán coa colaboración de amigos e profesionais representantes de cada especialidade para ofrecer relatorios e pequenas charlas-coloquio, ademais realizaranse exposicións de artesanía.

Faranse audicións comentadas de concertos en directo impartidas por invitados en horarios "non lectivos" en salas de vídeo acondicionadas. Todo esto complementado con sesións que terán lugar tódalas noites en coñecidos pubs da cidade.

Haberá entrega de diplomas acreditados pola institución organizadora e realizarase un concerto final con alumnos e mestres.

Máis información

Ler mais. "IV CURSILLO XARABAL" 23º ANIVERSARIO

"XORNADAS SOBRE O RÉXIME XURÍDICO E FISCAL PARA ACTIVIDADES ARTÍSTICAS"

A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza o vindeiro sábado 29 de setembro as "Xornadas sobre o Réxime Xurídico e Fiscal para Actividades Artísticas". Terán lugar no Auditorio da Sede da Fundación Caixa Galicia, na Rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, cun horario de 10:00 a 14:00 horas.

O obxectivo destas xornadas é o de informar das diferentes opcións legais, fiscais e contables das que se dispoñen para exercer actividades culturais. Serán totalmente participativas e abertas para que todos os asistentes plantexen as súas dúbidas.

Dende a AGG cremos que a normalización e a xestión adecuada destas actividades é necesaria para poder ofrecer unhas condicións de traballo seguras e uns salarios dignos.

Para asistir a estas xornadas é necesaria unha inscrición previa que deberá realizarse antes do 27 de setembro. Esta inscrición é totalmente gratuita.

Todos aqueles interesados poderán formalizala a través do correo electrónico: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ou ben no teléfono 986 847 074 (Roi ou Patri) indicando nome completo e teléfono de contacto.

Páxina 436 de 486