Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

PRESENTACIÓN DAS ACTIVIDADES DA AOFT

Este mes de Outubro comezan as actividades da AOFT, (Asociación Ourensá de Folclore Tradicional), nas diferentes escolas, concellos e asociacións onde imparten clases.

Este ano ofertan: Gaita, (Iniciación e perfeccionamento), Percusión, (enfocado o acompañamento Instrumental), Canto e Pandeireta, e Acordeón, (na escola de Música tradicional do Concello de Allariz).

No que corresponde a EMT, (Escola de Música Tradicional de Ourense) o mércores, día 10 de Outubro, de 20:00 a 21:00h, no local da escola en Barrocás, realizarán a presentación das súas actividades, presentación dos mestres e posta dos horarios.

Ese día poden acudir todos os interesados en ter algo de información sobre os lugares, clases, horarios ou en facer calquer proposta. Tedes máis información na páxina web da AOFT .
 

FINALIZA A EDICION 2007 DO PROGRAMA "VAI DE CAMIÑO"

O pasado sábado 29 de Setembro, rematou a segunda edición do programa Vai de Camiño, organizado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, da Consellaría de Innovación e Industria, que levou diversos tipos de espectáculos a un gran número de vilas e pobos de toda Galiza.

Nesta edición do 2007, A Asociación de Gaiteiros Galegos encargouse de xestionar a participación de 74 agrupacións de música e baile tradicional integradas por un total de 503 compoñentes.

Dende formacións máis pequenas como a do gaiteiro solista, ou os regueifeiros, ata bandas de gaitas tradicionais douse un repaso polas diversas formas de música tradicional que existen en Galiza e forman parte dunha cultura cunha riqueza e variedade extraordinaria.

A AGG quere agradecer a todos os participantes a contribución que realizaron coas súas actuacións para dar a coñecer a nosa cultura.

GRAN NÚMERO DE ASISTENTES ÁS XORNADAS FISCAIS ORGANIZADAS POLA AGG


O pasado sábado 29 de setembro tiveron lugar en Santiago, as "Xornadas sobre o réxime xurídico e fiscal para actividades artísticas" organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos e impartidas por un dos profesionais de Algalia, consultoría especializada neste tipo de temas.


A partir das 10:00 h., o gran número de asistentes ás xornadas, estiveron atentos ás explicacións que sobre diversos temas do programa foron dadas. Comezou o curso cunha explicación sobre conceptos como "contabilidade", "elaboración de contas anuais", "xestión económica", etc.


Foron moitos os participantes que quixeron plantexar as dúbidas que sobre estos temas xurdían, sobre todo en canto á definición de actividades económicas, a exención do IVE, ou o tipo de réxime laboral das actividades artísticas.


O curso rematou cunha pequeno resume sobre elaboración de facturas, contratos tipo e formas empresariais.

PARADA DA ETNOGRAFÍA MUSICAL GALEGA

A Parada da Etnografía Musical Galega é unha acción comunitaria de divulgación e educación popular sobre o patrimonio cultural galiciano, no eido temático da etnografía musical e o seu contexto interpretativo de relación: as persoas, a comunidade, a artesanía, a danza, a cantiga, os instrumentos, os materiais, a artesanía, os oficios, os espazos antropolóxicos, e a súa evolución ata a actualidade.

Esta Iª Parada da Etnográfía Musical de Galicia conta cos seguintes contidos: un museo vivo, seminarios formativos (que terán lugar o sábado 29 de setembro e o sábado 6 de outubro), un encontro de entidades e grupos folclóricos, obradoiros, mostras, etc.

Do 24 de setembro, ao 11 de Outubro, no Centro Cívico Social de S. Xiao de Narón, tedes a oportunidade de coñecer un pouco mais sobre a Etnografía musical do noso pobo.

Consulta aquí o programa

CURSOS O FIADEIRO 2007-2008

O vindeiro 1 de outubro dará comezo o Curso Escolar "O Fiadeiro 2007-2008". Este ano os cursos van ser impartidos na súa nova sede social: R/ Camiño Pombal Nº 38-baixo (na zona do Calvario detrás da Igrexa dos picos).

Ainda que o curso comeza en outubro, tódolos interesados teñen de prazo todo o mes para incorporarse. Podedes obter información pormenorizada dos cursos poñéndovos en contacto coa asociación de luns a venres de 10.00-13.00h. e de 17.00 a 21.00 nos seguintes contactos:

A.C.F. O Fiadeiro
R/ Camiño Pombal Nº 38-baixo
36205 - Vigo
Tf: 629 585 355 – 986 253 585
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Mais información sobre os cursos

Ler mais. CURSOS O FIADEIRO 2007-2008

Páxina 435 de 486