FESTIVAL ENCLAVE DA GAITA
O dia 23 de novembro ás 22.30h, a Asociación Cultural Enclave da Gaita celebra a IV Edición do Festival enclave da gaita , que terá lugar no Auditorio de Cangas do Morrazo (Pontevedra).
Contarán coas actuacións de Sobre Rodas, dúo de zanfonas formado por Carlos "do Viso" e Luis " O Caruncho", e o grupo folc Serralhe-aí. A entrada é de balde e na organización do evento colabora o Concello de Cangas.
Con esta nova edición do festival, a A.C. Enclave da gaita pretende seguir mantendo o interés tanto na música tradicional, como na música folc que se ven demostrando na zona do Morrazo. Animádevos a asistir.
GRAN ÉXITO DE PÚBLICO NA MOSTRA DO PCI GALEGO-PORTUGUÉS EN PONTEVEDRA
Do 7 ao 11 de novembro tivo lugar en Pontevedra a "Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués" na que todos os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer un dos varios proxectos que se están a levar a cabo en defensa da cultura e tradición Galega.O Proxecto Ronsel, promovido polas tres Universidades de Galicia e a Xunta de Galicia, en colaboración coa asociación “Ponte...nas Ondas!” e a Asociación de Gaiteiros Galegos, organizou este evento co patrocinio dos parceiros xa mencionados e do Concello de Pontevedra.
Durante estos días, tivemos a oportunidade de coñecer máis a fondo algúns dos exemplos máis representativos do noso patrimonio inmaterial. Así puidéronse visitar distintos obradoiros, como os de olaría, forxa, luthería, ourivaría, xogos tradicionais, etc. Tamén contouse cunha gran oferta audiovisual e exposicións permanentes coas que se pretendía achegar formas, materias e sensacións do noso patrimonio a tod@s @s que alí se achegasen.
Durante a fin de semana celebrouse, como parte da mostra, o festival de música tradicional no que participaron grupos coma A Gaita de Sarandón, o cuarteto Picuiña, Ruote, etc. e gaiteiros tradicionais tanto galegos como portugueses, entre os que se encontraban Manuel Viqueira e José Marentes pola parte galega e Joaquim Pereira "O Carriço" xunto con Antonio Ribeiro "O Toni das Gaitas" pola parte portuguesa. O sábado pola noite, a VI Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, tamén reuniu a representantes de ambas culturas tradicionais.
Un dos obxectivos da realización da "Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués" foi o de visibilizar este patrimonio e concienciar a sociedade da necesidade de salvagardalo e manter así vivo un importante pouso de coñecementos tradicionais que non debemos perder.
Reportaxe fotográfico da Mostra
CASTING EN VIGO PARA O NOVO PROGRAMA DA CANLE DE TELEVISIÓN "CUATRO"
A canle de Televisión "CUATRO" púxose en contacto coa AGG para solicitar a difusión da próxima convocatoria do único "casting" que farán en Galiza, será en Vigo o 4 de decembro. Se queredes máis información, tedes que chamar ao tfno 91 358 76 82 ou contactar no enderezo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo .
Pola información que nos deron dende a cadena televisiva "CUATRO", trátase da selección de participantes para un novo concurso dirixido a persoas con aptitudes artísticas varias, e que teñan un nivel interpretativo alto. Pódense presentar igualmente solistas, grupos, cantadores ou cantadoras........etc.. O premio para o gañador será de arredor de 100.000 euros.
FESTIVAL DE MÚSICA TRADICIONAL NA MOSTRA DO PCI GALEGO-PORTUGUÉS
O venres 8 de Novembro comeza o Festival de Música Tradicional organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos dentro da "Mostra do Patrimonio Cultural Inmaterial Galego-Portugués", que se está a celebrar na Praza da Ferrería en Pontevedra.Durante toda a fin de semana contaremos con diversas actuacións de representantes da música tradicional, tanto galega como portuguesa. Así, o venres 9 de novembro, a partir das 20:30 h. participarán os seguintes grupos:
- Cuarteto Tradicional Picuiña de Marín
- Os Terribles de Donas
- A Gaita de Sarandón
Durante estas actuacións poderase asistir a un obradoiro de baile tradicional impartido por Gustavo Couto e degustar os augardentes destilados nestes días polo noso poteiro.
O sábado 10 de novembro terá lugar a VI Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa coa colaboración da asociación “Ponte ... nas Ondas!” e da Asociación de Gaiteiros Galegos a partir das 20:30 h. Estarán presentes os Pauliteiros de Sendim (Terra de Miranda, Tras-os-Montes, Portugal), Caretos de Podence (Portugal), Zés Pereiras de Vilaverde-Braga e Suso e Antonio de Xornes (Ponteceso).
Ás 22:30 h. continuaremos coa Charanga de Ultreia e pandereteiras e gaiteiros de Pontecaldelas, Toutón, A Ermida e Gargamala. Mentres estas actúan haberá un obradoiro de baile tradicional galego a cargo de Luis Prego para que todos poidamos bailar os nosos ritmos agarrados e soltos.
Xa para o domingo, 11 de novembro, remataremos esta mostra coa queimada e degustación dos augardentes destilados polo noso
poteiro a partir das 19:00 h. e coa atuación do grupo Ruote a partir das 20:30 h.
FOLIADA 25º ANIVERSARIO DO GRUPO DE BAILES POPULARES "IAR"
O sábado 10 de Novembro do 2007 terá lugar no Parque de Eirís da cidade da Coruña unha foliada, coincidente co 25 Aniversario do Grupo de Bailes Populares “IAR”.Dende a organización queren convidar a todo o mundo a desfrutar da festa, ou mesmo a intervir (cantando, bailando, etc), posto que despois das actuacións de rigor, a participación será libre. e a mesma dará comezo ás 21:00h.
En caso de non coñecer o enderezo, podedes poñervos en contacto coa organización que vos indicarán ben a través dun mapa que vos remitirán por correo electrónico (no correo do Grupo de Baile: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ), ou telefónicamente (Servando López: 639516194), do xeito máis sinxelo posible a forma de chegar.
R /CERCA, 30 BAIXO 15.009 A CORUÑA
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
FAX:981133646
Máis artigos...
Páxina 432 de 486