Asociacion de Gaiteiros Galegos

Inicio

CONCURSO FESTIVAL FOLK CANCIONEIROS

A Fundación Pedro Barrié de la Maza, co obxectivo de potenciar e fomentar entre os grupos folk afeccionados o interese polo repertorio do Cancionero gallego, de Torner e Bal y Gay, e do Cancionero Musical de Galicia, de Casto Sampedro y Folgar, cuxas reedicións críticas ten preparado co gallo do seu 40º aniversario, convoca o concurso Festival Folk Cancioneiros.

O intérprete ou grupo máis destacado será premiado con 6.011 euros, a gravación dun disco editado pola Fundación e a participación nun concerto compartindo escenario coa consagrada formación galega de folk Milladoiro.

Poderán participar solistas e/ou formacións (máximo de 8 compoñentes) de música tradicional ou folk galega, instrumental ou vocal (a capella ou con instrumentos). Os interesados deberán presentar, en ao menos un 25% do seu repertorio, temas recollidos no Cancionero gallego de Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay e no Cancionero Musical de Galicia de Casto Sampedro y Folgar. Devanditos cancioneiros están dispoñibles na páxina web da Fundación Barrié.

A documentación deberá enviarse entre o 11 de xuño e o 16 de decembro de 2007 ao enderezo da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Cantón Grande nº 9, 15003 - A Coruña, nun sobre rotulado “Festival Folk Cancioneiros".

Impreso de solicitude e bases do concurso
 

CURSO DE EDUCACIÓN PARA A VOZ

Dende a Escola de Música do Concello de Boiro ofrecen a posibilidade tando ós alumnos da escola como a todos os que vos queirades achegar alí, a que coñezades e experimentedes as posibilidades e recursos do instrumento por excelencia, a voz. O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que queiran achegarse á técnica vocal como recurso ou como prevención de patoloxías polo uso incorrecto da mesma.

Da man dunha voz con nome propio dentro da música galega como é Sonia Levedynski, todos os participantes adentraranse de cheo nos mecanismos que fan posible que se produza a voz e coñecerán os recursos que nos ofrece así como un uso correcto que evite o desenrolo de patoloxías.

O curso vai dirixido preferentemente a todas aquelas persoas que empreguen a súa voz como instrumento.

Data: 1 e 2 de Decembro de 2007
Horario: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00
Prezo: 30 € (alumnos da Escola 10€)
Número de plazas: 20 activos. Asignaranse por estricta orde de chegada
Lugar: Escola de Música. Centro Social de Boiro
Prazo de Inscripción: do 19 ó 30 de Novembro de 2007.

Máis información

A BANDA DE GAITAS RAIGAMES DE ENRIQUE OTERO COVELO NO "RECUNCHO DA PALLETA"

Nos anos 1981-1982 o mestre Enrique Otero reuniu o seu alumnado nunha agrupación de máis de vinte compoñentes, que resultou ser, seguramente, unha das primeiras bandas de gaitas de Galicia na que coincidiron xente xoven, que co andar do tempo consolidaría a súa presenza na música tradicional galega en grupos como Muxicas,Treixadura ou a propia banda de gaitas Xarabal, que nun primeiro momento contaba con varios compoñentes procedentes de Raigames, ainda que tamén profesores de gaita como Xaime Estévez, Charo Guerrero ou o propio Carlos Núñéz pasaron polos ensaios desta agrupación.

Raigames en sí mesmo é un fito na historiografía das bandas de gaita galegas, porque asumía dun xeito xenuino a evolución da tradición galega cara a un grupo máis numeroso, con elementos organolóxicos netamente galegos e repertorio e arranxos propios pasados pola sabia man do mestre Enrique Otero, con arranxos paradigmáticos como a "Alborada da Lanzada"(arranxo editado posteriormente por Xarabal) a marcha de San Benito, e outras pezas con arranxos pensados ex-profeso para unha agrupación similar.

Cando se cumplen 25 anos do concerto que deron no Auditorio da caixa de aforros de Vigo o 6 de outubro de 1982, rescatamos gravacións inéditas ata agora gardadas polo seu director e que nos trasladan a este feito histórico dun xeito máxico, para comprobar o bofacer e a calidade desta agrupación formada por alumnos e alumnas a maioría menores de idade.

Co mestre Otero presente rememoraremos aquela época e disfrutaremos das gravacións da banda Raigames no "recuncho da palleta" do sábado 24 de novembro.

"Lume na Palleira" emítese os sábados de 16:00 a 18:00 h. en "RADIO GALEGA MÚSICA", con emisión conxunta de 16:05 a 17:00 na "RADIO GALEGA".

OBRADOIROS DE MÚSICA TRADICIONAL EN CANGAS


A Concellería de Xuventude e Voluntariado do Concello de Cangas presentou o pasado 6 de novembro unha nova edición do proxecto OBRADOIROS MUSICAIS. Trátase dunha iniciativa que pretende afondar na formación musical dos novos artistas, achegando a Cangas a diferentes músicos de diversos estilos musicais.

Nesta ocasión para achegarse á Música Tradicional, e para escomezar contarán coa experiencia e a acreditada calidade de catro músicos de gaita, percusión, requinta e canto tradicional. Eles son:

- Alberto Costas. Mestre de percusión
- Lola Fernández Parada. Mestra de canto
- Edelmiro Fernández. Mestre de gaita
- José Liz de Cea. Mestre de requinta

Os obradoiros terán lugar do 29 de novembro ó 22 de decembro e teñen prazas limitadas. Para inscribirse ou solicitar máis información, tedes a vosa disposición o número de teléfono da Casa da Xuventude de Cangas: 986 392 171

Programa dos obradoiros

II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

Coa experiencia da primeira edición do Congreso, e constatado o interese xerado polos seus contidos, participantes e desenvolvemento xeral, como a resposta positiva dos asistentes, A Asociación de Gaiteiros Galegos, asume o reto de reeditar a cita e avanzar nas súas propostas.

O II Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega celebrarase no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, os días 7, 8 e 9 de Decembro e pretende abarcar todos os ámbitos educativos de música tradicional existentes na actualidade en Galicia e tamén incluír a maioría das disciplinas que se imparten nos distintos centros.

Trátase de non excluír a ningún profesor ou profesora, alumna ou alumno, para que toda a comunidade educativa se vexa implicada neste proxecto e poida tirar conclusións que lle axuden no seu traballo diario.

Nesta ocasión, ademais de tratar a situación do ensino da música tradicional nas escolas de música, conservatorios e asociacións culturais, centrarémonos especialmente no ensino obrigatorio. O futuro das nosas tradicións, da nosa música, a nosa lingua, canto e baile, pasa inevitablemente pola transmisión destes coñecementos ás novas xeracións, para que saiban conservalos e respectalos.

Aquí xoga un papel importantísimo a escola, e dentro dela os mestres e mestras, aos que debemos proporcionar os materiais, métodos e asesoramento preciso para desenvolver tan importante faceta.

Máis información e boletín de inscrición

Ler mais. II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA

Páxina 431 de 486