PRESENTACIÓN DO CANCIONEIRO GALEGO DE TORNER E BAL Y GAY
O sábado 13 de Outubro, no programa “Lume na Palleira”, terá lugar a presentación da reedición dun dos máis grandes cancioneiros galegos, o Cancioneiro de Torner e Bal y Gay, levada a cabo pola Fundación Pedro Barrié da Maza.Nesta ocasión, será o catedrático de Música da Universidade de Santiago e autor do estudo científico que deu froito ao tomo do "Cancionero gallego", Carlos Villanueva, o encargado de realizar a presentación. O experto cualificou á iniciativa como un "acerto editorial" posto que se trata dun "material do que non existen antecedentes históricos e que permite unha volta neotradicionalista ao pasado de Galicia”.
O "Cancionero Gallego" supón un importante traballo de investigación e recompilación de arredor de 1.300 melodías da música tradicional de Galicia, na súa meirande parte inéditas, escritas en galego e castelán.
As composicións foron reunidas entre 1928 e 1932 polo musicólogo Jesús Bal y Gay en colaboración co investigador Eduardo Martínez Torner.
Pero teredes ocasión de coñecer máis detalles do Cancioneiro o sábado, de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA". Non vos esquezades.
"PREMIOS OPINIÓN" ADICADOS Á MÚSICA GALEGA
O xoves día 11 de outubro ás 20:30 h. celebrarase, no Teatro Colon de A Coruña, a gala de entrega dos prestixiosos "Premios Opinión" adicados á música galega e organizados polo xornal "La Opinión".Xosé Luís Miguélez será o encargado de abrir a gala nesta sexta edición, cunha presentación do seu novo CD "Esperanza", que sairá á venda coa Editorial Dos Acordes neste mesmo mes de outubro. Estará acompañado ao piano por Pablo Diago e interpretará: "Noite", unha composición do propio autor para gaita solista, e os dous primeiros movementos da obra para Gaita e Piano "Luces do Atlántico" de Ernesto Campos.
A gala completarase coas actuacións de:
Nordestinas: Guadi Galego, voz + Ugia Pedreira, voz e Abe Rábade, piano
Maite Dono, voz + Manuel Gutierrez, piano
Os Cempés.
A entrada é libre ata completar aforo, previo levantamento da invitación na sede do xornal.
COMUNICACIÓNS PARA O II CONGRESO DE ENSINANTES
A Asociación de Gaiteiros Galegos está xa a preparar o II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA, que terá lugar o 7, 8 e 9 de Decembro de 2007 en Santiago de Compostela.O Auditorio de Galicia será o marco que acolla a congresistas, mestres, gaiteiros, artesáns ou simples afeccionados á música galega que teñan interés en profundizar na aprendizaxe dunha parte tan importante da nosa cultura.
Unha das formas de participar, ademais da presencial, é a través do envío de comunicacións. Toda persoa que queira expoñer algún tema relacionado co ensino da música tradicional poderá escribir unha comunicación e presentala no Congreso, despois da correspondente selección por parte do Comité Científico.
Para isto é necesario seguir unhas normas que podedes consultar a continuación. Esperamos contar coa vosa colaboración e que asistades a este importante evento relacionado co ensino e conservación do patrimonio cultural galego.
Normas para envio de comunicacións
XIX HOMENAXE AO GAITEIRO
O sábado 13 de Outubro, ás 19:30 horas, no Teatro Sala de Concertos Caixa Nova en Vigo, terá lugar a XIX HOMENAXE AO GAITEIRO 2007 organizada por "A Buxaina" e o C.R.A.C. de Coruxo.Este ano os homenaxeados son Manolo Viqueira e Marcelino e Pepe da Gaita de Sarandón, figuras senlleiras da nosa música tradicional que seguen transmitindo os seus coñecementos de xeración en xeración.
O evento estará presentado por Pepo Suevos e nel actuarán:
- Anacos de Buxo
- Agrupación Folclórica Trompos Os Pes
- Quempallou
Non esquezades que dende o 6 de Outubro xa podedes recoller as vosas invitacions para asistir á Homenaxe. Podedes facelo no C.R.A.C. de Coruxo (Vigo) en horario de luns a venres de 20:15 a 22:00 horas.
INICIO DE ACTIVIDADES NO OBRADOIRO DE CULTURA TRADICIONAL "ULTREIA"
O Obradoiro de Cultura Tradicional ULTREIA, inicia as actividades da súa escola de folclore coa seguinte oferta:-Clase de baile tradicional para nenas e nenos, impartidas por Gustavo Couto e Edith Cotilla.
- Clase de gaita e percusión tradicional, impartidas por Emilio Lois.
-Clase de pandeireta para nenos e nenas, impartidas por Rosa Sánchez.
-Clase de acordeón, en grupo ou individuais, para nenos ou adultos, impartidas por Emilio Lois.
Os interesados poden informarse nos teléfonos: 626588381 (Rosa Sánchez), 609203385 (Gustavo Couto) ou 696740502 (Emilio Lois)
Máis artigos...
Páxina 434 de 486